Máis de 4.000 quilos de cocaína, 300.000 euros incautados e 37 detidos na operación contra Sito Miñanco

O dispositivo continúa aberto e permitiu a incautación de contas, inmobles, embarcacións, coches e dúas pistolas

Por E.P. | MADRID | 06/02/2018 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

A Policía Nacional elevou até 37 a cifra de detidos na 'operación Mito', na que dá por desarticulada a organización criminal liderada polo narcotraficante galego José Ramón Prado Bugallo, coñecido como Sito Miñanco, que foi arrestado este luns en Alxeciras (Cádiz). Tamén se interviñeron 300.000 euros, embarcacións rápidas, coches de alta gama e dúas pistolas nun total de 45 rexistros, segundo informou a Policía Nacional, que precisa que a operación segue aberta á espera de practicar máis detencións. Os arrestos e rexistros, ademais de en Galicia, leváronse a cabo en Alxeciras, Sevilla, Marbella, Linares, Barcelona e Madrid.

Detido Sito Miñanco nunha macrooperación contra o narcotráfico
Detido Sito Miñanco nunha macrooperación contra o narcotráfico | Fonte: Europa Press

Fontes policiais engaden que se inmobilizaron numerosas contas bancarias e localizáronse varios inmobles relacionados coa organización liderada por Sito Miñanco, 'narco' galego de 62 anos que foi arrestado o luns en Alxeciras, cidade na que vivía en semiliberdade despois de cumprir tres cuartas partes dunha condena de 16 anos e 10 meses de cárcere imposta pola Audiencia Nacional en 2015.

Ademais de Sito Miñanco en Alxeciras, o operativo da Unidade de Drogas e Crime Organizado (UDYCO) da Policía tamén permitiu o arresto dos seus 'lugartenentes' Luís Enrique García Arango en Madrid e Ramiro Somoza en Pontevedra. Tamén na provincia pontevedresa foi detido David Pérez Lago, fillastro doutro coñecido 'narco' galego, Laureano Oubiña.

4.000 QUILOS DE DROGA

A rede que dirixía Sito Miñanco tentou introducir sen éxito en España máis de 4.000 quilos de cocaína en dous operativos diferentes que foron truncados polos investigadores que desde 2016 seguían a súa pista no marco da operación 'Mito'.

De acordo co relato dos feitos que realiza a maxistrada da Audiencia Nacional que dirixe o operativo, axentes da Policía Nacional e da Garda Civil, apoiados polo Servizo de Vixiancia Aduaneira, interceptaron en outubro do pasado ano no cargueiro Thoran 3.800 quilos de cocaína da rede liderada por este histórico narco.

Apenas un mes despois, os investigadores incautáronse doutros 616 quilos máis de droga nun colector en Holanda e de 63 quilos de marihuana en Alemaña, segundo expón Lamela no auto polo cal ordenou a detención do narco e doutros membros da organización dedicada principalmente á importación e distribución de sustancias estupefacentes (especialmente cocaína) e ao branqueo de capitais.

Así, mentres algúns membros da rede se encargagan exclusivamente de facilitar o diñeiro en 'b', un terceiro utilizaba falsos créditos entre familiares para xustificar a entrega dese diñeiro nas súas contas, mentres que outro integrante utilizaba a súa empresa de seguridade para emitir facturas falsas. A rede liderada por Sito Miñanco tamén recorreu a varios concesionarios de vehículos en Alxeciras para introducir o diñeiro branqueado, falseando facturas a nome de terceiros e usando homes de palla para iso.

COMUNICACIÓNS ENCRIPTADAS

A banda empregou fortes medidas de seguridade para evitar que a Policía Nacional e a Garda Civil detectasen os seus movementos, que adoitaban producirse en planadoras desde a Ría de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), lugar utilizado como vía de saída dos estaleiros do Facho.

Nese sentido, vixiaban de preto o helicóptero de Aduanas, tiñan á súa disposición un grupo de persoas distribuídas pola costa para alertar sobre a presenza policial e ademais dispuñan de contactos nas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado que facilitaban información se se actuaba contra a rede.

Ademais destas medidas, o narco galego decidiu contratar servizos de especialistas que instalaron un sistema de comunicacións nas lanchas e fornecéronlles teléfonos que permitían encriptar as comunicacións, as cales se efectuaban sempre con alias para evitar dar a súa verdadeira identidade.

Con todo e a pesar das medidas adoptadas, as gravacións telefónicas e as pescudas dos investigadores permitiron saber que o movemento de diñeiro proviña directamente das actividades do narcotráfico. En concreto, unha das escoitas realizadas permitiu saber que unha das entregas de diñeiro á trama era superior aos 1.800.000 euros.

O auto tamén relata como en febreiro do pasado ano foron intervidos, no aeroporto de Madrid, 889.470 euros cando cinco dos investigados na causa se dispuñan a viaxar a Colombia co diñeiro oculto en dobres fondos de mochilas.

CLAN DESARTICULADO

Os investigadores consideran que coa 'operación Mito' se desarticulou o clan de Miñanco, un histórico 'narco' que comezou a traficar nos 80 co tabaco de contrabando e, posteriormente, coa cocaína. A operación desenvolveuse o mesmo día que o Rei presidía o 50 aniversario da Brigada Central de Estupefacentes, unidade integrada na UDYCO da Policía.

Durante o dispositivo policial, dous axentes do Grupo Especial de Operacións (GEO) que rexistraban unha nave situada entre os municipios madrileños de Collado Mediano e Alpedrete, na que se situaba unha galería de tiro, resultaron feridos nun tiroteo cun dos presuntos 'narcos'.

A operación, que se desenvolveu por orde da xuíza da Audiencia Nacional Carmen Lamela, levouse a cabo na mañá do luns, pero os investigadores levaban desde 2016 detrás desta rede de Sito Miñanco dedicada a introducir droga en España.

Miñanco, que ten un xuízo pendente nos próximos días na Audiencia Provincial de Pontevedra por branqueo de capitais, foi posto en liberdade por última vez en 2015 despois de cumprir tres cuartas partes dunha condena de 16 anos e 10 meses de cárcere. Previamente fora sentenciado a 20 anos, dos que cumpriu sete.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Marinela

Espero que pronto acaben con tanta delincuencia y movimiento de Drogas, nada buen traen. Desde los tiempos de los dioses griegos ya se usaban las drogas, y siempre han sido malas