Galicia estará presente no futuro informe sobre as medidas de apoio ao sector do mel

O Grupo Confederal da Esquerda Europea nomea a Lídia Senra como responsable para seguir as medidas de apoio ao sector apícola europeo e supervisará este documento.

Por Galicia Confidencial | Bruxelas | 30/08/2017 | Actualizada ás 18:38

Comparte esta noticia

A eurodeputada galega Lídia Senra foi designada responsable do seguimento da elaboración do informe Perspectivas e desafíos para o sector da apicultura da UE en representación do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

Enxamio de abellas
Enxamio de abellas | Fonte: GC

Actualmente a Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo, da cal Senra é titular para o GUE/NGL, está en proceso de elaboración dun texto que pretende adoptar medidas de apoio á produción de mel dentro da Política Agraria Común (PAC). Entre outras cuestións, a Comisión de Agricultura subliña que o 84% das especies vexetais e o 75% da produción de alimentos na UE depende das abellas, que ademais ostentan unha responsabilidade crucial na conservación do equilibrio ecolóxico e a diversidade biolóxica.

Aportacións galegas

A data de incorporación de achegas a este texto finaliza o vindeiro 8 de setembro , polo que a eurodeputada galega, segundo informa o seu grupo nun comunicado, está xa a traballar co sector apícola para presentar as incorporacións e modificacións que os apicultores galegos consideren pertinentes. Unha vez consensuado o texto final, este será sometido a votación na Comisión de Agricultura e, no caso de ser aprobado, votarase novamente por tódalas eurodeputadas/os en sesión plenaria do Parlamento Europeo.

Lídia Senra impulsou iniciativas como o encontro “Afrontando retos para a supervivencia das abellas en Europa”, celebrado en marzo do ano 2016 no Parlamento Europeo; así como varias iniciativas parlamentarias sobre o sector.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta