Temas: MENORES EMPREGO

A tutela de menores e vías para a súa inserción

En 2017 máis de 2.000 menores foron tutelados ou acollidos en réxime de garda pola Xunta de Galicia. O obxectivo é aprenderlles valerse por si mesmos cando o seu entorno non llo permite para ser persoas adultas.

Por Moncho Mariño | Santiago | 23/04/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A situación familiar de moitos menores pode desembocar nunha situación de desamparo. Isto levaría á desatención por parte dos titores legais, pais, nais ou outros parentes, o fracaso escolar e así a perda de oportunidades laborais. Por iso existen políticas e lexislacións de protección para menores. E por iso tamén existe a tutela de menores, momento no que a patria potestade dos pais queda suspensa e pasa, neste caso, a ser exercida pola Xunta de Galicia.

Servizo de Familia e menores da Xunta en Ourense
Servizo de Familia e menores da Xunta en Ourense | Fonte: paxinasgalegas.es

Cando a patria potestade pasa a ser da Xunta, os e as menores pasan a ser tutelados ou estar en garda. Como se decide se o neno ou nena pasa a estar baixo a protección das autoridades autonómicas, é mediante unha decisión administrativa ou xudicial. As figuras ou tipoloxías de protección do menor son tres . A  garda, cando os pais por motivo puntual non  poden facerse cargo do fillo ou filla. A segunda é a declaración de desamparo, unha medida xudicial di que a persoa menor non pode seguir vivindo con eses pais. Logo, en Galicia, implantouse a atención de día para expedientes ou casos en risco de desamparo. Os menores nesta última medida están nun centro de atención de día pero sen ser internos ou internas.

PROTECCIÓN E ACOLLEMENTO

A idea subxacente detrás das políticas sobre tutela de menores é a protección dos mesmos.
Por iso, despois das medidas xudiciais estaría o sistema de protección. “Despois de facer unha declaración de desamparo, créase unha tutela para mirar do desenvolvemento como persoa dun menor” di Jesús Iglesias da Asociacion Galega de Centros de Menores, AGACEME. Coas tres medidas que se adoptan cos menores en Galicia, estaría o acollemento. Búscase unha vía de resolución do problema que levou aos menores a estar na situación de desamparo. “O sistema quere que teñamos proxenitores, pero non todos os proxenitores son pais ou nais, o que se busca é que quen teña fillos aprenda a ser pai e nai”. Pero o ideal sería que antes de recorrer á intervención familiar “se esgotasen todas a vías anteriores posibles como a mediación ou outros programas específicos” di Jesús Iglesias.

O acollemento do ou da menor pode facerse mediante acollemento familiar ou en centros. O familiar engloba o acollemento familiar extenso, cando quen acolle son familiares ou parentes como tíos, avós etc. Logo están as familias de acollida sen vínculos de parentesco. No caso dos chamados pisos ou centros tutelados “que son recursos esenciais previstos pola Xunta para a acollida de nenos e adolescentes que estean nunha situación de desamparo ou en risco social” explica Duarte Créstar, educador social.

Centro residencial público de menores
Centro residencial público de menores | Fonte: DUVI.

PERFÍS TUTELADOS

“Primeiro, de cero a seis anos non hai nenos en centros, os únicos desas idades que están en centros son aqueles que non poden estar en ningunha familia” explica Jesús Iglesias. Un caso serían os bebés prematuros con pais cunhas problemáticas moi acusadas como alcolismo ou drogodependencia, pero que poidan recuperar o neno. Nos centros faise un traballo diario con estes nenos, traballo que non pode facer unha familia de acollida. Logo hai adolescentes “de pais e nais que din non poder cos seus fillos” que corresponden con circunstancias educacionais e de parentalidade. “É cando non se soubo poñer límites, houbo moita permisividade cos fillos e fillas e chega un momento en que están sen normas ou hábitos” declara Iglesias. Outros pefís que atopamos son os de adolescentes cunhas idades de entre trece e dezaseis anos, que xa pasaron por outros intentos de intervención que non resultaron. Levan unha “mochila” detrás de seis ou sete anos de desestruturacións.

Cantos menores tutelados hai en Galicia? Segundo os datos aportados pola Dirección Xeral de Familia, uns 2.400 en 2017. Todos e todas supervisados polo Servizo Técnico do Menor que avalía os casos e prepara os itinerarios. Deses mozos e mozas, o 56% viven con familias, ben de acollida ou con familia extensa. O resto, 44%, viven en réxime de acollemento en centros tutelados.

O desenvolvemento persoal realízase en dous tipos de vivendas tuteladas. As que están dirixidas a menores de idade e “onde están con tutores as vinte e catro horas do día por seren menores e nesas vivendas aprenderán a convivir” sinala Amparo González directora xeral de Familia. En total, son seis vivendas desta categoría, situadas en Vigo, Ourense, Santiago, Lugo, Coruña e Pontevedra. Logo hai “outras dúas vivendas de transición onde a tutorización xa non é de vinte e catro horas e o número de prazas é de oito” e están en Vigo e Ourense, di González.

A pegada que enfrontan estes mozos e mozas é o estigma de “se están aí é por algo malo que fixeron”. Pero “se están tutelados é precisamente para que non lles pase algo malo, apartalos dunha situación complicada” di Carlos Rosón, director da ONG Igaxes3.

PROGRAMA MENTOR

O Plan Mentor da Consellería de Política Social é levado desde a Dirección Xeral de Familia da Consellería de Política Social que o financia xunto co Fondo Social Europeo. O Programa Mentor pretende a inserción sociolaboral de mozos e mozas maiores de 16 anos, tutelados, en garda ou extutelados pola Xunta de Galicia. Búscase mellorar a calidade de vida destes mozos por medio dun itinerario persoalizado para cada caso. A directora Xeral de Familia, Amparo González explica que “este programa ten catro piares, a formación para maiores de dezaseis anos ata os vinte e cinco, a inclusión, creando redes de apoio para facilitarlle a integración, a educación mediante ciclos formativos, bacharelato e tamén hai algún caso de estudos universitarios e o desenvolvemento persoal”.

“Asinamos convenios de prácticas laborais en 2017 o que se traduciu nuns 221 contratos en vigor en situación de prácticas” apunta Amparo González, quen tamén lembra o obxectivo de “buscar que o mozo ou moza teña unha capacitación para a interacción tanto no traballo como na vida cotiá”.

A xestión do Programa Mentor está licitada á ONG Igaxes3, que tén como misión “que ningún mozo ou moza pola súa orixe, pensando no seu entorno socioeconómico, poda ver limitado o seu futuro” di o director da ONG Carlos Rosón. Aínda que si traballan con menores, o foco principal é “a igualdade de oportunidades e equidade educativa” para mozos e mozas que podan estar en risco de exclusión. “É moi importante a integración laboral, aínda que nós traballamos na protección da infancia, protección da familia, nivel de emprego e nivel de apoio” di Carlos Rosón. Á parte destas catro liñas estaría xa o Programa Mentor para os mozos e mozas tuteladas. Por tanto, Igaxes3 estaría facendo efectivas as expectativas do programa de inserción social e laboral.

OS PROFESIONAIS

A figura do traballador e da traballadora abrangue un amplo abano de graos, formación profesional en Integración Social e outras formacións análogas. Se apuntabamos antes a xestión do Programa Mentor e a licitación coa ONG Igaxes3, querería dicir que o servizo material, físico, está licitado ou externalizado. O persoal público sería aquel que traballa directamente na administración dentro da área de Política Social, sobre todo.  Desde un punto de vista laboral, o educador social Duarte Créstar apunta que “é un traballo precarizado e feminizado”. Cando se pregunta por este último punto, Créstar responde que “é algo que vai sucedendo como noutros traballos que tamén acaban moi feminizados”.

As melloras que se poderían aplicar a este sector laboral serían a mellora salarial, a rotación do posto en canto horarios e quendas de noite máis fins de semana. Por outra parte tamén está que nalgúns casos non se cubren baixas ou vacacións. Sobre se existen situacións de risco nos lugares tutelados, Carlos Rosón di “forma parte do traballo, se unha moza ou mozo é conflictivo o que se fai é traballar de maneira especial para que esa conflitictividade desapareza”. Duarte Créstar apunta que isto é “algo moi puntual, non é habitual”.

En definitiva, a tutela de menores segue cun estigma que marca a  unhas persoas como “conflictivas” cando o que se busca é precisamente eliminar un “conflicto”, desestigmatizar esas persoas novas e sacalas do desamparo e incerteza. Entre as ferramentas que traballan para que isto aconteza, están programas como o Mentor para inserción sociolaboral dos mozos e mozas. Ademais, tamén a busca de vías que permitan á xente nova que está tutelada permitirá desenvolverse na sociedade con autonomía e sobre todo, sen sentirse acomplexados. Por outra parte, como novidade, aparecen os “pequenos emperadores”, nenos e nenas cuns pais e nais incapaces de levalos na súa adolescencia, basicamente por teren sido os pais moi tolerantes con eles. Isto tradúcese en situacións conflictivas nos fogares.

Temas: MENORES EMPREGO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta