(AM) O PSOE pedirá á Comisión Europea activar o Fondo de Solidariedade polos incendios

Solicita que Tejerina compareza no Congreso acerca dos incendios e dos mecanismos para resolver esta crise e previr outras

PONTEVEDRA | 17/10/2017 | Actualizada ás 16:18 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, avanzou que pedirá ao presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, activar o Fondo de Solidariedade europeo para que se trasladen fondos a Galicia, Asturias e Castela e León para facer fronte aos danos causados pola onda de incendios dos últimos días.

Pedro Sánchez visita zona incendios Nigrán
Pedro Sánchez visita zona incendios Nigrán | Fonte: Europa Press

Durante unha visita a Chandebrito, en Nigrán (Pontevedra), onde o domingo faleceron dúas persoas nunha furgoneta atrapadas polas lapas, Sánchez chamou á cautela nas declaracións, e antes de pedir responsabilidades políticas, xa que aínda se están sufocando as lapas.

Non entanto, adiantou que pediron a comparecencia no Congreso da ministra de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, para que se pronuncie sobre a situación e indique cales van ser os mecanismos de resposta para resolver esta crise e previr para que non se volva a repetir.

Sánchez puxo en relevo que a visita deste martes, na que despois de ir Nigrán, tamén acudiu ás Neves e posteriormente a Vigo, ten como obxectivo "estar coa xente" e trasladar "a solidariedade, agarimo e compromiso" do PSOE para que un suceso como o deste fin de semana "non volva suceder ou evitar que sexa con esta magnitude".

En relación con iso, subliñou que o Partido Socialista leva tempo "denunciando a falta de políticas de prevención" por parte do Goberno popular, así como a "carencia absoluta dunha estratexia nacional de loita contra incendios".

Fronte a isto, insistiu en que é necesario ampliar recursos, implantar políticas preventivas, recuperar a estratexia do desenvolvemento do rural e "empezar a reconstruír a lexislación básica desmantelada polo PP", como son a lei de desenvolvemento do rural e a lei de montes.

"FRACASO" POLÍTICO

No mesmo acto, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, transmitiu as súas condolencias aos familiares dos falecidos e aos afectados por esta "situación dramática" e, aínda que coincidiu en que hai que ser "cautos" nas declaracións, considerou que "é evidente que se manifesta un fracaso na política forestal e ambiental" do PP.

Non se pode "permitir que os cidadáns galegos teñan que esperar a que chova para ver as súas casas e vidas con posibilidades de solución", selou, antes de apuntar que unha vez que todos os incendios fosen extinguidos, será momento de analizar as responsabilidades políticas.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta