As pemes galegas ábrense aos mercados internacionais

Un novo programa de ViaExterior quere impulsar a internacionalización das empresas de Galicia a través de diferentes talleres.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/06/2018 | Actualizada ás 13:43

Comparte esta noticia

Co gallo de impulsar a internacionalización das pemes galegas, a aceleradora ViaExterior organiza un programa 100% práctico apoiado nun campus online e talleres presenciais de resolución de casos. Este proxecto diríxese a pequenas e medianas empresas en diferentes estados de desenvolvemento: startups con vocación internacional, pemes con algunha experiencia ou pemes xa internacionalizadas, pero que teñan en común o seu interese en acceder a novos mercados.

Seminario de pemes en Santiago para impulsar os negocios na Internet
Seminario de pemes en Santiago para impulsar os negocios na Internet | Fonte: Cámara de Santiago

A recepción de solicitudes para entrar no programa estará aberta do 19 de xuño ao 19 de xullo. A inscrición online, previo rexistro e sen custos, está dispoñible a través da web www.viaexterior.com. Ademais, durante o mes de captación desenvolveranse diferentes eventos informativos para dar a coñecer os detalles desta nova edición e aclarar as dúbidas das empresas interesadas en participar. O primeiro evento será un webinar o 22 de xuño, ao que lle seguirán presentacións en Vigo (27de xuño), Villagarcía (4 de xullo) e Porriño (10 de xullo).

AS FASES DO PROGRAMA

Tras o período de captación seleccionaranse ata un total de 20 pemes que durante seis meses pasarán por dúas fases, a de estratexia e a de aceleración. Así pois, as empresas irán definindo o plan de internacionalización da empresa e detección de novas oportunidades de negocio, a través de tutorías individuais con expertos sectoriais e por país.

Durante o programa, os participantes tamén terán acceso a campus online personalizado e talleres presenciais de resolución de casos orientados segundo as necesidades das empresas. A aceleración enfócase a través de sesións de mentoring, coaching e vixilancia competitiva entorno á cultura organizacional, ás negociacións internacionais ou ás soft-skills. Estas dúas fases completaranse coa última etapa de acceso a financiamento, onde se preparará ás empresas para participar nun foro de entidades de investimento.

Á finalización deste programa os participantes obterán un certificado de capacitación nos
procesos de internacionalización empresariais, dunha duración de 179 horas. Todas as
sesións presenciais de ViaExterior desenvolveranse en horario de tarde os venres de setembro de 2018 a marzo de 2019.

APOSTA POLA INTERNACIONALIZACIÓN DAS EMPRESAS GALEGAS

O obxectivo prioritario deste programa é axudar as empresas galegas a superar as barreiras e dificultades de acceso a novos mercados. Na anterior convocatoria do programa, a maioría das empresas solicitantes correpondían aoss sectores agroalimentario, naval, construción, consumo e tecnolóxico.

O máis valorado por estas empresas foi telas dotalas dunha metodoloxía que lles permita acceder de forma segura aos seus actuais mercados destino tocando temas como "Contorna Xurídica e Contratación Internacional", "Finanzas Internacionais", "Mercadotecnia Internacional", "Xestión de Persoas na Internacionalización", "Comunicación e Negociación Intercultural", etc.

Desta maneira, as empresas acaban vendo o mercado exterior como unha das pancas de impulso do seu negocio. Desde firmas xa asentadas ata startups puideron lanzarse con firmeza á conquista de novos mercados.

EMPRESAS GALEGAS NO EXTRANXEIRO

Empresas como Tacore, de maquinaria industrial, participaron neste proxecto e conseguiron abrir mercado en Filipinas e pechar vendas superiores aos 200.000 €. Outras como Proyectopía, tecnoloxía innovadora para a fabricación de vivendas modulares personalizadas e ecoeficientes, apostaron polos mercados de Latinoamérica e Francia. Calabizo, cun produto patentado que substitúe o embutido tradicional para o sector vegano, centrou o seu paso pola aceleradora en abrir mercado en Alemaña. Enxendra, empresa de tecnoloxía e innovación que se dedica a crear servizos de facturación electrónica, firma dixital e voto electrónico, atópase desenvolvendo alianzas comerciais no Reino Unido para establecer a súa presenza no mercado británico. M International, empresa de produción audiovisual está a abrirse paso no mercado nipón para producir unha serie sobre o Camiño Xaponés hermanado co Camiño de Santiago.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta