Denuncian que a nova lei de fomento empresarial é “incompatible” coa protección do medio ambiente

Salvemos Cabana defende que a lei proposta polo PP na Cámara galega "pretende a simplificación da tramitación ambiental de proxectos eólicos e mineiros e a redución significativa de prazos de información pública".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/09/2017 | Actualizada ás 12:02

Comparte esta noticia

A organización ecoloxista Salvemos Cabana vén de denunciar o borrador da nova lei de fomento empresarial para Galicia, a cal consideran unha "verdadeira oda ao neoliberalismo máis cru" ao buscar "impoñer de golpe numerosas modificacións que afectan á normativa sectorial co fin de conseguir o obxectivo da axilización administrativa" dentro dunha "planificación territorial definida", o que podería converter todo o territorio galego nunha "sorte de parque industrial a costa doutros sectores económicos tradicionais como a agricultura e a gandería, fundamentais no ámbito rural", advirten os ecoloxistas.

Parque eólico de Corme
Parque eólico de Corme | Fonte: Salvemos Cabana.

En relación co sistema de regulación actual, esta nova lei pretende "simplificar ao máximo" os procedementos, contemplándose a tramitación conxunta de diversas fases como a autorización administrativa previa, a autorización de construción e do proxecto sectorial mentres se acurtan os períodos de información pública, o que "recurta de maneira importante as posibilidades das poboacións afectadas de avaliar a repercusión dos diversos proxectos industriais que se propoñan", apunta Salvemos Cabana.

Doutra banda, no texto da norma figuran "afirmacións contrapostas e sen sentido", pois, a criterio dos ecoloxistas, ao mesmo tempo que se aposta polo desenvolvemento do sector eólico "dunha maneira continuada no tempo" fálase de garantir a "sustentabilidade ambiental" e "protexer" o medio natural cun "escrupuloso respecto á Rede Natura 2000", cando a realidade é que "desde a actual Administración autonómica están a autorizarse ás grandes eléctricas repotenciacións de parques eólicos situados dentro de zonas protexidas a nivel europeo sen maiores problemas".

"BARRA LIBRE" AO SECTOR MINEIRO

A nova Proposición de Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia aposta igualmente por un "procedemento integrado" que incorpora nun "todo nun" as distintas autorizacións sectoriais e que inclúe na solicitude dos dereitos mineiros a documentación requirida polas devanditas autorizacións, acelerando unha vez máis prazos e procedementos.

O texto recoñece ademais que "os dereitos mineiros que levan implícita a declaración de utilidade pública, en virtude da lexislación básica, poderán incorporar á súa tramitación a declaración da necesidade de ocupación dos bens ou dereitos que sexan indispensables para o inicio do proxecto", o que sitúa nunha situación de "práctica indefensión aos propietarios afectados, pois de saír adiante esta norma a fase de información pública pasaría na práctica para ter un carácter meramente testemuñal sen apenas efecto sobre a decisión administrativa", subliña Salvemos Cabana, que considera que se lles está ofrecendo unha "barra libre" ás empresas mineiras..

CONSECUENCIAS

No actual contexto de "redución das normativas de protección da natureza e o territorio",  no que moitos informes ambientais saen adiante "sen o rigor debido", e onde "non se valoran outros parámetros que non sexan os de primar as contas de resultados das grandes corporacións", Salvemos Cabana considera que de saír adiante esta lei terá "consecuencias imprevisibles" para o futuro e suporá unha "nova volta de torca á actual situación de desastre técnico e pésima xestión que de maneira crónica sofre o medio ambiente en Galicia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta