Os países máis descentralizados teñen máis posibilidades de gañar a Champions League

Un estudo pioneiro realizado polo grupo de investigación GEN da Universidade de Vigo conclúe que canto menos centralizado está o poder económico e político nun país, máis se impulsa a competitividade deportiva nas ligas nacionais e máis posibilidades teñen os seus clubs de gañar campionatos internacionais.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 06/02/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Canto máis descentralizados son os países, maior é o equilibrio nos seus campionatos de fútbol domésticos e tamén maior é a probabilidade de que un dos seus clubs gañe ou xogue a final da UEFA Champions League. Estas son as principais conclusión dun estudo pioneiro realizado por invetsigadores do grupo GEN (Governance and Economics research Network) da Universidade de Vigo, titulado 'Decentralization and football', asinado por Ignacio Lago, Carlos Lago-Peñas e Santiago Lago-Peñas.

Derbi Deportivo-Celta
Derbi Deportivo-Celta | Fonte: moiceleste.com

Aplicando modelos estatísticos, os investigadores atoparon que a probabilidade de xogar unha final de copa europea é do 4 por cento para os clubs que representan os países máis centralizados e do 23 por cento para os clubs dos países menos descentralizados.

Os expertos analizaron o rendemento dos clubs de fútbol de élite de 35 países democráticos europeos durante o período 1950-2010. Os resultados, tras someter a análise distintas variables, levou a estes investigadores a concluír que "a descentralización do poder económico e político marca unha diferenza substancial no fútbol", demostrando que "a autonomía rexional impulsa a competencia entre clubs de diferentes rexións e dá como resultado un maior equilibrio competitivo das ligas nacionais de fútbol". Isto ademais, deriva nunha "vantaxe para os clubs de países descentralizados nas competicións internacionais", salientan os autores da investigación.

"Á parte do diñeiro e, por suposto, do azar, o grao de descentralización política e económica dos países aumenta positivamente a probabilidade de gañar trofeos internacionais de fútbol"

"A evidencia das primeiras 18 edicións da Liga de Campións da UEFA mostra que os clubs de países descentralizados teñen maiores posibilidades de gañar, ou polo menos xogar na final, que os de países centralizados", aseveran os membros do grupo GEN da Universidade de Vigo.

Afouteza, palabra de moda en 2017, chegou até o mesmísimo Old Trafford de Manchester na Uefa Europa League.
Afouteza, palabra de moda en 2017, chegou até o mesmísimo Old Trafford de Manchester na Uefa Europa League.

Un exemplo: "malia que a Premier League (Inglaterra) é con moito a liga de fútbol máis rica de Europa, a Liga de Campións [inaugurada en 1992 e sucesora da Copa de Europa] só foi gañada en catro ocasións por equipos ingleses". É dicir, o potencial económico dunha competición doméstica non é o único determinante do éxito dos seus equipos en competicións internacionais.

A análise dos investigadores demostrou, nun primeiro paso, que "a descentralización aumenta o equilibrio competitivo das ligas nacionais de fútbol en Europa" e, nun segundo paso, determinou que "a posibilidade de gañar a UEFA Champions League, ou polo menos de xogar a final, está afectada polo grao de descentralización do poder político e económico do país ao que pertencen os clubs".

Tras analizar distintas variables e cruzar datos mediante modelos estatísticos, os autores da investigación non dubidan en afirmar que a decentralización "xera unha vantaxe para os clubs nas competicións internacionais".

"En igualdade de condicións, os clubs do país máis descentralizado da nosa mostra, Alemaña, teñen moitas máis posibilidades de gañar a UEFA Champions League, ou polo menos de xogar a final, ata 12 e 19 puntos porcentuais, respectivamente, que os clubs dos países máis centralizados (Islandia ou Luxemburgo)", comparan.

Por suposto, alguén pode cuestionar esa afirmación sentenzando que a competición alemá é xa de por si máis poderosa que a destes dous pequenos países, pero precisamente o que se fai neste estudo é realizar cálculos en hipotéticas condicións de igualdade. De xeito que os investigadores argumentan que "á parte do diñeiro e, por suposto, do azar, o grao de descentralización política e económica dos países aumenta positivamente a probabilidade de gañar trofeos internacionais de fútbol".

"A autonomía rexional exacerba a identificación cos clubs de fútbol e as rivalidades entre os clubs de diferentes rexións".

AUTOGOBERNO, IDENTIDADE E COMPETITIVIDADE

A investigación xa existente sobre a demanda de fútbol mostra que este deporte proporciona "persoas con intereses, lealdades e entusiasmo comúns, e que serve como unha forma de unir a diversos grupos dentro dunha comunidade contra persoas de fóra", expoñen os investigadores en base a outros traballos previos, nos que se ten demostrado que "o interese dos seareiros polo fútbol é principalmente unha cuestión de identificación cun club, baseada nunha conexión xeográfica ou emocional e cunha base sólida na autoidentidade do seareiro", de xeito que "os clubs de fútbol profesional serven como marcadores centrais de identidade en rexións xeográficas ou comunidades locais".

Con estas evidencias plasmadas noutros traballos, os membros do grupo GEN partiron da premisa de que "a autonomía rexional exacerba a identificación cos clubs de fútbol e as rivalidades entre os clubs de diferentes rexións". Isto, proseguen, "conduce a un maior equilibrio competitivo nas ligas nacionais de fútbol nos países descentralizados que nos países centralizados". 

Como "exemplos esclarecedores" poñen "a inimizade entre o norte e o sur de Italia ou entre Cataluña e Madrid", pero tamén servirían casos como os derbis galego e vasco, onde se exacerba a identidade nacional pero tamén a rivalidade por ser o representante máximo dunha identidade singular no campionato estatal; ou as visitas que este clubs fan a estadios madrileños, onde son recibidos con cánticos proespañolistas pola afección contraria, e ao revés, cando os madrileños visitan campos vascos ou galegos, e son recibidos con especial rexeitamento, con consignas anticentralistas, e a motivación da afección se traslada ao equipo.

"Os datos a nivel individual de España, por exemplo, apoian firmemente esta relación entre as rexións e os clubs de fútbol", engaden os autores do traballo, que lembran como nunha enquisa feita en Cataluña, "para a maioría dos cataláns (53%), o FC Barcelona identifícase con Cataluña, mentres que só o 21% cre que se trata principalmente dun club de de fútbol".

"De 1950 a 2010, cinco ligas de fútbol en Suíza e cero en Alemaña, por unha banda, e 30 en Islandia e 17 en Luxemburgo, por outra, foron gañadas por clubs da cidade capital".

O seu argumento é, polo tanto, que o autogoberno das rexións ten efectos no equilibrio competitivo das ligas nacionais de fútbol. Por que? Basicamente, porque "a autonomía rexional exacerba a identificación cos clubs de fútbol e as rivalidades entre estes, permite a expansión dos recursos económicos fóra da cidade capital e aumenta o apoio recibido polos clubs de fútbol dos gobernos rexionais e as institucións financeiras", de xeito que "aumenta a competitividade entre rexións", argúen os expertos da Universidade de Vigo. Este efectos farían, polo tanto, que haxa máis equilibro na competición nacional.

"Por exemplo, de 1950 a 2010, cinco ligas de fútbol en Suíza e cero en Alemaña, por unha banda, e 30 en Islandia e 17 en Luxemburgo, por outra, foron gañadas por clubs da cidade capital. A nosa expectativa é que canto maiores sexan os poderes dun goberno rexional e canto maior sexa a identificación co club de fútbol, ​​máis incentivos terán os gobernos rexionais para apoialo", subliñan.

Os membros do GEN remarcan que hai evidencias que "apoian que a identificación rexional aumenta coa descentralización", polo que consideran que "probablemente as identificacións cos clubs de fútbol tamén o fagan". Un argumento que está en liña cos estudos que apuntan a que a descentralización inspira a creación e o crecemento dos partidos rexionais, xa que brinda oportunidades para acumular poder e recursos a nivel rexional.

"Se o interese dos seareiros nos clubs das rexións aumenta como consecuencia da descentralización, os recursos económicos dos clubs tamén deberían aumentar e os gobernos rexionais e as institucións financeiras enfrontarán maiores incentivos para apoiar a estes clubs de fútbol", argúen.

E como consecuencia de todo isto, os clubs dos países máis descentralizados terían ademais unha "vantaxe competitiva en competicións internacionais", precisamente por ese maior equilibro competitivo doméstico, que lles aporta máis posibilidades de gañar trofeos internacionais.

Os resultados do estudo, mediante modelos estatísticos, veñen así a confirmar as dúas hipóteses lanzadas por estes investigadores: primeiro, que canto maior é a descentralización do poder económico e político, maior é o equilibrio competitivo das ligas nacionais de fútbol, e en segundo lugar, ebido á vantaxe xerada polo maior equilibrio competitivo nas súas ligas nacionais de fútbol, ​​os clubs de países descentralizados teñen maiores posibilidades de gañar trofeos internacionais que os clubs de países centralizados.

Do que non hai dúbida é de que, cando menos os dous máximos representantes do fútbol galego, Real Club Celta de Vigo e Real Club Deportivo da Coruña, acadaron os seus maiores éxitos na etapa da España das autonomías. Os trofeos, as finais xogadas e o seu exitoso paso por competicións europeas así o demostran.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

5 Cinto sanitario antimadridista

Esas "Copas de Europa" do Madrid non contan, gañounas cando as equipas importantes de Europa -o Barça, por exemplo- preferían xogar torneos coma o Teresa Herrera ou a Copa Latina e pasaban olímpicamente dun torneo menor que só tomaba en serio o Mandril. No da endogamia universitaria e que o estudio é unha trapallada, de acordo.

4 Galicia forever

El estudio deja claras dos cosas: que es una chorrada con solo comprobar cuando el Real Madrid ganó más copas de Europa, no precísamente en la época en que España era un estado descentralizado, lo cual da una idea del nivel de los equipos de investigación universitarios. Dos: por los apellidos de los autores se tiene una idea de como funciona la endogamia universitaria. Sólo faltaron los Caballero, no sé si me explico.

3 maryfrod

E logo nos queixamos de que a universidade española está fatal... Esta nova coa que se intenta xustificar o que é unha mera falacia de asociación, non colaría un 28 de decembro. LIGA INGLESA - PREMIER Pero q vergonza allea virgensantísima, vaia cousas serias das q se ocupan, estou q floto, vamos.

2 Vergonza

E logo nos queixamos de que a universidade española está fatal... Esta nova coa que se intenta xustificar o que é unha mera falacia de asociación, non colaría un 28 de decembro. Pero q vergonza allea virgensantísima, vaia cousas serias das q se ocupan, estou q floto, vamos.

1 nostrus

Por eso España es el pais que mas trofeos tiene