Nace o Consorcio Interuniversitario para "acadar unha maior calidade e eficiencia" das universidades galegas

As tres universidades terán cadanseu 30% de participación no novo consorcio e a Xunta de Galicia o 10% restante.

Por Galicia Confidencial | | 28/05/2018 | Actualizada ás 15:14

Comparte esta noticia

Os reitores das Universidades da Coruña, Vigo e Santiago de Compostela asinaron co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o convenio para a constitución do Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia (CISUG), co obxectivo da "cooperación organizativa, económica, técnica e administrativa do Sistema Universitario Galego (SUG), para acadar unha maior calidade e eficiencia das universidades que o constitúen”. Na sinatura protocolaria interviñeron os reitores Juan Viaño, Salustiano Mato e Julio Abalde, o conselleiro Román Rodríguez e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. 

O CISUG estará adscrito á Universidade de Santiago de Compostela e terá inicialmente o seu enderezo no Colexio de San Xerome, sede da Reitoría compostelá. As tres universidades terán cadanseu 30% de participación no novo consorcio e a Xunta de Galicia o 10% restante. Regulado polos seus propios estatutos e cunha duración indefinida, o Consorcio constitúe unha entidade de dereito público, dotada de personalidade xurídica plena e independente dos seus membros. 

Como se recolle no convenio, o novo consorcio “suporá un fito importante de agregación de recursos entre todas as universidades do Sistema Universitario de Galicia, alén dun fluxo de comunicación constante para dar resposta aos problemas de xestión”.

Constitución do Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia
Constitución do Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia | Fonte: USC.

O CISUG deberá agrupar “as actuacións levadas a cabo ata a data en distintas entidades e poñer en marcha novas áreas de colaboración que redunden nunha maior eficiencia ou eficacia do sistema universitario”. A xestión integrada permitirá “aforrar custos, fomentará a colaboración e proporcionará unha maior transparencia e unha información rápida, auténtica e de calidade ao SUG”. 

As tres universidades galegas e a administración autonómica canalizarán a través do novo Consorcio a participación nos procedementos de acceso e admisión de alumnado mediante unha fórmula colaborativa; ademais de planificar, deseñar e implantar sistema de xestión e informáticos comúns nos ámbitos da xestión universitaria; unificar e integrar procesos e trámites para poder obter información normalizada común; xestionar de forma coordinada, tanto o acceso á universidades como políticas de inserción laboral; ou colaborar na adquisición e desenvolvemento de equipos, aplicacións informáticas, subministracións de material científico e bibliográfico para o aforro de custes e gastos de implantacións, entre outras cuestións. 

Coa sinatura do convenio celebrado este luns, iniciaranse os trámites para a liquidación e, no seu caso, integración no CISUG do Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións de Xestión Universitaria (CIXUG), do Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia (BUGALICIA) e da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) o que deberá ser previamente aprobado polos respectivos órganos de goberno dos consorcios a integrar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta