A xuíza conclúe a investigación polo atropelo a ciclistas na Guarda e apunta á responsabilidade do procesado

Entende que os feitos poden constituír dous delitos de homicidio e nove de lesións, en todos os casos por imprudencia grave

Vigo | 19/04/2018 | Actualizada ás 15:25 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A maxistrada do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 de Tui (Pontevedra), Lidia Grandal, dá por concluídas as dilixencias de investigación polo atropelo a un pelotón de ciclistas ocorrido en marzo de 2016 na Guarda, nun auto no que apunta que hai "indicios bastantes" da responsabilidade do único procesado.

Así, no auto xudicial, ao que tivo acceso Europa Press, a xuíza indica que "con toda probabilidade", sobre as 11,00 horas do día 12 de marzo de 2016 Manuel Benito A.L., que naquel momento contaba con 88 anos de idade, conducía un vehículo pola estrada PO-552 Vigo-Tui.

Nese percorrido, "nun tramo con boas condicións de visibilidade e meteorolóxicas, non advertiu a presenza de 14 ciclistas que circulaban pola marxe dereita da vía na súa senda ciclable e correctamente, en columna de dous en dous en forma paralela e os dous últimos en ringleira de un".

Tal e como sinala na resolución, "todo apunta" a que o procesado despois de pasar aos dous que circulaban de últimos, "realizou un posterior atropelo múltiple ao arroiar sorpresiva e sucesivamente aos seguintes, continuando a súa traxectoria recta sen cambiar de dirección".

Como resultado do acontecido, faleceron dous dos ciclistas, José Antonio C.P. e Diego F.F., e nove resultaron lesionados, Juan Antonio Vilán, Jorge S.A., Fernándo A.V., Miguel A.F., Javier Pablo G.L., Jorge A.E., Rubén F.V., Carlos Manuel P.F., e Carlos V.O.

DOUS DELITOS DE HOMICIDIO E NOVE DE LESIÓNS

Por todo iso, a maxistrada considera que os feitos poden ser constitutivos de dous delitos de homicidio e nove delitos de lesións, en todos os casos por imprudencia grave.

Desta forma, indica que procede seguir os trámites para procedemento abreviado e dá traslado das dilixencias á Fiscalía, ás acusacións particulares e popular e á defensa, para que, no seu caso, soliciten a apertura de xuízo oral e formulen escritos de acusación, sobresemento ou de petición de novas probas complementarias.

Fontes da parte da acusación, en declaracións a Europa Press celebraron este auto, que consideraron que é "o mínimo que podía ocorrer".

Estas mesmas fontes indicaron que a Fiscalía pediu esperar a que as diferentes acusacións presenten os seus escritos de cualificación antes de formular o seu, para poder concretar a posible petición de indemnizacións.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 sermos mantidos

Con 88 anos hai necesidade de conducir? Non ten medios para desprazarse, como pagar un taxi? Un premio para a Dirección General de Tráfico, para os partidos que por medo a perder votos non son severos. A responsabilidade do psicotécnico tampouco se vai investigar? E da familia, seguro que vai ter que pagar indemnización, cando hai deixadez evidente.

1 Gamela

Dous anos mentras o criminal cumpre 90 anos DOUS ciclistas MORTOS !!! Non son homicidios, son asesinatos !!! http://gamela00.blogspot.com.es/201...