A Xunta baralla construír un encoro en Cotobade contra a seca

A construción da presa de Dorna, para a conca do Lérez, está prevista dende hai anos pero non se chegou a executar polo seu posible impacto ambiental e o elevado orzamento. "O cambio climático veu para quedar", avisa Augas de Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2017 | Actualizada ás 14:02

Comparte esta noticia

Augas de Galicia ve "valorable a medio e longo prazo" a construción dunha presa en Cotobade no caso de que chegase a haber desabastecemento de auga na conca de Pontevedra pola situación de seca que afronta o país. Así o indicou o director xeral do organismo público, Roberto Rodríguez, quen apuntou que o plan 'Auga' ten identificada esta actuación como medida estrutural contra a seca na conca pontevedresa.

Reunión dos concellos da conca do Umia con Augas de Galicia en Pontevedra.
Reunión dos concellos da conca do Umia con Augas de Galicia en Pontevedra. | Fonte: pontevedraviva.com

A denominada presa de Dorna é un encoro de regulación previsto desde hai anos en Cotobade, pero que nunca se chegou a executar polo seu posible impacto ambiental e o seu elevado orzamento. "Medidas estruturais para esta conca a única que existiría sería, e xa se valorou hai moito tempo, a posibilidade de facer algún tipo de presa augas arriba", explicou Roberto Rodríguez. "Evidentemente esa non é unha solución de emerxencia, senón valorable a medio e longo prazo", engadiu.

MEDIDAS CONXUNTURAIS

Á marxe disto, con motivo da situación de alerta na que se atopa a conca do Lérez, como o resto da demarcación, están previstas "diversas medidas" de tipo conxuntural, algunhas das cales xa se adoptaron como a de reducir á metade o consumo na captación de Ence.

Respecto doutras decisións de "incidencia directa", Roberto Rodríguez puntualizou que "dun día para outro", para alargar a garantía de subministración de auga, hai dúas opcións: "que chova, que non depende de nós, e o aforro".

Augas de Galicia está a abordar a adopción de medidas de aforro recollidas no plan de seca para situacións de emerxencia cos diferentes concellos afectados. Este mércores, foi cos municipios que teñen captacións na conca do río Umia, nun encontro celebrado na delegación territorial da Xunta en Pontevedra. "As decisións vanse adaptando segundo o escenario que se establece", apuntou Rodríguez.

"En paralelo estamos a traballar a medio e longo prazo", porque "o cambio climático veu para quedar" e as administracións teñen que adaptarse a estas novas circunstancias, dixo.
"Sería un erro gravísimo pensar que coa borrasca desta semana rematou a seca", reiterou.

AUGA DE VIGO

Por outra banda, o director de Augas de Galicia referiuse á calidade da auga para o consumo humano no municipio de Vigo, respecto diso da cal asegurou que "a auga é apta para o consumo". "Non hai nada que desaconselle que esa auga se poida beber", sinalou.

Roberto Rodríguez agregou que se el fose veciño de Vigo o que si se exporía é se o seu concello ten "unha estrutura tarifaria que promove o uso responsable" ou se debe "facerlle ou non caso ás demandas da súa propia concesionaria" para facer "investimentos que permitan que a auga de Vigo ademais de potable sexa de maior calidade". "Esas serían as preguntas que me faría", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta