Cruce de reproches entre os MIR do hospital de Ourense e o Sergas, ao que os médicos acusan de "insultalos"

A xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense acusa os médicos internos residentes de "falta de sensibilidade e compromiso coas necesidades do hospital e dos seus pacientes". Os residentes reciben o apoio do Colexio Médico, que pide ao Sergas solucións para estes logo de denunciar as pésimas condicións nas que se atopan os cuartos aos que foron trasladados. O BNG leva a súa causa ao Parlamento.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 17/05/2018 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Os médicos internos residentes (MIR) do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) manteñen as súas queixas logo de denunciar as pésimas condicións nas que se atopan, logo de ser trasladados ao quinto andar do bloque cirúrxico, nunhas instalacións absolutamente precarias. Denuncia que foi contestada pola Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, que "lamenta" o que considera unhas "desafortunadas declaracións dun reducido grupo de MIR", aos que acusa de "falta de sensibilidade e compromiso coas necesidades do hospital e dos seus pacientes". A resposta dos MIR non se deixou agardar: "Isto é un insulto", expresan.

Recollida de sinaturas contra as precarias instalacións nas que foron reinstalados os médicos internos residentes (MIR) no CHUO - Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.
Recollida de sinaturas contra as precarias instalacións nas que foron reinstalados os médicos internos residentes (MIR) no CHUO - Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

Os MIR do CHOU recordan que a súa situación actual é froito dunha "decisión unilateral da xerencia pola que a dirección de enfermaría era trasladada ao quinto andar do bloque cirúrxico, ocupando un espazo recente concibido para o descanso do persoal médico residente, sendo este desprazado a uns espazos degradados na cuarta á do edificio xeral de hospitalización, parcialmente desocupado tras a recente ampliación do complexo".

As queixas, feitas públicas polso MIR, recibiron resposta por parte da xerencia do centro unhas horas despois. O comunicado do Sergas é valorado polos médicos como "un insulto".

"Cómpre matizar que dende o colectivo de residentes vimos denunciando internamente dende hai tempo o estado degradado das habitacións que ata hai pouco ocupaban doentes e que seguimos a denunciar vehementemente o estado que presentan os antigos cuartos de hospitalización aos que somos agora enviados e a precariedade dos que aínda ocupan os doentes que son ingresados no edificio xeral", explican os médicos internos residentes.

En concreto, a xerencia nega que se aumentase o número de despachos destinados a dirección e apoio administrativo no Hospital Universitario de Ourense. Segundo a versión do Sergas, os MIR están "confundindo con tal a reubicación dos despachos da dirección de enfermaría, antes situados na terceira planta, nun area asistencial e separados do resto da dirección, e que agora, unha vez concluído o traslado ao novo edificio se pode resolver."

Xuntanza dos médicos internos residentes do CHUO co xerente.
Xuntanza dos médicos internos residentes do CHUO co xerente.

"O espazo resultante", segundo a xerencia, "dedicarase, como se lles informou, a habilitar un novo hospital de día de pneumoloxía, obras que se iniciarán inmediatamente".

A xerencia tamén subliña que "·deste tema se falou cumpridamente, durante semanas, coa comisión de docencia, titores e os propios residentes", e engade que "sobra dicir tamén que as obras do Hospital de Día de Pneumoloxía están planificadas desde hai meses e son prioritarias".

Polo que respecta á recentemente anunciada construción do novo hospital de día de Pneumoloxía, os MIR din "celebrala" e aseguran "comprender a necesidade de reagrupar os espazos administrativos e de dirección do centro". Porén, e contradicindo ao Sergas, cuestionan que este reagrupamento se deba producir "nun bloque cirúrxico que no seu día non foi concibido para acoller espazos administrativos nin nun quinto andar que representaba unha localización óptima para as habitacións do persoal médico", expoñen.

A xerencia defende que "os seis dormitorios de garda, cinco deles asignados a MIR, aos que fan referencia na nota, trasladáronse desde unha zona de oficinas ocupada pola dirección, na quinta planta dereita do edificio cirúrxico, a unhas habitacións, na cuarta esquerda do Cristal, ata hai uns meses ocupadas por pacientes, que foron pintadas e acondicionadas a tal fin, nunha zona tranquila, próxima ás áreas de urxencias, quirófanos e hospitalización, e libres dos ruídos propios dun área de oficinas, como ocorría ata agora, por falta de espazo onde situalas".

