Ferreiro reclama á Xunta que "aposte pola área metropolitana da Coruña como fixo pola de Vigo"

A Mesa de Alcaldes e Alcaldesa impulsa a Autoridade Única Metropolitana de Transporte e pide a súa inclusión no Plan de Transporte Público de Galicia. O alcalde herculino reta ao Goberno a demostar agora “se ten disposición real ou non” de colaborar na creación dun sistema de transporte público integrado para os concellos da área.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 04/05/2018 | Actualizada ás 20:45

Comparte esta noticia

A Mesa de Alcaldes e Alcaldesa acordou impulsar a creación da Autoridade Única de Transporte Metropolitano da Coruña e requirir á Xunta de Galicia, mediante a presentación dunha alegación conxunta dos concellos impulsores, a súa inclusión no Plan de Transporte Público de Galicia, que se atopa en fase de exposición pública.

Xuntanza da Mesa de Alcaldes e Alcaldesa da área metropolitana da Coruña
Xuntanza da Mesa de Alcaldes e Alcaldesa da área metropolitana da Coruña | Fonte: Concello da Coruña.

"Amosamos así o noso interese en construír, tendo iniciativa e presentando proxectos, e creo que sería bo que a Xunta apostase pola Coruña, que vise que a potencialidade que ten como área metropolitana depende de que nos dotemos de determinados instrumentos imprescindibles como a Autoridade Única de Transporte e que aposte por ela como no seu momento fixo pola de Vigo", expresou o alcalde da cidade, Xulio Ferreiro.

Na xuntanza, que se celebrou no Pazo de María Pita, participaron, ademais de Ferreiro, a rexedora de Bergondo e os rexedores de Betanzos, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada, que tiveron a oportunidade de coñecer da man do vicepresidente executivo da Área Metropolitana de Barcelona e alcalde de Cornellà, Antonio Balmón, e o seu xerente, Ramón Torra, "como abordan dende un dos modelos de área metropolitana máis exitosos a xestión do transporte e tamén doutras políticas como o urbanismo, a mellora do espazo público ou as políticas sociais e de estímulo á actividade económica".

Ferreiro explicou que, tras a participación de Balmón e Torra, a Mesa de Alcaldes e Alcaldesa avanzou no camiño para a creación da Autoridade Única de Transporte Metropolitano da Coruña baixo un modelo de consorcio, participado polos municipios impulsores e a Xunta de Galicia, "e que terá as facultades para planificar, coordinar e xestionar no seu conxunto" o servizo de transporte da futura área.

"Estamos a facer un esforzo importante, tanto a nivel técnico como político, para que o proxecto saia ben. O primeiro que escoitei da conselleira de Infraestruturas e Vivenda sobre a Autoridade Única de Transporte foi que era unha ocorrencia, que creo que non é unha boa maneira de comezar. No seu momento o presidente da Xunta amosouse disposto a que o transporte metropolitano fose o eixo sobre o que comezar a construír a área e agora é o momento de ver se esa disposición é real ou non", apuntou Ferreiro.

Para comezar a elaborar a iniciativa dos concellos, os rexedores e a rexedora encomendaron á Mesa Metropolitana de Transporte a redacción, "á maior brevidade posible", dunha proposta de alegación para o Plan de Transporte Público da Xunta de Galicia, "tanto aos efectos de planificación como de integración, metropolitana e urbana, das liñas de transporte", ao mesmo tempo que facultaron ao alcalde da Coruña a solicitar unha reunión conxunta coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia.

Neste sentido, a Mesa chegou tamén ao acordo de "reprobar o menosprezo do ministro de Fomento e do presidente da Xunta de cara á cidade e a súa área metropolitana" por ter visitado a cidade sen dar nin sequera resposta ás solicitudes de entrevista cursadas en conxuntos polos alcaldes e alcaldesa. Por iso, a Mesa reiterará ás peticións para a celebración deste encontro, nas que esixirá unha contestación nun prazo máximo de dez días, "antes de adoptar outras medidas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta