Temas: RAPOSOS CAZA

Rexeitamento ao Campionato de España de caza do raposo tamén na Costa da Morte

Asociacións como Senda Nova, Petón do Lobo, Ouriol do Anllóns, a asociación de veciños de Cereo, Contramínate de Laxe, Cova Crea ou a Plataforma pola Defesa de Corcoesto e Bergantiños, entre outras, din que estas batidas incumpren a propia Lei de Caza.

Por Galicia Confidencial | Cee | 29/01/2018 | Actualizada ás 08:35

Comparte esta noticia

Colectivos e asociacións ambientalistas de Costa da Morte uníronse para manifestar o seu rexeitamento ao Campionato de España de caza de raposo, que Galicia ten previsto acoller o vindeiro 3 de febreiro entre os concellos de Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro, Forcarei e A Estrada.

Raposo morto
Raposo morto | Fonte: Verdegaia.

Ao igual que o fixeron outras entidades ecoloxistas de Galicia, asociacións como Senda Nova, Petón do Lobo, Ouriol do Anllóns, a asociación de veciños de Cereo, Contramínate de Laxe, Cova Crea, a Plataforma pola Defesa de Corcoesto e Bergantiños, a Plataforma pola defensa da Terra de Coristanco e a asociación veciñal e cultural río Lourido de Valenza, piden a paralización inmediata do campionato, pola “vulneración flagrante e manifesta da Lei de caza vixente e do artigo 45 da Constitución española”. 

Este luns algunhas destas entidades xa teñen previsto enviar o seu posicionamento á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e á Valedora do Pobo, porque consideran que “non existe ningún interés público” na organización destas batidas e campionatos “que cada vez contan con máis repulsa e rexeitamento social”.

“Este campeonato de caza de raposo, ao igual que outros xa celebrados, non teñen ningún obxectivo de xestión da especie, resultan ilegais, xa que vulneran a Lei 13/2013 de caza de Galicia, incumprindo os principios xerais da actividade cinexética”, indican nun comunicado. Así, lembran que na propia lei fálase de "protexer, conservar, fomentar, e aproveitar ordenadamente os recursos cinexéticos de modo compatible co equilibrio natural". “Non é legal nin ético nin racional unha práctica cruel, irracional, depredadora que consiste en matar o maior número de raposos no menor tempo posible”, engaden

A competición do 3 de febreiro será a terceira que se realice na provincia en menos dun mes, despois do campionato galego do pasado 20 de xaneiro en Dozón e do campionato provincial celebrado en Barro o 13 de xaneiro.

Temas: RAPOSOS CAZA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Arturo

A caza ( a de raposos ou outra ) é una salvaxada do Pleistoceno.