Por Galicia Confidencial | Ourense | 29/11/2017 | Actualizada ás 10:00
Amigos da Terra en colaboración co grupo Vergasta levaron a cabo, o pasado domingo, a primeira acción de rexeneración de zonas afectadas polos incendios forestais no monte comunal de Tourón (Melón).
Varias persoas da zona convocadas por Vergasta e acompañados por unha vintena de voluntarias e voluntarios que acudiron ao chamamento de Amigos da Terra, xuntáronse nunha das zonas máis afectadas polos lumes do pasado mes para realizar as primeiras actuacións de recuperación, orientadas á retención do solo fronte a erosión que poida sufrir debido as chuvias dos vindeiros meses.
As accións levadas a cabo consistiron en dispersar palla nas zonas que tras os lumes quedaron sen cobertura vexetal e a construción de barreiras a partir de restos vexetais en franxas perpendiculares á pendente nas zonas preto das correntes de auga. "A implicación e o duro traballo levado a cabo durante a xornada realizouse ao longo dunha superficie aproximada de sete hectáreas", indicou a entidade nun comunicado.
SENSIBILIZACIÓN E MOBILIZACIÓN SOCIAL
Con estas actuacións, ademais da recuperación de zonas forestais arrasadas polos lumes, Amigos da Terra busca a sensibilización e mobilización social que impulse os cambios nas políticas forestais necesarios para evitar que no futuro o risco e o alcance dos incendios forestais sigan sendo un problema perpetuo no noso país.
O próximo domingo, continuarase coas actuacións de recuperación nesta zona ata chegar a cubrir toda á superficie arrasada polo lume na zona de monte comunal, dunhas 11 hectáreas, con estas medidas de “primeiros auxilios” de protección e mantemento do solo, que máis adiante poderían complementarse con accións para axudar na rexeneración da cobertura vexetal. Ao mesmo tempo, ao longo dos próximos meses, contemplase levar a cabo actuacións semellantes noutras zonas afectadas polos incendios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.