Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/08/2017 | Actualizada ás 11:06
Equo Galicia presentou este mércores alegacións ao proxecto do parque eólico Mouriños dentro do prazo de información pública no que se atopa o expediente. O partido ecoloxista pretende así "apoiar a Salvemos Cabana e demais colectivos na súa loita contra o devandito parque" proxectado por Gas Natural Fenosa nos concellos de Zas a Cabana de Bergantiños, informan os ecoloxistas.
“Entendemos que se trata novamente doutro ataque ao noso patrimonio natural e paisaxístico da man das grandes multinacionais enerxéticas, ao que se suma o beneplácito da Xunta de Galicia, que novamente prima os intereses empresariais fronte os intereses públicos ambientais”, expón Equo.
Os ecoloxistas consideran que este proxecto "hipoteca o futuro da Serra do Gontón" e esixe o "respecto pola legalidade ambiental" e polo "incalculable valor paisaxístico da zona". Por isto, presentaron alegacións a este novo proxecto eólico en Galicia. "Lembramos que o parque eólico proxectado afecta directamente o miradoiro da espectacular desembocadura do río Anllóns na ría de Corme e Laxe", subliñan.
"DEFICIENCIAS GRAVES"
Equo Galicia denuncia, ademais, varias "deficiencias graves" tanto no proxecto do parque eólico Mouriños como no proxecto sectorial de incidencia supramunicipal dunha instalación de distribución eléctrica nos concellos de Cabana de Bergantiños e Zas.
"Ambos os dous proxectos concíbense de modo indisociable o un do outro e, con todo, preséntanse ante a cidadanía como proxectos autónomos en detrimento dos dereitos de participación e información cidadá, supoñendo unha verdadeira fraude de lei", alertan.
Ademais, o partido ecoloxista amosa a súa "preocupación" e subscribe ás denuncias xa formuladas polos colectivos ecoloxistas sobre os posibles efectos negativos sobre a saúde dos habitantes da zona afectada polo proxecto. Así mesmo, anima a persoarse nos dous procedementos en fase de información pública, "en defensa dos dereitos da cidadanía".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.