Unha parroquia de Mesía de 140 habitantes celebrou a verbena máis potente de Galicia desta fin de semana

Combo e New York foron as orquestras estrela na noite 'verbeneira' da pequena parroquia de Albixoi, que bailou onte a ritmo de 'El Tembleque', 'Escápate' ou 'Te lo voy a partir', entre outros temas, nunha festa que congregou a unhas mil persoas fieis a dúas formacións con grande tradición na verbena galega.

Por Ángela Precedo | Mesía, A Coruña | 03/06/2018 | Actualizada ás 00:28

Comparte esta noticia

A pequena parroquia galega de Albixoi, en Mesía (A Coruña), de 140 habitantes --segundo os datos publicados en 2016 polo Instituto Galego de Estadística--, foi quen de organizar este venres unha das festas máis potentes desta primeira fin de semana de xuño, que reuniu a dúas das grandes orquestas do panorama verbeneiro galego: a orquestra New York (que se sitúa no quinto posto no ranking oficial de ‘Orquestas de Galicia’) e o imparable El Combo Dominicano (que actualmente ostenta a terceira posición, por detrás de Paris de Noia e Panorama).

Festa de Mesía, escenario de El Combo Dominicano
Festa de Mesía, escenario de El Combo Dominicano

A festa comezou ás 23,30 horas da noite, a cargo da orquestra New York, que amenizaba o ambiente mentres a xente ía chegando. O máis chamativo da primeira hora da noite é que os máis rápidos en ocupar a festa non foron os maiores, como soe suceder nas verbenas das vilas durante o primeiro pase das formacións, senón os máis novos. Esto reafirma a idea de que algo está a cambiar no mundo da verbena en Galicia, e de que existen formacións capaces de mobilizar a un gran público mozo tras de si noite tras noite.

Media hora despois de comezar, foise a luz. Isto é algo bastante habitual cando se trata de vilas moi pequenas e dun campo da festa con escasa toma eléctrica, xa que ao congregar a dúas grandes orquestras, o gasto de luz que supón manter acceso durante case seis horas os escenarios, altavoces e efectos varios é altísimo. Sen embargo, a New York non parou a festa, porque para eles o importante é o público. Por ese motivo o que fixeron foi cantar a capela e bailar a coro todos os cantantes mentres incitaban ao público a seguir pasándoo ben. Tras uns sete ou oito minutos volveu a luz ao palco e os micros volveron funcionar para que puidese continuar a noite.

Así, a ritmo de ‘Oye cómo viene, oye cómo va’, un tema de ritmo latino con interpretación orixinal da orquestra e cantado polo canario Santi Pulido, prenderon de novo o ambiente, con bullas como “¡cintura, cintura!” ou “¡eso, eso es mujeres, suelténlo que yo prendí!”. Tamén a continuación, a coruñesa Alejandra Pais e a canaria Isabel Asensio interpretaron a ritmo de cumbia dúas das cancións máis famosas de India Martínez, ‘Todo no es casualidad’ e ’90 minutos’.

Festa de Mesía, escenario de El Combo Dominicano
Festa de Mesía, escenario de El Combo Dominicano

Outro dos temas que máis fixeron bailar aos espectadores foi ‘Mi Corazón’, de Maluma, interpretado por Santi Pulido e cunha colorida posta en escena, iluminándose o escenario cun corazón xigante do que saían gran cantidades de luces; así como cun cambio de letra inesperado: “moito obrigado, que frío que fai”. Pola súa banda, o canario Alfred Asensio e o taragoñés Richard Blanco optaron polo tema de Silvestre Dangond, ‘Cásate conmigo’, coas partes de reggaetón rápido na voz do inconfundible Dj Federato.

Con todo, o momento máis emotivo da noite chegou co tributo a Whitney Houston na voz feminina de Alejandra Pais, cun vestido de gala iluminado pola claridade dun escenario con luz baixa que impactou nos espectadores e levounos a adentrarse nun ambiente de tranquilidade. Nesta mesma liña, continuou a homenaxe a ‘Mi canción’ (tema co que España se presentou a Eurovisión), da man de Isabel Asensio e Santi Pulido, tamén vestidos para a ocasión.

Sen embargo, as cancións que máis animaron á mocidade (moita dela congregada xa baixo o palco do Combo) e tamén aos máis maiores (o que evidencia tamén un cambio de gustos da poboación en xeral) foi a versión propia da orquestra de ‘Ven pelea’, interpretada por todos os cantantes da formación; e, especialmente, de ‘El Tembleque’, de DKB, cantada por José Miguel, máis coñecido polos forofos da verbena galega como ‘El Cola Cao’, tras o seu paso por Aché.

Con respecto aos integrantes da New York, cabe sinalar o feito de que onte foi unha noite de reencontros. E é que Santi Pulido, recente fichaxe por esta orquestra procedente da formación de Las Palmas de Gran Canaria, Tamarindos, contaba cun observador moi cercano á súa traxectoria profesional: Cirano Núñez, actual director de El Combo Dominicano, e o seu antiguo xefe durante o tempo que estivo nestas filas, entre o ano 2013 e 2014.

ARRANQUE DO COMBO, PRENDEUSE A FESTA

Tras o primeiro pase da New York, tocáballe a quenda a El Combo Dominicano, que este ano oferta un espectáculo máis cheo de novidades ca nunca, comezando cunha impactante entrada, a cargo da salsa de Elvis Crespo, ‘Escápate’, cantada por Eulicer Aróstegui, o sempre disposto para prender ao público. Deste xeito, ao levantarse o telón, a orquestra posicionou na súa pantalla xigante un vídeo de presentación de todos os seus integrantes fuxindo pola selva, baseándose na película de grande éxito cinematográfico de 1995 e cun remake en 2017, ‘Jumanji’.

O vídeo comeza con estas palabras: “están a punto de vivir una nueva aventura, todos están aquí por una razón, los escogieron con un solo propósito: una manera para los que buscan, quizás, el modo de dejar su mundo atrás. Será un gran desafío, pero juntos alcanzarán el éxito; no será fácil, pero tampoco inalcanzable. Si quieren regresar, tendrán que acabar esta partida juntos. ¿Están preparados? Tres, dos, uno: Revolution Tour 2018” –nome da xira deste ano–. Aparecen entón nun escenario aínda escuro os cantantes e bailarinas do Combo, cun uniforme de militar –como se acabasen de saír do filme en cuestión– e, tras da frase “que empiece el juego” inician un espectáculo de persecución que remata con ‘confeti’ lanzado cara o público e a entrada de Eulicer berrando “¡buenas noches, mi gente!”.

Tras disto, o ritmo baixa un pouco coa canción ‘Quiero que me odies’, tema propio interpretado pola canaria Davinia Fleitas. Porén, a calma dura pouco, xa que o seguinte tema é ‘Te lo voy a partir’ –canción que deu nome á xira do pasado ano 2017 e cuxo videoclip pódese consultar nas redes da formación--, a cargo de Juan Carlos Balbuena; e ‘Equis’, interpretación de Néstor do tema de Nicky Jam e bailada por todo o público con pasos idénticos aos do Combo. E é que noite tras noite vese ao público situado na parte dianteira do escenario imitar e corear os movementos dos cantantes. Ese público, nesta xira, é enfocado por unha cámara situada na parte superior do escenario e que proxecta a imaxe na gran pantalla tras os cantantes.

Logo a formación canaria procede a actuar cun popurrí de bachatas de Prince Royce, Romeo Santos e Ozuna. Comeza a mestura con ‘Sobredosis’, a cargo do cubano Javi López; séguese con ‘Imitadora’, de Néstor Peña, con coreos do tipo “¡eso es, baila bachata!” e “¡síguelo!”; e finaliza a sección con ‘El Farsante’, na voz de Eulicer Aróstegui, cunha bulla baixo as palabras “¡dímelo, mami!”.

Cabe destacar que El Combo, unha formación canaria procedente de República Dominicana con grande implantación en Galicia dende o ano 1995, produciu durante toda a súa traxectoria máis dun centenar de temas de creación propia. Nesta liña, nesta noite de venres en Albixoi interpretaron as súas novas composicións para a xira ‘Revolution Tour’: ‘Un beso en la discoteca’, interpretado por todos os cantantes a coro, a adaptación do clásico ‘Diva Virtual’ e o reivindicativo tema ‘Que digan lo que quieran de mí’.

Así foi como remataron os dous primeros pases dunha noite espectacular nesta parroquia da localidade coruñesa de Mesía, cun público entregado dende a primeira hora da noite e cunha praza de Alboixoi a reventar. Unhas mil persoas corearon os temas e bailaron a ritmo de cumbias, merengues, salsas e reggaetón nunha noite inesquecible para esta pequeña poboación galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA