A cara oculta do comercio de México con EE.UU.

Este é o tema do traballo do profesor da USC Óscar Rodil que foi premiado polo Banco Nacional de Comercio Exterior de México premia un traballo do profesor Óscar Rodil

Por GC Emprende | México | 26/09/2017 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

O profesor de Economía Aplicada e investigador do grupo ICEDE da USC Óscar Rodil Marzábal obtivo a máxima categoría do premio que o Banco Nacional de Comercio Exterior de México (Bancomext) outorga a través da súa Revista de Comercio Exterior. Co título ‘La cara oculta del comercio de México con Estados Unidos: las cadenas de valor al descubierto’ o traballo gañador analiza as relacións comerciais entre os dous países e a vinculación coa súa participación nas cadeas internacionais de produción, atendendo á orixe xeográfica do valor engadido dos intercambios.

O economista Óscar Rodil
O economista Óscar Rodil | Fonte: USC

O premio que convoca Bancomext, aberto tanto a autores nacionais como estranxeiros, contempla tres premios dentro da categoría ‘Especialista’ e un único premio para a categoría de investigadores novos. O primeiro premio da categoría Especialista, ademais da entrega dun diploma acreditativo, leva asociada a publicación do traballo así como unha dotación de 150.000 pesos mexicanos.

Dos resultados da investigación derívase a “urxente necesidade” de afondar na análise do comercio exterior dende a perspectiva dos intercambios de valor engadido e da participación dos países nas cadeas de produción global, superando as limitacións dos estudos ancorados no enfoque do comercio en bruto, engade o docente.

O investigador explica no seu traballo que “dende este novidoso enfoque do comercio en valor engadido, pódese observar con claridade como o voluminoso déficit comercial de Estadios Unidos con México é máis aparente que real”, en maior medida nos principais sectores exportadores de México, como son a industria automotriz e os produtos de electrónica e computación. Nestes dous sectores en particular, engade Óscar Rodil, México tan só participa achegando entre unha terceira parte e a metade do valor das súas exportacións brutas.

O estudo premiado pon de manifesto que “o patrón de inserción comercial de México con Estados Unidos presenta notables dificultades en temos de achega de valor doméstico, con especial incidencia nos seus principais sectores exportadores”. Neste proceso inflúen de maneira especial a crecente fragmentación produtiva internacional e o avance de economías emerxentes como a de China. Estes factores “non resultan neutrais na medida en que México se incorpora a estes procesos cunha predominancia dos encadeamentos cara atrás nas cadeas de produción, participando nas cadeas globais de valor sobre todo como un portador de valor xerado fóra das súas fronteiras, máis que como un creador neto de valor engadido”, engade o traballo.

Bancomext

O Banco Nacional de Comercio Exterior (Bancomext) é unha institución de banca de desenvolvemento mexicana e axencia de crédito á exportación para promover as exportacións e a xeración de emprego en México. Esta institución, que este ano celebra o seu 80 aniversario logo da súa creación en 1937, constitúe un instrumento do goberno mexicano para aumentar a competitividade das empresas mexicanas. En 2017 Bancomext foi recoñecido como ‘Banco del Año en América Latina’ debido á súa contribución nos principais sectores exportadores, así como polo seu proceso de expansión nos últimos 5 anos.

Óscar Rodil

O profesor Óscar Rodil Marzábal é profesor do Departamento de Economía e investigador do grupo ICEDE da USC. Doutorouse en Economía en 1999 coa tese Crecemento económico e capacidade tecnolóxica rexional no marco da Unión Europea (1980-1995) que acadou o Premio Nacional da Real Academia de Doctores en Ciencias Sociais e Xurídicas así como o Premio extraordinario de doutoramento.

Foi investigador visitante na Universidade de Manchester (Reino Unido) e colabora habitualmente con universidades de México e doutros países en temáticas relacionadas co comercio, a internacionalización da produción e a innovación. No ano 2015 foi o coordinador do único proxecto gañador da convocatoria Explora da Fundación Unión Europea-América Latina y el Caribe (Fundación EU-LAC), institución que foi creada polos Xefes de Estado e de Goberno da Unión Europea (UE) e da Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños (CELAC) en 2010 e que ten a súa sede en Hamburgo (Alemaña). Os resultados dese estudo viron a luz coa publicación dun libro editado pola Fundación EULAC e publicado en dous idiomas (español e inglés), sendo difundido a máis de 60 países.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta