Por Galicia Confidencial | Vilanova de Arousa | 06/04/2018 | Actualizada ás 11:15
Que leva a unha persoa a renunciar á vacinación antigripal? No Centro de Saúde de Vilanova de Arousa quixeron responder a esta pregunta e avaliar a cobertura vacinal tras unha intervención educativa. O "medo aos efectos adversos" foi a principal razón esgrimida polos pacientes.
Médicos do Sergas realizaron un estudo con pacientes do Centro de Saúde de Vilanova de Arousa que renunciaron en 2014 á vacinación antigripal e que non cumpriron os criterios de exclusión establecidos (falecemento durante as campañas 2014 e 2015, non aceptación de participación, erros de rexistro da vacina, contraindicación ou non indicación da vacina, imposibilidade de contacto), resultando 73 os suxeitos a estudo: 51 mulleres e 22 homes cunha idade media de 74,97 anos.
Tras realizar unha breve intervención educativa, contrastáronse os datos de vacinación destes pacientes nas de 2015 e 2016, tras recibir a información. Posteriormente, realizouse unha análise descritiva das variables a estudo.
O principal motivo para rexeitar a vacinación foi o "medo aos efectos adversos" , o cal "pode ser abordado desde a consulta, explicando falsas crencias e resolvendo as dúbidas que poidan xurdir", explican os autores do estudo.
O segundo argumento máis utilizado para non vacinarse foi a boa autopercepción da saúde. Xa lonxe sitúanse oiutras causas, como a falta de información, o medo ao picado, a baixa frecuentación do sistema de saúde e outros.
Tras aplicarse a intervención educativa conseguiuse aumentar notablemente a cobertura vacinal: en 2015 foi do 50,7% entre as persoas que rexeitaran a vacinación e en 2016, do 48,6%.
Os autores do estudo consideran que "as causas de renuncia á vacinación son abordables mediante unha intervención breve, xa que diminúe dita renuncia á metade de forma duradeira".
Na intervención breve de tipo educativo se lles explicou a sintomatoloxía característica da gripe, a súa evolución habitual e as posibles complicacións derivadas. Incidiuse nas indicacións da vacinación e os seus beneficios, facendo referencia tamén aos posibles efectos adversos. Deixouse, ademaios, espazo para que os pacientes expuxesen as súas dúbidas, permitindo así que saísen da consulta con información precisa acerca da campaña de vacinación e o que esta leva.
Os resultados do estudo foron publicados recentemente na revista científica Medicina de Familia. SEMERGEN, da Sociedad Española de Médicos de Atención Primaria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.