Temas: MúSICA

Tanxugueiras, Radio Cos e SES no festival "As Cores do Outono"

A Pobra do Brollón acollerá este encontro coa música e a tradición o sábado 30 de setembro. Ricardo Rodicio, concelleiro de Cultura do Concello, explicános os seus atractivos.

Por X.M. Fernández | Pobra do Brollón | 27/09/2017 | Actualizada ás 19:28

Comparte esta noticia

Rematou o verán e con el a ateigada axenda de festivais que teñen lugar ao longo da xeografía galega. Metidos xa en outono a oferta baixa e tamén se agradece para non ter que sacrificar uns polos outros e para vivilos sen as présas da época estival. Neste contexto resulta interesante anotar na axenda “As Cores de Outono”, un encontro coa tradición e as músicas do país nunha contorna rural que conta con moitos atractivos para gozar da chegada do outono.

O grupo musical Radio Cos
O grupo musical Radio Cos

O Concello da Pobra do Brollón organiza este festival por cuarto ano consecutivo na área recreativa de Samugueiros e para esta ocasión contará nos concertos da noite con Tanxugueiras, Radio Cos e SES. A actriz Isabel Risco será a encargada de presentar e de cubrir con chispazos de humor o espazo entre as actuacións. Pero antes, pola tarde, terá lugar unha interesante  “Master Class” de canto e pandeireta a cargo de Xurxo Fernandes e unha actuación infantil a cargo de “Os sete magníficos máis un”.

Falamos con Ricardo Rodicio, concelleiro de cultura do Concello da Pobra do Brollón.

Como naceu este festival?

Máis que un festival é un encontro. O nome completo é “Encontro de artes e Música Cores de Outono”. A idea dende o principio foi organizar un evento no que coincidiran diferentes disciplinas artísticas e musicais do país. Así en anos anteriores tivemos proxeccións audiovisuais e cinematográficas, excursións para coñecer o territorio, artesanía, obradoiros, actuacións musicais...

SES presentando o seu disco en directo
SES presentando o seu disco en directo | Fonte: komunika kultura

Este ano teremos o obradoiro Máster Class de panteireta e canto, artesanía e actuacións musicais pero as outras disciplinas non puideron entrar por temas organizativos o que non significa que se deixen de ter en conta para posteriores edicións.

Que hai que facer para apuntarse ao obradoiro especializado de Xurxo Fernandes?

Hai que anotarse a través do teléfono 982 430 546 ou do correo electrónico biblioteca@pobradobrollon.es

Tedes algunha previsión de asistencia e impacto económico?

Tendo en conta o cartel deste ano e que hai previsión de bo tempo pensamos que podemos chegar ás 2.000 persoas. Evidentemente o impacto económico é importante pois a chegada de tanta xente sempre deixa cartos na hostalería e no comercio local.

Como se financia un evento deste nivel?

Pois dende o concello que foi o que tivo a idea e a iniciativa estes anos pero contando coa importante achega económica da Deputación de Lugo que considera de gran importancia apoiar este evento pola dinamización cultural e económica que representa para concellos do interior como o noso.

Ademais do gran cartel para vir pasar a tarde do día 30 que outros atractivos ofrece a zona aos visitantes?

A Pobra do Brollón ten outros atractivos para aproveitar toda a fin de semana. Convido á xente a achegarse á Ribeira do Sil en Vilachá e ver as cores das viñas, visitar o espectacular miradoiro da Capela tamén en Vilachá, o Castro de San Lourenzo, a sobreira centenaria de Santiorxo… Achegarse ao Courel, somos unha das portas de entrada, gozar da gastronomía local e descansar nalgunha das casas rurais da zona…

Temas: MúSICA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta