Cantar o amor en tempos de morte: Henri Deluy e a nosa lírica medieval

Cos seus oitenta e seis anos, Henri Deluy é –séxao por moito tempo- un dos máis importantes poetas franceses contemporáneos. Máis de setenta anos foron por el consagrados á militancia da poesía, baixo a forma da creación persoal, da tradución de poetas de variadas latitudes, da realización de antoloxías ou da creación e dirección de revistas e de festivais de poesía. Cunha militancia paralela na esquerda política.

Por H.Arguindey | Redondela | 26/10/2017 | Actualizada ás 10:40

Comparte esta noticia

Entre estes fitos deberemos citar o da revista « Action Poétique », da que Deluy foi redactor xefe dende 1958 ata 2012, derradeiro ano de publicación, ou a Bienal Internacional de Poesía de Val de Marne, que el creou en 1991 e dirixiu ata 2005. Algúns dos poetas que traduciu foron o neerlandés Roland-Holst, os rusos Maiakovski e Akhmátova, o checo Seifert, o eslovaco Novomeski e o portugués Pessoa. Outros máis, traducidos por el ou por colaboradores- son os e as poetas que figuran nas súas diferentes antoloxías.

O Pergamiño Vindel, que contén sete cantigas de amigo de Martín Códax
O Pergamiño Vindel, que contén sete cantigas de amigo de Martín Códax | Fonte: DUVI.

Ten para nós unha especial relevancia a difusión que Henri Deluy lle deu á nosa poesía medieval no ámbito francófono. En 1984, Action Poétique publica  unha ampla escolma de « Troubadours Galego-Portugais » que acolle unha trintena de autores de cantigas de amigo,  de amor, de escarnho e maldizer e de Santa María.  A escolma e a introdución, dirixida por Madeleine Arroja e Henri Deluy mobiliza catorce poetas franceses que asinan as adaptacións.

Pouco despois,  en 1987, Deluy publica na Editorial P.O.L. unha magnífica escolma : « Troubadours Galego-Portugais. Une anthologie » , baseada na de Action Poétique mais moi  mellorada, non só pola maior cantidade de obra traducida (191 composicións e  71 trobadores e xograres) senón polos utilísimos apoios de introdución, notas biográficas, definición dos xéneros, contextualización do trovadorismo galego-portugués no  movemento literario europeo, bibliografía, etc. E a rica e fermosa identificación de Deluy.

En efecto, el entusiásmase coas cantigas de escarño :

O Pergamiño Vindel, exposto en Vigo
O Pergamiño Vindel, exposto en Vigo | Fonte: UVigo. Vindel

« Suntuosas.

A diversidade, a potencia de intervención, a xocosidade, o tráxico das cantigas de escarño e de maldizer galegoportuguesas, colócanas alén, máis lonxe e nun lugar distinto ao das equivalentes provenzais, malia os estados de graza dalgunhas destas (penso nomeadamente en Peire Cardenal) […] Practícanse nelas a chufa, a insolencia, a retesía e as inxurias, as postas en causa e as acusacións, o laio e as cuestións de honor, os panfletos, as ladaíñas moralizadoras, as imprecacións, os votos, as fanfarronadas sexuais, as agudezas políticas, os enfrontamentos ideolóxicos, as acumulacións de grosarías e os arrotos das bebedelas, os ataques de rabia e os couces, mais tamén os grandes cantos históricos e os peáns nacionais, a afinación da teoría do amor, a reivindicación da xustiza social e a vontade de respecto, a audacia, a confrontación leal e o adversario admirado, o adeus aos mortos e a compartición da angustia. Porque se un se bulra do combatente covarde, do traidor, se un se arrepinte de non ter escollido o campo correcto, o do vencedor, se un dirixe invectivas contra as alianzas felonas cos « mouros » -disposto a facer o mesmo de alí a un pouco para loitar contra o cristián veciño- tamén extrae reflexións morais contra a decadencia e a deslealdade. Subliña o xesto fermoso e a grandeza de espírito. Está disposto a recoñecer os erros propios e a entoar o mea culpa. Todo isto se fai a bo ritmo, nunha lingua ardente, dura, violenta ou xordamente vingadora, esvaradía ou ríspida, agresiva ou golfanta, que serve sempre para todo. Unha lingua de combate áxil e maciza. »

Mais aínda é maior a súa admiración polas cantigas de amigo :

« As cantigas de amigo son a diferenza, son a singularidade fundamental da lírica galegoportuguesa na familia europea dos trobadores e xograis e na historia da poesía, se cadra tamén na da canción. Apropiación e mutación dunha tradición local existente na que a repartición musical dos ritmos goberna a estrutura estrófica do poema, a forma do verso, a súa distribución e as súas técnicas, a cantiga de amigo é un grito do corazón.

Un grito inverso do corazón de amor.

O trobador fala por e para a muller amada.

É ela a que supomos que se expresa. Ela diríxese ao « amigo », ao « amado ».

O namorado bebe na palabra da súa namorada o propio canto que crea para ela cando se dirixe a el. Os galegoportugueses non inventaron, evidentemente, esta reversión nin a arte do paralelismo que lle fornece o seu encamiñamento. Atópanse pegadas destes en numerosas poesías do mundo. Unha e mais outro veñen de lonxe. Con todo, os galegoportugueses son os únicos que nos propoñen un conxunto tan vasto, tan coherente, tan típico e tan logrado. Tan rebordante de logro.

E tamén tan fondamente orixinal mesmo no refinamento dos detalles, nas modulacións do dispositivo prosódico, na fogaxe e a esgazadura a un tempo da obsesión amorosa. Tanto frescor e espontaneidade revelados, tanta sinxeleza aparente no traballo e a substancia. »

Mesmo que a Morte gadañe e que o Terror contra do pobo trate de estarrecelo, a poesía segue a cantar a vida e a esperanza. O amor non é, para un poeta comprometido como Deluy, un tema secundario e desdeñábel. Posturas infantís e ignorantes esquecen que moitos dos  e das grandes poetas da Humanidade conxugaron na súa obra sentimentos que non son contraditorios senón que conforman a harmonía da persoa. Para que citarmos máis nomes que Éluard ou Neruda ?

Fala, daquela, Deluy da nosa lírica medieval e fala do amor de todo tempo :

« O amor existe. A poesía de amor existe alá onde leva o amor do amor. É polo amor polo que a cantiga existe. O amor existe. A cantiga existe.

É porque os practican xuntos polo que os trobadores practican o amor da cantiga de amor.

É dificil amar e dicilo. Mais os trobadores non se deixan abater por dificultade ningunha.

Debrúzanse no amor e entréganlle o seu corpo. Píllano para eles, por veces sen abandonaren a vela, por veces cos membros esparexidos ao pé dunha muralla, nesa lontananza das cabalgadas.

O amor canta docemente,  cantarola por veces,  un pouco arredado, detrás do cabalariza, onde vai chorar a mociña.

O amor, aquí, desfaise no alfabeto, reconstruíndo o seu propio dicionario, dándolle a cada palabra o seu xeito e o seu acento.

Porque de amar ven a cantiga.

Da cantiga o amor.

E do amor a violencia e a morte.

Porque, lanzado, o amor ofúscase, ata cantar de non cantar.

Ata hoxe.

Ata crebar os mecanismos máis eficaces : os poemas móstrano.

O amor para acabar e para comezar. »

Esta fascinación empurrou Deluy en 1987 a publicar en edición separada, na editorial Avec/ Royaumont, a súa tradución das sete cantigas de amigo de Martín Códax.  Unha fermosa e restrinxida tiraxe de  90 exemplares en tamaño 32x25 cm. e con gravados do artista Marc Charpin que asina cada exemplar.

É de xustiza que o noso país agradeza o labor de Henri Deluy e que o resalte con ocasión da histórica exposición en Vigo do pergamiño Vindel  coas sete cantigas de Martín Códax, exposición que debemos a Cipriano Jiménez e o colectivo Pertenza.  A obra de Martín Códax, salientábel contribución galega á literatura universal  que o importante lingüista Roman Jakobson  -referíndose particularmente á quinta desas cantigas- calificou  no seu día como « un raro espécime das xoias verbais do século XIII. »

Queremos, moi de pasada, salientar que o interese pola lírica medieval galegoportuguesa non fai máis que medrar de día en día. Sinalaremos, pois, a  antoloxía « Chant d’amour des femmes de Galice », de Pèire Bec, un veterano profesor universitario especialista na literatura occitana e escritor el mesmo nesa lingua. Bec publicou  en  2010  (pouco antes de finar, en 2014, aos 93 anos) unha antoloxía das cantigas de amigo galegoportuguesas que inclúe cinco das escritas por Martín Códax. As magnificas introducións e notas de Bec acompañan os textos orixinais e á súa tradución francesa. E a maiores –nunha mostra de irmandade entre as dúas linguas e as dúas líricas- todas as cantigas ofrecen tamén a tradución occitana do antólogo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta