Presentado o manifesto a favor de Emilio Cao entre acusacións de deriva totalitaria do Estado

A plataforma de apoio ao mozo do Carballiño detido nas Marchas da Dignidade en 2014 presentou este mércores en Compostela o manifesto de apoio á súa defensa. Cao será xulgado o luns 19 de marzo en Madrid.

Por Moncho Mariño | Santiago | 14/03/2018 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

Os escritores Marilar Aleixandre e Suso de Toro, así como a representante da Plataforma de Apoio a Emilio Cao, Lucía Suárez, estiveron arroupando ao propio Cao na presentación do manifesto que se subirá ás redes e á web www.aboslucionemiliocao.gal. No encontro coa prensa, os asistentes manifestaron o seu rexeitamento ao xuízo e tamén o intento de silenciar a todo tipo de movemento social que se poña en contra das medidas do actual goberno central. Tamén hoxe día 14 de marzo, hai convocado un “micro aberto” na casa da Xuventude na praza do Matadoiro en Santiago, ás 20:00 sobre as liberdades civís. O xoves 15 haberá un concerto na Sala Malatesta ás 21:00 no que tocarán entre outros Ataque Escampe ou Atrás Tigre. O domingo ás 00:00 sairán buses desde Santiago cara Madrid con parada en Ourense para concentrarse diante dos xulgados.

Rolda de  prensa apoio a Emilio Cao
Rolda de prensa apoio a Emilio Cao | Fonte: Plataforma Apoio Emilio Cao

A situación legal do mozo carballinés é petición de cinco anos e oito meses de prisión por participar nas Marchas da Dignidade de 2014. “Catro anos despois chegoume a citación á casa, pensei que podería ter prescrito, non había ningún indicio nin proba de cometese ningún delicto, pero teño que presentarme no xulgado o luns que vén”. Sobre as evidencias que demostrasen algunha acción violenta ou de agresión por parte de Emilio Cao, a súa versión é de que non participara en ningunha revolta. “Os altercados comezounos a policía praticamente, a manifestación estaba en horario legal, estabamos sobre as oito e algo, a policía comezou a cargar na rúa Génova, onde estaba eu, cunha violencia inaudita”. Durante a estancia nas dependencias da policía “os servizos sanitarios atendéronnos daquela maneira”. Unha explicación que lle dá Emilio a esta actuación é que “a policía quería un titular” e que “a disidencia é duramente castigada”. Entre os apoios conseguidos polo de agora, un total de noventa sinaturas, están desde persoeiros da cultura, como de Toro, Aleixandre, Méndez Ferrín ou os alcaldes de Santiago, Ferrol, Coruña, Pontevedra, Lalín ou Oleiros.

Lembramos que Emilio Cao ía na columna galega das Marchas da Dignidade “pero eu daquela non tiña ningún tipo de militancia  política, participaba no sindicato estudantil da miña vila, tiñamos unha asemblea coa que faciamos palestras e algunha manifestación”. Os presuntos delictos que lle atribúen son os de desorde pública e atentado contra a autoridade.  A rolda de prensa transcorreu na Libraría Couceiro. Abriu Lucía Suárez, voceira da Plataforma de Apoio a Emilio Cao, quen declarou “que durante esta rolda faremos unha reflexión sobre a deriva autoritaria que está levando adiante o Estado”. Seguidamente Marilar Aleixandre comezou lembrando que “onte o Tribunal Europeo de Estrasburgo lembrou que a lei (a denominada Lei Mordaza) está para protexer a xente vulnerable frente a delictos de odio. Iso é unha cousa pero outra cousa son os ataques á liberdade de expresión”. Para explicar isto, Aleixandre remarcou “que Emilio é un heroe pois as Marchas da Dignidade só pedían pan, traballo e vivenda, e agora queren xulgalo, pero quen debera estar na cadea é xente como por exemplo os presidentes das caixas que roubaron a todos os galegos e galegas”. Outra cousa remarcable para a autora é que “persoas que vivimos cousas baixo a ditadura agora estamos a volvelas a vivir”.+

DERIVA TOTALITARIA

Pola súa banda, Emilio Cao agradeceu a presenza no acto tanto de Suso de Toro como de Marilar Aleixandre así como a presenza dos medios “para seren altofalantes diante do corpo social da sociedade galega e do resto do estado”. Na lectura que fixo do seu comunicado, Cao dixo “o meu non é un caso aillado, senón que é unha realidade que padecen infinidade de persoas no estado que din basta e non aceptan o stato quo, a todas esas persoas quero enviarlles azos e apoios”. Na lectura do seu manifesto enumero as accións emprendidas polas autoridades do estado como penas de cadea elevadas, sancións económicas imposibles de asumir e “a estigmatización dos poderes públicos e os seus colaboracionistas medios de comunicación”. Reafirmou que “a mobilización social non vai acabar” e como exemplo puxo as manifestacións do 8 M e a do vindeiro sábado 17 de marzo en defensa das pensións.

O escritor Suso de Toro afirmou que “o que lle acontece a Emilio é o de ser víctima dun experimento político que se está a facer en Europa, que é como un estado que evoluiu de ser un estado totalitario a manifestar trazos democráticos a  partir da Transición, pero volve retroceder ao franquismo”. Reiterou o manifestado por Marilar Aleixandre sobre o anunciado polo Tribunal Europeo de Estrasburgo “que no estado español se está a recortar a liberdade de expresión o mesmo que di hoxe The New York Times”. Por tanto, para de Toro, Emilio Cao forma parte dese experimento cruel sobre todo para a mocidade que é a máis castigada. O obxectivo, segundo o escritor, é que os mozos e mozas que non emigren deben calar, os pensionistas teñan conta do que fan e as mulleres coidado co que din. “Están ensaiando que dose de franquismo aceptamos, en pequenas doses no corpo social e a ver canto imos aceptar”. Este experimento social está a ser aplicado por “un partido fundado por franquistas que combateu a Constitución e moi propio de Mariano Rajoy, quen fixo campaña contra a Constitución e moi propio  que recorte todo canto haxa de liberdades dentro desa Constitución”.

SOBRE OS INTELECTUAIS

Preguntado sobre as posibilidades de saír ben parado do xuízo, Emilio Cao sente que se se segue a  lóxica do Estado non debería ter ningún tipo de problema. Marilar Aleixandre lembrou que se ben o Tribunal de Estrasburgo pode manifestar que este tipo de penas xudiciais son contrarias ao dereito de liberdade de expresión, mentres se delibera isto, Emilio podería ingresar en prisión.
Unha das preguntas dirixidas á mesa de comparecentes foi a de onde estaban os intelecutais españois manifestándose contra as medidas legais do goberno. Suso de Toro respondeu que entre as características do sistema político español foi conseguir un grande dominio da sociedade mediante os medios de comunicación. “O sistema de medios de comunicación é completamente propiedade do capital financeiro que impiden á cidadanía española ter unha información veraz e opinión contrastada”. Isto afecta a outros partidos, que diante dunha sociedade desinformada e desconcertada, acaban aceptando a mesma estratexia do PP. “Os intelectuais españois teñen medo a perder unha tribuna nos media, cousa que lles quitaría un modo de vida, pois eses intelecutais están atados aos medios de comunicación e ao público”. Isto tradúcese nun medo a ser castigado, segundo de Toro.

Sobre a mesma cuestión, Marilar Aleixandre, afirmou estar en grande parte de acordo coa resposta de Suso de Toro, pero é necesario matizar. “Sobre intelectuais, aquí estamos dous, no manifesto hai varios e espero que se sumen moitos máis”. Sobre os medios, Aleixandre respondeu que “afortunadamente hoxe en día hai medios dixitais, alternativos, algúns con socios e lectores debido á deriva de medios, sobre todo en papel, que están dando voz á dereita”. E como exemplo de intelectuais que perderon o medo a escritora mencionou a Luis García Montero ou Almudena Grandes. “Pero sabemos que o medo actúa a moitos niveis, e se es unha persoa crítica vas perder a oportunidade de ter espazo nos medios”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta