Temas: MúSICA

“Aquí os menos gangsta somos os rapeiros, gangsta é Feijóo nun barco de narcos”

Cite un acto cultural en Galicia, calquera, que poida xuntar a miles de mozos menores de 20 anos. Agora exclúa da selección á Orquesta Panorama e similares, pois ese acto cultural debe ser organizado á marxe de grandes promotoras e sen suscitar a atención dos grandes medios de comunicación. Ben, nin de grandes, nin de pequenos. Cal é a única resposta posible? En Galicia, hoxe en día, un festival de hip hop. E no país, o nome que máis soa nestes meses é o de Hard GZ. Falamos con el sobre música, drogas, o diñeiro de Youtube e a situación do galego.

Por Manuel Vilas | A Coruña | 31/08/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Por poñer un exemplo, o cartel encabezado por Hard GZ nas últimas festas da Ascensión de Santiago convocou a máis de 2.000 raparigos, e un par de ‘maduritos’ abraiados. Abraiados coa enerxía, sentidiño e creatividade da escena rapeira no país. 

HardGZ nunha imaxe promocional
HardGZ nunha imaxe promocional | Fonte: La Utopía del Norte

Máis cifras sobre a mesa para aqueles que non foran nunca a un concerto, por exemplo, d’O Marisquiño. Neste caso de reproducións de Youtube: "Vamos viendo" máis de dous millóns de reproducións en só dous meses. "Cae la noche" , canda a virtuosa voz  de Dollar, 3,1 millóns en oito meses."Postureo" roza os cinco millóns de reproducións en ano e medio. 

O protagonista deses vídeos é Hard GZ, MC coruñés do colectivo La Utopía del Norte un dos grandes nomes (pero non o único) da gran explosión do hip hop galego. Ten mMáis de 109.000 seguidores en Instagram. Non lle dan vertixe tales cifras? “Son só cifras, vertixe dáme un concerto diante de 10.000 persoas, iso si que é impáctante”, replica en conversa con GC.

No Youtube gáñanse cartos; pero moito máis nos concertos, é dicir, se das dous concertos por semana -que tampouco resulta doado logralos-  a fin de mes nótase a diferencia respecto a  cobrar só de Youtube”, engade Hard GZ ao ser cuestionado sobre se os artistas están a recibir un trato xusto por parte do xigante de Google e se se pode vivir do hip hop hoxe en Galicia.

HardGZ nun concerto nun festial na Porta do Sol en Madrid
HardGZ nun concerto nun festial na Porta do Sol en Madrid | Fonte: La Utopía del Norte

O rap segue á marxe do foco dos grandes medios, iso que que chaman “mainstream”. Ao contrario do que sucede noutros estados (Francia e Reino Unido por non citar aos EE.UU.), o hip hop no país para moitos continúa a ser para moitos só o que sae dos móbiles dos “malotes”, é dicir, dos mozos dos barrios máis pobres. Nada novo, sucedeu co punk, pasou co heavy; pero coa diferencia que, 23 anos despois do seminal Madrid Zona Bruta do Club de los Poetas Violentos, e de puntuais e limitados éxitos comerciais (La Mala Rodríguez, Violadores del Verso e poucos máis), o rap aínda non foi asimilado completamente pola industria. Hard GZ non sona, nin sonará, en Los 40.

Para el, o hip hop “continúa ao marxe pola sinxela razón de que saben que non poden moldear a nosa personalidade nin as nosas letras, como fan coa musica pop”. 

E de que falan logo esas rimas? Nas de Hard GZ, ademais de festa, hai tamén moita crítica social. Con todo, é certo que en gran parte dos novos rapeiros galegos prima un intento de recuperar aquí o chamado "Gangsta rap": porros, fariña, uso do corpo da muller como obxecto, delincuencia, alcol … 

Non é algo impostado trasladar códigos da Costa Oeste dos EE.UU. ás pequenas urbes galegas? “Falar das mulleres como obxectos é vomitivo, iso eu méis toda a miña xente témolo claro”, aclara en primeiro lugar o MC. Posto sobre a mesa o tema das drogas, opina que “a cocaína e os porros non é Gagnsta rap, é rap real". 

Iso si, a continuación o compositor afirma que “Gangsta é o señor Feijoo cazado nun barco de narcotraficantes, gangsta é a cantidade de chalés e casonas que encontras a entrar en Vilagarcía, coches de alta gama en moitísimos pobos relacionados historicamente coas drogas, gagnsta é o garda civil que encontraron no estreito con kilos e kilos …”. 

Na súa opinión, “os menos gangsta somos nós”, os rapeiros, polo que a prensa debería deixar de caer no estereotipo do “morbo” en vincular hip hop e drogas e “vós os periodistas deberiades investigar mas sobre as drogas e o poder político en Galicia, porque iso si que é gangsta”.

Outro dos elementos peculiares do rap de Hard GZ é a mestura de linguas. Os seus versos están na súa gran maioría en castelán, pero non ten complexos de mesturalos co galego,  por exemplo na recente "Crowfundin' pa un BMW" ou na exitosa "Postureo", coa que soe pechar os seus concertos. Procedente de Vigo, criouse na Coruña, urbes na que o galego está claramente en retroceso.

Como vive o conflito lingüístico no país e como se percibe dende o hip-hop? “Esta claro que o galego nas cidades tende a desaparecer, levo vivindo na Coruña como doce anos e pouca xente escoito falar galego como lingua principal, é triste, pero é a realidade”, laíase antes de facer unha lectura política do conflicto lingüístico: “Os gobernantes aquí fixeron coa lingua o que quixeron, en Cataluña e no País Vasco non ves que pase isto, a poboación deberían cuestionarse se os mandatarios son unha sucursal de Madrid, ou se queren defender a lingua a cultura e a xente da Galiza”.

Hard GZ xoga na casa este venres, no Festival Beat Out en Expocoruña. Tamén recomendable pasarse por “Unha marioneta para cambiar o mundo”, o proxecto que apradiña para construír unha escola no Senegal.

Temas: MúSICA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

4 Anánis e faraldo

Pois pra frear ese retroceso da nosa lingua son eles (os rapeiros galegos que non o empregan ou releghan o galego a unhas frases) os que lhe tenhen que dar visibilidade; coma fan deus le té crew, Rebeliom do inframundo, ezetarre,etc

3 ÉcheOQueHai

Pois o rapás falou ben e puxo coma o que son ós vellos peideiros que tan ben se dan neste cornecho: decadentes, delincuentes, criticons e mediocres. Asi se explica un narcopresidente coma feijoo ou a corrupción tan extendida en corpos policiais e que teiman en non ver.

2 undaaqui

Para min un pouco descafeinado, moi adolescente pero ben. Quédome coa Polla

1 PowerRover

Ten moito mérito o que están facendo estes rapaces. Sen medios e sen apoios e millóns de visitas. E os vellos, coma sempre, criticando.

1 Reborainacursillista

Eché o que hai, éche o que hai, se es vello vives en Reborainaland ou les o Galicia Confidencial!