Temas: SERGAS SANIDADE

O SERGAS promete que non haberá cambios de médico ou hospital

A Consellería Sanidade defende o seu Anteproxecto de Lei de reforma sanitaria de Galicia, tanto no fondo como nas formas. En conversa con GC, fontes oficiais da Consellería rexeitan as críticas recibidas dende todos os partidos da oposición e os sindicatos do sector e lanzan unha mensaxe tranquilizadora á cidadanía.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 17/08/2017 | Actualizada ás 10:11

Comparte esta noticia

“A modificación da Lei é administrativa, non supón ningún cambio para os cidadáns”, prometen antes de concretar que “non haberá cambios de médico nin de hospital”.

Edificio do Sergas
Edificio do Sergas | Fonte: xunta.gal

Daquela, porque Sanidade botou andar a reforma en pleno período estival, cando a maioría da poboación está de vacacións?

Unha cuestión que non é baladí. Por exemplo, o período inicial de alegacións a través da Internet remataba a mediados de agosto, coa metade do país na praia. Non foi até o luns, tras múltiples críticas, que a Xunta ampliouno até final de mes. 

Por que a Consellería iniciou agora esta reforma? Sanidade leva a traballar tempo no borrador da reforma da lei, responden dende San Caetano, esquivando o fondo da cuestión. Iso si,  lembran que “máis tarde comezará o trámite habitual de alegacións e informes que toda tramitación de lei inclúe no seu procedemento”. Ademais sinalan que a reforma non está a tramitar pola vía de urxencia. 

O gran titular do Anteproxecto é que se reducen as áreas sanitarias, quedando limitadas a 7, nas cidades, elimando as de O Barco, Monforte, A Mariña e O Salnés. Así, os xerentes destas áreas, que son cargos de libre designación (por exemplo en Santiago a xerente é a curmá do presidente da Xunta) ven ampliado o seu mandato. Por que se reforma o mapa sanitario de Galicia agora? Até o de de agora, Sanidade enarborara o criterio de "utilización óptima dos recursos" e "máis eficiencia" para xustificar o cambio. 

Daquela a reforma é por motivos económicos? Cuestionado por GC, o SERGAS elude citar agora o aforro como xustificación. Polo contrario, céntrase en argumentar que se amplían as zonas de segundo nivel, os distritos sanitarios, creando tres  en Verín, Cee e Barbanza. En opinión de Sanidade, así “reforzase o papel dos hospitais comarcais e blíndase a súa existencia como a súa estrutura, xa que ten que haber un hospital de referencia en cada distrito”. A nova figura do Distrito Sanitario “amparará tanto ao persoal dos hospitais como á asistencia sanitaria de calidade para a cidadanía, que queda garantida”. Dende San Caetano específicase que os usuarios non percibirán cambio algún con esta reordenación do mapa do SERGAS.

O anuncio da reforma colleu por sorpresa a todos os axentes, que se queixaron de falta de diálogo.  “A fase de alegacións con sindicatos e demais representantes sociais virá no seu momento, máis adiante, agora so se cumpre o trámite de presentación no portal de transparencia”, explica a Consellería. O trámite de presentación no portal de transparencia foi o que se ampliou até final de mes. A comezos de semana, había presentadas máis de 500 alegacións por parte dos internautas.

Un dos debates que hai en todos os sistemas sanitarios públicos universais é o do "hospitalcentrismo”, focalizar os recursos na atención de doenzas graves e urxencias en grandes centros sanitarios reducíndoos en atención primaria. SOS Sanidade pública acusou á Consellería de profundizar no “hospitalcentrismo” con esta reforma. A CIG di que "os médicos dos centros de saúde non teñen un interlocutor válido porque todo pivvoa en torno a os hospitais".  Polo contrario, en Sanidade aseguran que a reforma suporá unha "mellor coordinación" atención primaria e hospitalaria en beneficio do paciente, engaden que  “non se busca o hospitalocentrismo, senón a mellor atención á cidadanía, alí onde se poida resolver o seu problema de saúde”.

En setembro comezará o trámite parlamentario da Lei. A maioría do PPdeG sacarao adiante con facilidade, salvo que a supresión das tres áreas sanitarias enfureza aos seus votantes a pé de rúa, algo que non sucedeu até o de agora, e provoque unha mobilización dos líderes conservadores nesas comarcas. A previsión da Consellería é ter lista a reforma da Lei mediante o “procedemento rutinario” ao “longo deste ano”.

Temas: SERGAS SANIDADE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta