O Mapa do Medo: violencia machista en Galicia

Jessyca Ocampo, estudante de fotografía de 20 anos, desenvolve un proxecto para visualizar nun mapa historias de acoso e agresións machistas que acontecen a diario nas rúas de cidades e vilas galegas.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 26/01/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Un mapa no que visualizar as agresións machistas que sofren milleiros de mulleres en Galicia na súa vida cotiá, nas rúas de cidades, vilas e aldeas do país. Agresións —verbais ou físicas— que, na súa maioría, non transcenden e se normalizan nun estado de cegueira social xeral sobre o fenómeno. O Mapa do Medo vén para acabar con esa ignorancia.

Violencia machista / Macnolete en Flickr www.flickr.com/photos/macnolete/2599959533
Violencia machista / Macnolete en Flickr www.flickr.com/photos/macnolete/2599959533

A autora do Mapa do Medo só ten 20 anos, pero ten moi claro que existe unha "necesidade de coñecer todas as agresións que suceden cada día nas nosas rúas". Chámase Jessyca Ocampo, é de Pontevedra, estudante de fotografía na EASD Escola de Mestre Mateo, e até este venres xa tiña documentadas 73 historias de mulleres agredidas en Galicia.

Os comunicólogos de hoxe dirían posiblemente deste proxecto que é un perfecto exemplo de aplicación de visual storytelling con fins sociais na era da sociedade rede. Verbo pomposo e importado para describir un traballo de reportaxe antropolóxica sobre un dos peores males da nosa sociedade: a violencia machista. Pequenos relatos sobre o abuso verbal ou físico que reciben as mulleres para compoñer a metanarrativa deste fenómeno no noso país, rúa a rúa.

"O Mapa do Medo é unha iniciativa que nace da necesidade de coñecer todas as agresións que suceden cada día nas nosas rúas", explica Jessyca Ocampo a GC. 

O que comezou como "unha idea para un proxecto de clase", como "un traballo de reportaxe cunha temática libre", pensado como un "mapa só da cidade de Santiago de Compostela", evolucionou nunha "representación das agresións machistas de toda Galicia", aclara Ocampo.

O Mapa do Medo recolle actos de violencia dirixidos ás mulleres en calquera recuncho do país: "dende xestos lascivos ata o peor que nos poida pasar", comenta a súa autora.

"Témonos que coidar porque só nos temos a nós. Isto é un pequeno proxecto para facer visible as agresións que sufrimos todos os días e para estar máis alerta nalgunhas zonas", expón Jessyca Ocampo.

En proceso de elaboración —"aínda non está rematado", di Ocampo—, o Mapa do Medo xa sumaba até este venres 73 historias localizadas sobre agresións machistas en Galicia e case 3.000 visitas.

"Vou seguir recollendo todas as vosas historias para que este proxecto siga medrando, xa que estou segura de que hai moitas mulleres que seguen tendo historias que contar", di Ocampo a todas as que nalgún momento das súas vidas sufriron o acoso.

Por que un Mapa do Medo sobre este tipo de acoso, o que sofren as mulleres como algo que semella cotiá e normal na nosa sociedade?

"A min pareceume que sería moi interesante o tema da violencia machista nas rúas, xa que é algo que todas vivimos, pero non é algo que se vexa en realidade nin a magnitude deste problema", argúe Ocampo.

Certo é que as denuncias nos medios de comunicación de masas están contribuíndo a visualizar este problema, pero os casos denunciados son os máis graves, os que rematan en morte ou violacións mediáticas, quedando na escuridade unha morea de espisodios de acoso e agresións que acontecen no día a día e que non transcenden nin son sinalados. O caso de Diana Quer ou o da moza presuntamente violada por 'La Manada' en Pamplona son só a punta dun iceberg.

"Penso que todos nos apenamos cando vemos unha noticia nos xornais cando a unha muler lle pasa algo; unha agresións por varios homes nunha festa, ou saindo da casa, ou outros múltiples casos, pero non somos de todo conscientes o cerca que temos estes casos", comenta Jessyca Ocampo

EXPERIENCIA PREVIA EN BRASIL

A autora do Mapa do Medo en Galicia recoñece que se inspirou nunha iniciativa similar desenvolvida en Brasil: outro mapa da campaña 'Xa chega de FiuFiu' da Organización OLGA.

"Eu tiña pensado para o meu proxecto levar a cabo unhas poucas historias que logo me desen pé a fotografar como forma de reflexar como se sinte unha muller na rúa soa de noite, pero quedábaseme curto. E aí foi cando empecei a buscar a forma de facer o meu propio Mapa do Medo e traelo a Galicia. Non tiña pensado amplialo tanto nin que a xente se involucrase desta maneira, pero así foi", clarifica Ocampo.

Así foi como un traballo que "en principio era para facer dentro dos ámbitos da escola cunhas amigas" máis tarde se converteu nun Mapa do Medo de Santiago de Compostela, para logo expandirse a toda Galicia.

"Estou recompilando historias de todas partes de Galicia. O mapa leva unha escasa semana en Internet e a día de hoxe leva máis de duas mil visitas con máis de 60 historias de agresións nas rúas", explica a súa autora.

A información que lle chega a Jessyca Ocampo sobre distintos casos de acoso e agresións machistas é variada. Pero todas as historias teñen un leitmotiv: o medo.

"Acepto todo tipo de información de violencia cara unha muller por unha gran razón, e é que ter medo xa é motivo suficiente como para que unha muller se sinta agredida. Todas as historias que me envían están sendo colocadas nese mapa porque creo que non se debería dubidar sobre unha soa violencia, xa sexa acoso pola rúa ou que chegue a unha agresión, acabando no que peor que nos poida pasar. Por isto, non hai ningún tipo de filtro", argumenta Ocampo.

As historias que máis lle chaman a atención das que ten recibido até agora son, "desgraciadamente", e "en moitos ocasións", di, "casos de homes que persiguen a mulleres masturbándose e tocándose detrás delas". "Moitas veces chéganas a seguir ata o portal da súa casa", describe.

De momento, a maior parte das historias reportadas e localizadas no Mapa do Medo son de mulleres que abranguen entre os 16 e os 30 anos, xa que "penso que son as que máis uso das redes sociais fan", engade Ocampo, que está usando precisamente os chamados medios sociais en liña para nutrir o seu mapa de historias machistas.

"A intencionalidade deste proxecto non é máis que sexamos conscientes do que hai nas nosas rúas, que todas sufrimos este tipo de abuso constantemente", conclúe  Jessyca Ocampo.

ENVÍOS DE HISTORIAS

Para aportar a túa historia podes facelo ao correo electrónico jessycaocampor@gmail.com ou nas canles sociais abertas do proxecto en Facebook e Instagram.

HISTORIAS DE MEDO

A continuación reproducimos algunhas historias das que compoñen o Mapa do Medo: 

Capela da Alameda - Santiago de Compostela

Metinme pola Alameda e saín á rúa Rosalía de Castro á altura da capela que hai alí. Chegando a esa capela, había un rapaz alí de pé e xirouse cando me viu para preguntarme se tiña un cigarro. Ao contestarlle que non, empezou a andar cara min, tocándose o paquete e díxome algo tipo: "las chicas jóvenes ahora ya no fuman". Nese momento xa comecei a sentirme acorralada, pois por un lado tiña ao rapaz ese e polo outro, a medida que te achegas ás escaleiras, hai como unha especie de muro. Entroume o medo e non baixei as escaleiras, salteinas, porque vin que viña xente andando pola rúa e quería poñer a alguén entre ese home e eu. Durante un momento pensei que xa estaba, que quizás ata foran paranoias miñas, pero cando me xirei vin que o rapaz viña andando detrás miña e mirábame sorrindo. Sentín moitísimo máis medo, e noxo, e comecei a andar o máis rápido que podía mentres notaba como tremía e intentaba aguantar as bágoas porque tiña vergoña de que algúen me vira e pensase que era unha esaxerada. Pero realmente no único que pensaba era no que me podía ter pasado se, en lugar de ser a 1 da tarde e estar a rúa chea de xente, fora de noite e non houbera ninguén máis alí. (2017).

Ribeira

No 2012 ou por ahí camiñando preto do concello en Ribeira Eu ia camiñando para a casa sobre as 7 da tarde en pleno vrao, eran festas esos dias. Cruceime cunha camioneta blanca cos cristales tapados con periódicos e o señor estabase masturbando dentro. Pareciume surrealista pero seguin caminando, xa que estaba a escasos 500 metros da casa e meu pai tiña que marchar en canto chegara. Un pouco mais adiante a furgoneta que vira foi aparcar, e dela baixou o home. El puxose a camiñar diante miña, mais eu tiña que seguir o mesmo camiño . Non había ninguén nese traxecto. De supero o home volveuse e comezou a camiñar cara min. Eu sabía que estaba a piqurs de pasar algo que me marcaría. El comezou a sorrir, pero con sorriso malévolo, desos que che meten o medo no corpo. Eu empecei a decir "non", era o único que me saía. El contestaba con "si". Boutouse a correr cara min e eu corrín ata que puiden cruzar a calle.  Tiven que desviarme e atopei a unhas señoras no portal dunha casa. Quedei alí e comecei a chorar como unha meniña, morría co medo. A furgoneta pasou por diante moi lentamente a ver se me via. As señoras tiveron que acompañarme á casa xa que non podía ir soa. A día de hoxe sigo sin sair da casa sola a calquera hora do día. Nin á panadería do lado.

Rúa do Tomiño - Compostela

Nun callejón que penso non sae no mapa pero comunica a estación de buses co colexio Santiago apóstol, un home acosoume para que lle fixera unha palla.

Avenida de Arteixo - A Coruña

Foi o peor que me pasó na miña vida, sin duda. Eu quedara unha tarde cun amigo e invitoume a dormir na súa casa porque había tormenta e non chegaba a coller o bus. Pola mañá acompañeino ó traballo e volvín á casa dos meus padriños. Era media hora de camiño pero eran as 8 da mañá, asique decidín ir andando. Todo ben ata que cheguei á Avenida de Arteixo, donde me atopei cun home que parecía estranxeiro baixando a avenida e eu iba en dirección contraria a él. De repente escoitei  pasos detrás miña, mirei, e era o home de antes. Non lle din importancia e seguín. Íbase acercando cada vez máis hacia min ata que empecei a acelerar o paso. Nun momento pareime e saquei o móvil para ver o que facía e me adelantou.  Meteuse por un callejón que iba hacia a izquierda. Sentinme aliviada por un momento e nuns minutos volvín a andar normal ata que cheguei ó cruce do callejón e el estaba esperándome.  Eu seguín o meu camiño, cada vez máis rápido. Crucei o paso de peóns e correu tanto que chegou a poñerse ó meu lado e soltoume "¿quieres follar?, ¿eres puta?,pago bien", Dos nervios pareime, mireino e griteille que como non me deixara en paz ía chamar á policia e que me daba asco si iba acosando así a outras mulleres. Sen decir nada, deuse a volta e oiste. Isto foi un luns ás 8.30 da mañá.

Campus Norte - Compostela

Todos sabemos que o aparcamento do Campus Norte é o picadeiro oficial da zona polo que nin te asustas se escoitas ruidos, xa é costume. Cabe dicir que o barrio daba sensación de tranquilidade ata unha noite que voltaba eu de tomar unhas Estrellas cos colegas. Como era a única que vivía na periferia atravesei polo Campus tan tranquila como o resto dos días. Escoitei ruidos e como xa dixen non me sorprendían e seguín o meu camiño. Ata que un tío me viu por detrás (non o vira nin aparecer polo callejón) e me enganchou do brazo, facéndome dano, tocándome o cu en reiteradas ocasións, tirando de min pedíndome que marchara con él. Eu puiden defenderme e sair correndo, espero que outra non teña que ter a mesma sorte ca min.

Rúa Pardiñas - Ferrol

A noite da miña graduación do instituto de mañanciña indo de volta á casa da miña mellor amiga séguenos un tipo dende a altura da praza de Armas. Apuramos o paso e xirámonos de cando en vez para ver se segue aí. Ó chegar á rúa Coruña vemos que cada vez se achega máis e botamos a correr. O tío acelera o paso, pero non corre. Chegamos ó portal e tras pechar a porta tras nós subimos o primeiro tramo de escaleiras aínda correndo. Volvo a vista atrás e véxoo masturbándose contra o cristal do portal. (2015).

Ponte do Milenio - Ourense

Tiña quince anos. Era 20 ou 21 de decembro. Remataban as clases e decidín saír pola tarde cos colegas, o típico. Cando volvía a casa, eran as nove da noite, fun polo Milenio. Vivía no Couto, e viña da Ponte. Un home dus 28, 30 anos, alto, achegouse e pediume lume. Lembro que era de Camerún ou algo así, moi alto, calvo, e vestido cun traxe e zapatos brancos. Entón empezou a camiñar comigo, e eu non lle din importancia ata que empezou a preguntar polo meu nome, a miña dirección, etc. Mentinlle. Preguntoume se tiña un número de teléfono, e dixenlle que non, lóxicamente. Lembro que empecei a sentir moito medo, mesturado coa ansiedade que xa padecía... E apareceron dous amigos, que eran parella, e fixemos un número coma quen que ía con eles a casa. Pensaba que xa estaba, agardei quince minutos de reloxo, crucei ao outro lado da ponte e seguín polo meu camiño de novo soa, e apareceu el, camiñando directo hacia min. Non tiña forma de escapar, non había ninguén, e non podía sacar o móbil...Decidín cruzar polo medio da ponte, e agarroume polo brazo e díxome que fora polas escaleiras que hai no lado, que por aí era perigoso. Non puiden soltarme, e cando estabamos abaixo pediume un bico, e eu negueime. Deume unha aperta pola forza e intentou tocarme. Non sabía qué facer, estaba aterrada, e co pánico a miña reacción foi pegarlle un puñetazo, empurralo e correr... Aquel home correu detrás de min ata que cheguei a unha zona onde había xente xa, e o perdin de vista. Tiven moita sorte de que non fora a máis. Durante semanas sentinme avergoñada polo acontecido, e esta é unha das contadísimas veces que falo de esto. Uns meses máis tarde, o mesmo home volveu abordarme a plena luz do día. Esta vez entrei no portal dunha amiga, pero as veces pregúntome cantas veces terá feito o mesmo, cas mesmas palabras, ca mesma actuación.

Rúa das Galeras - Compostela

Iba pola rúa das Galeras e ía de volta á casa despois de saír a tomar algo. Cruceime cun tío, o cal estaba vixiándoo de refilón, e seguin baixando a rúa. Cando cheguei ó portal da miña casa, meteume a man debaixo da falda e botou a correr. Metinme rápido no portal e quedeime tremendo tras del, era translúcido e podíase ver que o home seguía alí fóra. Chamei á policia e estivérono buscando pero non o daban atopado. Finalmente, despois de que outras tres rapazas denunciasen tamén feitos semellantes cunha descripción moi parecida do home, atopárono e foi ó cárcere, xa que tiña outros moitos delitos acumulados. (2016).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

2 Nini

Es tal la instrumentalización que se hace de la violencia contra las mujeres de los pesebres feminazis, que según el último barómetro del CIS esta violencia solo es un problema para el 1,9% de los encuestados. La ideología de género mata, pero no se modifica la legislación.

1 feminazis vivindo do conto

Para medo o que sufrimos os homes que CARECEMOS DE PRESUNCIÓN DE INOCENCIA por obra e gracia da lei da mal chamada "violencia de xénero".

1 Cinto social sanitario

Xa, mais isas "feminazis" non asasiñan a ninguén, como mata o "machismo" que ti procesas. Se hoxe os homes "carecemos de presunción de inocencia" coma ti dis, non é polas "feminazis" coma ti dis, senon polos motisimos crimes que o cobarde machismo contra os mais "debiles" e a falla de sensibilidade cos victimas, leva a suas costas.

2 feminazis vivindo do conto

De onde sacas ti que as mulleres non asasinan, meu rei? É necesario que che poña enlaces? E por que metes no saco do "machismo" casos de esquizofrenia, drogas, etc? E por certo, que os homes carezamos de presunción de inocencia non é que o diga eu, é que está posto na lei negro sobre branco.