Esta versión contrasta coas declaracións e as imaxes ofrecidas polos propios MIR, que denunciaron ter sido trasladados a unha "zona de paso, nunha "área de acceso público non restrinxido", o cal "impide o descanso", en habitacións que non están asignadas por especialidade, o cal "supón que as chamadas a unhas especialidades espertarán aos residentes doutras", e nas que hai un "mal illamento de portas e fiestras, sen sistemas de calefacción e aire acondicionado axeitados", ao que hai que engadir as "condicións de hixiene en estado precario", con "billas que perden auga, teléfonos de ducha rotos, falta de presión, alicatado e chan rotos...", describen os médicos, que tamén se queixan de "falta de privacidade", xa que hai "un baño por cada catro persoas, a compartir por cada dúas habitacións".

Con todo, a xerencia considera que as condicións non son tan malas como describen os médicos: "Lamentamos que unhas habitacións, que viñan sendo ocupadas por pacientes, ata hai uns días, non reúnan as condicións de confortabilidade requiridas por este grupo de médicos interno residentes", respondeu o Sergas.

REUNIÓN ENTRE XERENCIA E MÉDICOS

Despois deste cruzamento de comunicados, ás oito e cuarto da mañá deste venres produciuse unha xuntanza entre varios representantes dos residentes e o xerente do centro. Como era de agardar, a xerencia expresou a súa negativa a dar marcha atrás na reasignación de espazos, baseándose na necesidade de trasladar a dirección de enfermaría para poder ubicar o novo hospital de día de pneumoloxía.

Ante esta situación, os residentes enfatizaron a "necesidade de elaborar un plan serio de reasignación de espazos no complexo" e propuxeron contemplar no seu deseño a reubicación da dirección de enfermaría noutros espazos, "mesmo nos andares desocupados do hospital xeral nos que queren ubicar as áreas de descanso dos residentes".

"Asemade, suxerimos o traslado do resto da dirección arestora ubicada sen ningún tipo de criterio lóxico dende o punto de vista da medicina preventiva no bloque cirúrxico; posibilitando así que a totalidade das habitacións para persoal médico volvan estar no quinto andar do bloque cirúrxico, respondendo ao deseño arquitectónico inicial", expoñen os MIR.

A xerencia rexeitou estas propostas "alegando a dificultade de adaptar para despachos e oficinas os andares desocupados pola necesidade de ter que tender liña telefónica", segundo os MIR, que o consideran "un pretexto" que valoran como "ridículo".

Os médicos internos residentes confesan que a única proposta que recibiron da xerencia foi "unha remodelación parcial dos baños do cuarto andar ao que son enviados a descansar, recoñecendo o seu lamentable estado de conservación". Con todo, din, o xerente "advertiu da imposibilidade de superar o limiar de gasto que obrigaría a abrir un concurso público de obras, 15.000 euros".

"Tamén propuxo poñer unha porta de acceso restrinxido ao novo corredor de habitacións, se ben confesou que terían que seguir transitando por ela durante a madrugada os ruídosos ingresos da unidade de coidados intensivos e de reanimación", detallan os médicos afectados.

"NON QUEREMOS PARCHES LOW COST"

Os residentes declinaron esta proposta e reafírmanse na "necesidade de recuperar a cordura". Para os médicos "cómpre realizar unha planificación seria de reasignación de espazos, recuperando un deseño que responda a criterios de medicina preventiva e saúde laboral, non a caprichos do xestor". Insisten en que a localización das habitacións para descanso de persoal médico no quinto andar do bloque cirúrxico era a "óptima" e consideran que a súa reubicación xera un "gasto non orzamentado que non responde a criterios lóxicos".

"Non queremos que se gasten 15.000 euros en parches 'low cost', queremos que se deseñe unha política de reubicación acompañada dun plan ambicioso de rehabilitación dos espazos vellos do complexo, consensuado entre a administración e o persoal, e que siga os pertinentes procedementos públicos de concurso e licitación como anunciara o conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Vázquez Almuíña, durante a recente inauguración do novo edificio de hospitalización", argúen os MIR .

Dada a negativa dos médicos a eses "parches", o xerente solicitou tempo e emprazounos a unha nova xuntanza que terá lugar o próximo luns ás dúas da tarde, despois de consultar con técnicos e asesores outras opcións. Perante esa reunión, os MIR reiteran a petición de volver ás habitacións sitas no quinto andar do bloque cirúrxico.

Ademais, os médicor internos residentes instan ao Sergas a pedir "desculpas públicas polo comunicado emitido pola xerencia, que aínda non rectificou".

RECOLLIDA DE SINATURAS

Mentres continúe esta situación, anuncian que manterán no CHUO unha recollida de sinaturas entre o persoal e dan de prazo á xerencia ata a xuntanza do luns para pór en marcha un calendario de reivindicación en defensa dos seus dereitos, das condicións dos doentes e pola mellora das condicións do hospital e da sanidade pública.

APOIO DO COLEXIO MÉDICO, DO CESM E DO BNG

O Colexio de Médicos de Ourense uniuse ao desacordo do colectivo de residentes do CHUO co cambio das habitacións asignadas para eles durante as gardas de presenza  física.

Para o Colexio, estes residentes "demostraron e demostran cada día o seu compromiso cos pacientes do hospital" e lembra que "o seu traballo, tamén nas gardas, é esencial para a asistencia aos pacientes".

"Por iso, as escasas horas de descanso das que dispoñen deben ter un área coas mellores condicións posibles para iso", avisa oi Colexio ao Sergas.

O Colexio contradí ademais a versión da xerencia, que cuantifica nuns "poucos" os MIR que se queixan, e constatou que "a totalidade dos residentes e polo menos a maioría dos  titores e adxuntos do CHUO están de acordo coa súa demanda".

Por outra banda, o Colexio di que "é imprescindible para o centro dispoñer dun Hospital de Día de Pneumoloxía en condicións estables, e deben afrontarse canto antes os cambios estruturais necesarios para iso". Agora ben, este organismo tamén apunta que "o traslado da  dirección de enfermaría para facelo posible, podería xestionarse sen cambiar a ubicación das habitacións dos residentes, xa que existen outras opcións dispoñibles".

En calquera caso, o Colexio espers que do diálogo entre a dirección do CHUO, a Comisión de Docencia e o colectivo de residentes, ao que a  Xerencia, din, "se comprometeu con este Colexio", saian "decisións consensuadas sobre este asunto que permitan manter un bo clima laboral e sexan xustas e convenientes para pacientes e profesionais".

O BNG LEVA A CAUSA DOS MIR AO PARLAMENTO

O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), a iniciativa das deputadas e deputados Noa Presas Bergantiños, Luis Bará Torres, Ana Pontón Mondelo, Xosé Luis Rivas Cruz, Olalla Rodil Fernández e Montserrat Prado Cores, presentou unha proposición non de lei para o seu debate en Comisión, relativa ás demandas dos MIR do CHUO e a resposta do Sergas a estes.

"Desde o Bloque Nacionalista Galego alármanos tanto a situación referida e documentada con fotografías como a resposta emitida por parte do Sergas, nun ton ameazante e refractario a calquera tipo de diálogo", valora o BNG.

A xuízo desta formación política, a Xunta de Galicia "debe sentarse a dialogar co colectivo de médicas e médicos internos residentes (MIR) do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense con carácter inmediato e buscar unha saída negociada ás súas demandas".

Por todos estes motivos, o BNG solicitou debater en comisión este caso e insta o Goberno galego a "demandar a constitución con carácter inmediato dunha mesa de negociación participada cando menos da Dirección do CHUO e dunha representación directa do colectivo de médicas e médicos internos residentes (MIR) para buscar unha saída consensuada ás súas demandas e garantir unhas áreas dignas de descanso.”

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

3 veñen coas tesouras ...

si e no 5 piso fronte a dirección decirlles que si pasa cos médicos miren o que pasa cos mais humildes os celadores, tamen chamados celatas, cunha saiña de 4x3 e sin wáter cunha soa pileta de auga, teñen que estar ahí 8 traballadores pola noites tirados no chan como si fosen "porcos enlatados camino o matadoiro" señores os celadores son ser humans non limañas nin feras currupias!!!! onde están os sindicais? onde esta a hixiene minima?, onde están os de riscos laboráis?... as condicions son de perturbados, e miren tamen si o mortuorio e legal o ilegal o do novo edificio o que pasa e moito!!!- un noite trabucaronse e meteron a calefacción en vez da friaxe e os mortos daban cheiros que alcatreaban e meteron pos secantes polo dos cheiros a situación era moi fedorenta E O OUTRO MERCANDO UNHA CHALET DE 650.000 EUROS... A CASA DO LENIN!!!!

2 Dr Bacterio

As condicións no CHUAC, son iguais. Mentres se malgastan cartos en MEDICINA ESPECTÁCULO

1 Andaxa

Que se lle perdeu ao BNG nisto?

1 obi guan

E a ti?

2 Loisinc

A que vai a vir? Son representantes do pobo no Parlamento e como tal teñen que dar voz aos problemas da xente. Isa pregunta é propia de xente que non sabe embarcar que consiste a democracia ou de esquerdosos envidiosos