Galicia explica matematicamente como combater ciberataques e noticias falsas en Internet

O Campus de Elviña da Universidade da Coruña acolle as 'V Xornadas sobre Seguridade e Defensa: Tendencias e Demandas en Tecnoloxías Matemáticas e TIC'.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 22/11/2017 | Actualizada ás 13:50

Comparte esta noticia

Ante a crecente preocupación polas inxerencias en procesos sociais e políticos a través das redes sociais, as novas tecnoloxías matemáticas ofrecen anticipar, detectar e trazar a orixe dun ciberataque case instantaneamente. “Na actualidade, estas manobras encamiñadas a influír e desestabilizar detéctanse a posteriori porque, por exemplo, o cotexo de fotografías faise a ollo; desenmascarar as informacións falsas a tempo real requiren plataformas e algoritmos de análise automática e masiva de datos como os que desenvolvemos nós”, explicará Guillermo López, CEO de Torusware.

Ciberguerras.
Ciberguerras.

López participará nun dos relatorios das ‘V Xornadas sobre Seguridade e Defensa: Tendencias e Demandas en Tecnoloxías Matemáticas e TIC’, organizadas polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) e o Instituto Tecnológico de Matemática Industrial (ITMATI), que se celebra na Coruña os días 23 e 24 de novembro.

O evento presenta o primeiro sistema de detección temperá de sismos e tsunamis en España, baseado en modelos matemáticos e algoritmos numéricos que predín o seu potencial destrutivo antes de que ocorran.

No congreso tamén se exporá un modelo matemático de distribución loxística de axuda humanitaria que, por primeira vez, permite priorizar conxuntamente criterios como a equidade e a seguridade dos cooperantes.

E mostrarase como se identifican brancos militares minimizando os riscos.

Estes son algúns dos contidos das trece sesións do evento, nas que representantes da Armada Española, de entidades investigadoras e de empresas como Airbus e Getronics, entre outras, expoñerán casos de éxito no ámbito da seguridade e a defensa.

“En todos eles, os modelos matemáticos, a utilización de algoritmos numéricos, a súa implementación eficiente en computadores e o uso tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) foron parte da solución”, explica Carlos Vázquez, catedrático Matemática Aplicada da UDC, investigador adscrito ao ITMATI e do CITIC e presidente do Comité Científico e Organizador.

“Este encontro busca o achegamento de grupos de investigación en matemáticas e TIC con industrias e institucións relacionadas coa seguridade”, comenta Vázquez.

O avance do big data é un dos campos de oportunidade para ambos porque “permitirá a incorporación dos datos reais para calibrar os modelos”; por iso, é o tema elixido para a mesa redonda que servirá de colofón ás xornadas. Nela participarán, entre outros, representantes do ITMATI), do CITIC, do Centro Superior de Estudios da Defensa Nacional (CESEDEN) e da UDC.

As catro institucións organizan o encontro xunto co grupo m2nica e a colaboración do Instituto Matemático Interdisciplinar (IMI), pertencente á Universidade Complutense de Madrid (UCM).

Na mesa redonda discutirase a análise dos datos para sacarlles o máximo partido, a seguridade dos mesmos e a súa xestión. Ademais, non só conta con presenza de profesores universitarios, profesionais de empresas e un representante de defensa se non que, tamén participan alumnos universitarios, preferentemente de máster e doutoramento. “Eles achegan curiosidade polos temas para tratar e poden darlles pistas sobre saídas laborais”, explica Vázquez, que é membro do CITIC e do ITMATI.

GUERRAS CIBERNÉTICAS, TERREMOTOS E OUTRAS EMERXENCIAS

“As guerras do século XXI líbranse na internet e teñen como obxectivo influír no país e tomar partido segundo os intereses do inxerente; pero cando se detectan é demasiado tarde porque xa lograron o que pretendían”, conta López, de Torusware.

A análise sistemática de grandes cantidades de datos dixitais, non só serve para anticipar unha estratexia de ciberdefensa e ir adaptándoa a tempo real; tamén, para detectar patróns anormais no comportamento das persoas. “Se un sospeitoso apagou o seu móbil, e normalmente non o fai, é probable que o fixese de forma previa á comisión dun delito. Isto xa se utiliza como proba ante os tribunais”, explica. Saber con antelación a chegada dun terremoto devastador tamén é vital para a seguridade cidadá.

“Con só emitir unha alarma uns segundos antes da chegada das ondas destrutivas poderíase, por exemplo, reducir a velocidade dos trens, acubillar aos nenos baixo os pupitres e parar a cadea de produción de produtos sensibles; no caso dos tsunamis, podemos predicir a súa chegada non só con segundos, senón con minutos, tempo suficiente para evacuar á poboación”, conta José Martín Dávila, capitán de navío e profesor emérito do Departamento de Xeofísica da Escola de Estudos Superiores.

A Armada creou un algoritmo matemático que estima o grao de destrución dun sismo e se se producirá un tsunami, a partir da información das primeiras ondas. Ademais, grazas á implementación dunha rede GPS moi sensible, que detecta deformacións milimétricas no terreo, e o desenvolvemento de ecuacións matemáticas que analizan a súa información case a tempo real, “pódese facer o seguimento de grandes terremotos que adoitan saturar os sismógrafos tradicionais”, explica Martín.

Os modelos matemáticos tamén son os protagonistas na adaptación dos sistemas tradicionais de distribución -que utilizan compañías como Amazon- á repartición de axuda humanitaria en zonas de catástrofes. “Ata agora non podían aplicarse neste ámbito porque a loxística comercial prioriza o rendemento mentres que, en conflitos, o máis importante é a seguridade”, explica Teresa Ortuño, do Instituto de Matemática Interdisciplinar.

O seu equipo conseguiu integrar variables tan complexas como a equidade e a conveniencia de viaxar en convoi para poder ir escoltados, para ofrecer a ruta máis segura. “Non pretende substituír o criterio do experto, senón axudarlle na toma de decisións”, explica.

E de camiños, pero no mar, é sobre o que versará a charla a cargo de Sergio Borrallo, encargado da Sección de Efemérides do Real Instituto y Observatorio de la Armada (ROA). Durante séculos, e aínda agora, os mariños situáronse no océano mediante a observación de astros como o Sol, a Lúa, as estrelas e os planetas visibles. “O Almanaque Náutico Dixital ( ANdi), implementado por ROA, é unha aplicación informática que asiste ao mariño na navegación astronómica dunha maneira inmediata e con moita exactitude”, explica Borrallo. Aos datos que xera o modelo do Sistema Solar desenvolvido pola NASA -o Jet Propulsion Laboratory Development Ephemeris- aplícanselle certas ferramentas matemáticas para obter os datos que se necesitan para navegar con seguridade.

Jesús Álvarez, de Airbus Defense and Space, falará pola súa parte da importancia de contar cunha base de datos completa de 'firmas radar’ dos posibles obxectivos militares grazas ao aumento da capacidade de análise de datos masiva. “A firma radar determina que é ese branco que localiza un radar –que tipo de avión, se se trata dun hospital, dunha escola…–, aínda que non queiran cooperar nin identificarse”, comenta. Deste xeito non é necesario arriscarse a achegarse para comprobar de que se trata. Ademais, esta información permite “facer simulacións e saber como vai responder un sistema ante distintos escenarios sen ter que facer simulacros reais; o que abarata custos e mellora procedementos”, explica Álvarez.

Nas xornadas tamén se contará coa participación da Flotilla de Submarinos da Armada (FLOSUB) e as empresas APPENTRA, GENESAL ENERGY, GETRONICS, ENXEÑERÍA INSITU, RANDED e ZIMA CORP. Esta actividade enmárcase no marco do Convenio de colaboración entre o Ministerio de Defensa e o Consorcio Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), para a organización e o desenvolvemento das V Xornadas sobre Seguridade e Defensa: Tendencias e Demandas en Tecnoloxías Matemáticas e TIC. Tamén colaboran a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia a través da Rede Tecnolóxica de Matemática Industrial (Rede TMATI) e do convenio que ITMATI ten con esta Consellería.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta