Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2018 | Actualizada ás 15:32
A nova reunión entre membros da Xunta e representantes sindicais dos funcionarios do sector xudicial galego para tratar de evitar unha folga indefinida a partir do 7 de febreiro celebrouse este mércores en Santiago, pero fracasou e derivou nun peche do comité de folga na sede da Dirección Xeral de Xustiza e nun posterior desaloxo.
O comité de folga (no que están representados SPJ-USO, AXG-CUT, UXT, CSIF, STAJ, CIG e CC.OO.) participou nun encontro cunha delegación da Xunta encabezada polo director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e o seu homólogo en Función Pública, José María Barreiro, que non serviu para desbloquear un conflito cada vez máis enquistado.
Tanto é así que o comité de folga, ante a "impresentable" postura da Xunta --en palabras de Óscar Freixedo (CIG Xustiza)-- e o feito de que, "lonxe de avanzar", cada oferta "empeora" a anterior, optou por pecharse na sede compostelá de Xustiza, en concreto no despacho da subdirectora.
"O que está a facer a Xunta é un insulto permanente e unha provocación", trasladou, pola súa banda, a Europa Press, Manuel Díaz (UXT), quen incidiu en que a vontade do comité de folga é non moverse ata que logren que a negociación se retome coa mediación da presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Verónica Martínez.
Só con ela, remarcan os representantes sindicais, "producíronse avances". Os sindicatos tamén subliñan en que a Xunta "mente" ao afirmar que eles "se levantaron". Por iso decidiron impulsar este peche. "Non queremos que despois nos acusen de levantarnos, nós o que queremos é seguir negociando e aquí imos permanecer", manifestou o representante da CIG, mentres axentes da Policía se desprazaron ata o lugar do peche.
REIVINDICACIÓNS SOBRE A MESA
Ás portas dunha folga indefinida do sector xudicial galego, os dous puntos máis enquistados son os relativos ao incremento retributivo (a través do complemento autonómico transitorio) que demandan os sindicatos e o cesamento da "discriminación" con respecto a outros funcionarios xudiciais que non dependen da Administración galega no caso de baixas por incapacidades transitorias.
No que respecta ás baixas, a Xunta propuxo seguir falando do asunto nunha mesa de negociación, pero os sindicatos consideran esta proposta "unha forma de gañar tempo" e non os convence.
Por outra banda, a oferta de incremento retributivo que expón a Xunta --e que mantén no "documento de peche" presentado este mesmo mércores ao comité de folga-- é de 75 euros ao mes (900 euros ao ano) para os xestores; 62 euros ao mes (744 ao ano) para os tramitadores; e 55 euros ao mes (660 ao ano) para os auxilios.
Os sindicatos quéixanse de que, no canto de mellorar, a Xunta "empeorou" a súa proposta nun documento "adornado", xa que agora determina "que terá efectos a partir do 1 de xaneiro de 2019 e que se aplicará en tres anualidades".
Pola súa banda, o Executivo autonómico defende que a subida de 270 euros ao mes que demandan "é absolutamente inasumible" e incide en que o resto de demandas foron liquidadas.
OUTRAS DEMANDAS
A percepción dos representantes sindicais, con todo, tampouco coincide. E é que, aínda que no seu día recoñeceron que houbo "algún achegamento" no punto relativo á consolidación de emprego, tamén apuntaron que quedaba pendente aclarar "algunhas diferenzas nas datas de creación dalgunha praza e negociar cales serían as 36 a consolidar".
No plan de amortización de 106 prazas que a Xunta aprobou en 2013, explicaron que aceptou "paralizalo" e recuperar as prazas que se amortizaron desde este exercicio salvo algunha excepción. Pero tamén quedaría pendente algunha aclaración, "e sobre todo os prazos para recuperar estas prazas".
O único punto no que os sindicatos recoñeceron no seu día que existía acordo é no relativo a lograr que os traballadores que fagan o seu traballo noutro posto de superior categoría, cobren "o cento por cento das retribucións do posto no que desempeña as súas funcións".
POLÉMICA INSTRUCIÓN
A reunión deste mércores produciuse, ademais, despois dunha polémica instrución da Dirección Xeral de Xustiza na que anunciaba que non concederá días de asuntos propios nin de vacacións en febreiro ao persoal de xustiza, á vez que revogaba os xa aprobados.
O comité de folga levou esta instrución ao xulgado ao entender que se trata dunha "represalia" polos paros e o preaviso de folga indefinida desde o 7 de febreiro, aínda que en declaracións a Europa Press o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, matizou despois que tiña "un carácter informativo" e que se analizaría "cada caso".
DESAOLOXO
Tralo seu desaloxo da sede da Dirección Xeral de Xustiza, o comité de folga vai analizar agora os pasos a dar, pero insiste en que non rompeu as negociacións e en que o diálogo se debe reactivar coa mediación da presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Verónica Martínez.
Os integrantes do comité de folga foron expulsados da Dirección Xeral de Xustiza —tras pecharse no despacho da subdirectora— por axentes da Policía que se desprazaron até o lugar ao redor das 15,30 horas deste mércores.
Outros empregados públicos xudiciais de Santiago desprazáronse ao exterior das dependencias nas que se encerraron como mostra de solidariedade.
Segundo fontes do comité, o desaloxo fíxose con tranquilidade porque non era o obxectivo dos representantes sindicais acometer "ningún tipo de resistencia á autoridade" e seguen interesados en "negociar" para tentar desbloquear un conflito que, se non se soluciona, derivará en folga indefinida a partir do 7 de febreiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.