Camareiras de piso, "precarización oculta baixo as macrocifras do crecemento do turismo"

Un novo estudo advirte da precariedade laboral destas traballadoras, "no limiar da pobreza laboral", e critica a explotación á que están sometidas nun sector, o do turismo, que presume de cifras récord de visitantes e beneficios.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/03/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Son arredor de 200.000 en toda España. Cobran arredor de 800 euros ao mes por limpar 400 habitacións (tan só 2 euros por habitación). Son as kellys, "as kelimpan" o que emporcallan os clientes de hoteis e apartamentos turísticos: deixan as camas limpas e feitas, pasan a aspiradora, quitan o po, recollen o lixo orgánico e inorgánico que deixan os clientes, limpan os baños... Traballan arreo e en precario. Son a cara oculta do sector turístico en España, que presume de ser xa o segundo destino no mundo e de beneficios récord, pero a costa de explotar a milleiros de mulleres subcontratadas. Un estudo agora publicado na revista científica Tourism Geographies exhibe a precariedade destas traballadoras e critica a explotación á que están sometidas.

Camareira de piso nun hotel.
Camareira de piso nun hotel.

O estudo, titulado 'Too precarious to be inclusive? Hotel maid employment in Spain', asinado por Ernest Cañada, baséase nunha "revisión exhaustiva" da literatura xa existente sobre a precarización deste colectivo e en entrevistas con traballadoras da Coruña, Barcelona, Tarragona, Madrid, Sevilla, Valencia, Cáceres e Tenerife, todas elas contratadas como camareiras de hotel por empresas multiservizo. Nalgúns casos mesmo foron despedidas polos hoteis e logo subcontratadas polas empresas que asumiron a responsabilidade dos departamentos de limpeza dos hoteis; noutros casos foron directamente contratadas por empresas multiservizo.

O traballo de investigación expón que o empeoramento das condicións laborais para todos os traballadores causado pola crise financeira e a forma en que foi manexada polas autoridades públicas españolas e europeas foi "particularmente evidente no sector servizos e no turismo", tendo maior impacto nos "sectores vulnerables que ocupan os postos máis baixos na estrutura ocupaciona", cun "impacto particularmente marcado" nas camareiras de piso de hoteis e apartamentos turísticoo.

Ernest Cañada, identifica como clave para explicar este problema a tercerización e subcontratación destes servizos, causando "un intenso proceso de precarización, que permanece oculto baixo as macrocifras que celebran o crecemento do turismo español".

Para Cañada, "o caso das camareiras de hoteis tercerizados en España mostra os efectos das políticas recentes destinadas a aumentar a flexibilidade laboral".

Tradicionalmente, os expertos en turismo relacionaron a flexibilidade coa natureza estacional do turismo, pero as investigacións sobre as camareiras de hoteis subcontratadas en España evidencian que "as estratexias de flexibilidade están cada vez máis desconectadas do factor estacional", xa que "se implementan como unha estratexia corporativa para reducir os custos laborais", subliña Cañada.

O proceso de externalización, ademais, "exacerba os problemas persistentes da división e segmentación da forza de traballo, con efectos notables sobre a súa capacidade de resistencia e a defensa dos intereses dos traballadores" e "aumenta o número de horas traballadas sen un horario fixo, o que aumenta as dificultades de combinar o traballo e a vida familiar", subliña o autor.

Neste sentido, subliña que "a tercerización afecta a liberdade de asociación de dúas manerias". En primeiro lugar, "actuando de forma discriminatoria contra as traballadoras que pretenden sindicalizarse en empresas multiservizo" e, en segundo lugar, "reducindo a capacidade sindical para a negociación colectiva". 

"Isto fai que sexa imposible fomentar o diálogo social, uns dous aspectos básicos do traballo decente", alerta Cañada, quen advirte de que "isto, á súa vez, ten implicacións claras para a capacidade das traballadores e dos sindicatos para exercer os seus dereitos democráticos básicos".

Outro problema engadido, confirmado polas camareiras entrevistadas para este estudo, é a "clara relación entre as formas de organización do traballo e os problemas de saúde", tanto físicos como mentais. De feito, está demostrado que as condicións de traballo das kellys "dan lugar a taxas máis altas de accidentes e lesións graves que outros empregos na industria de servizos", o cal "demostra unha clara deterioración na saúde das empregadas dos hoteis como resultado da forma que deben traballar", apórtase no estudo.

A subcontratación, segundo este estudo, significa que o traballo das camareiras de hoteis está "cada vez máis lonxe do concepto de traballo decente formulado pola Organización Internacional do Traballo (OIT)". En primeiro lugar, porque "os salarios que se pagan a través de empresas multiservizo claramente non son suficientes para que as traballadoras poidan manter unhas condicións de vida dignas", denúnciase no estudo, que sitúa os soldos das camareiras de pisos de hotel no "limiar do fenómeno da pobreza laboral".

En segundo lugar, porque "o emprego é cada vez máis inseguro", con contraros temporais e precarios. 

Isto, sinala o estudo, obriga a estas empregadas a "aceptar imposicións nos seus horarios, días de traballo ou días libres", o cal "fai que sexa cada vez máis difícil para elas equilibrar o seu traballo coas súas vidas privadas".

VISUALIZACIÓN DO PROBLEMA

Debido aos graves impactos que as políticas de externalización tiveron neste sector, nos últimos tempos houbo unha intensa reacción dalgúns sindicatos pero, sobre todo, de mulleres autoorganizadas contra a explotación laboral que padecen as kellys. O problema saíu á luz pública e déronse a coñecer as miserias sobre as que crece o sector turístico español.

Manifestacións nas rúas e queixas nas redes sociais elevaron a atención dos medios de información sobre este problema e abriuse un debate público sobre a situación deste grupo de traballadoras que chegou até Moncloa.

O pasado martes, 6 de marzo, a dous días da celebración do Día Mundial da Mulller e dunha folga feminista masiva e inédita, o presidenre do Goberno español, Mariano Rajoy, ante a presión social, accedeu a recibir a representantes das camareiras de piso en hoteis e escoitar as súas reivindicacións.

As kellys xa lle adiantaron que o que hai que facer é tomar medidas urxentes para atallar a externalización masiva destes servizos, que é, segundo as propias traballadoras, e como confirma o estudo asinado por Ernest Cañada, a orixe de todos os problemas que padecen.

Para solucionar os seus males, instan ao Partido Popular a apoiar a iniciativa lexislativa bautizada como a 'Lei kelly', que demanda melloras globais para este sector e que pretende poñer freo a esa externalización. En concreto, propoñen "a prohibición da contratación ou subcontratación de obras ou servizos correspondentes á propia actividade e admitindo como propia dun hotel a limpeza de habitacións", expón a Asociación Las Kellys, que tamén esixe que se apliquie "con garantías e eficacia" a Lei de Prevención de Riscos Laborais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Agardo que prosperen as súas demandas