O I Premio Fina Casalderrey galardoa as escritoras Antía Yáñez e Sabela Losada

Segundo o xurado, elas son as merecentes desta primeira entrega do Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade, convocado por Baía Edicións.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/06/2018 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

O Xurado do I Premio Fina Casalderey de Literatura Infantil pola Igualdade resolveu, despois de moitas deliberacións, conceder por unanimidade e ex aequo o premio ás obras presentadas baixo os lemas “Gerbillo” e “Vermello”. Abertas as plicas, resultaron ser da autoría das escritoras Antía Yáñez Rodríguez e Sabela Losada Cortizas, baixo os títulos A reconquista e Vermella!.

Fina Casalderrey, académica da RAG
Fina Casalderrey, académica da RAG

O Xurado considera as dúas obras merecedoras do Premio en igualdade de condicións,
manifestando que atenden a ámbitos moi distintos e complementarios e defendendo o especial interese de cada unha delas polos seguintes motivos: "A reconquista, por un acaído tratamento da ocupación do espazo central, o liderado feminino e a solidariedade. Ademais, a combinación de dúas voces narrativas diferentes, que aluden ao humano e animal, e ao ámbito da ficción e do libro divulgativo, fan da obra unha proposta literaria moi atractiva e interesante para as nenas e para os nenos, ao resaltar tamén por ser un exemplo de resolución positiva dos conflitos que xorden no propio contorno".

Pola súa banda, indican que "Vermella!" merece este premio "por ser quen de sacar á luz un tema tabú e pouco tratado na literatura infantil, como é o da menstruación desde unha perspectiva de indagación case que policial e de divertimento por parte da rapazada protagonista. Igualmente, a historia consegue manter a súa intriga, mesmo coa axuda de trazos do humor natural característico do mundo infantil, na procura da orixe do móbil da investigación, que lle dá sentido á trama e que ten que ver coa propia e progresiva descuberta do corpo da nena".

O Xurado estivo formado por Ana Luísa Bouza Santiago, socióloga, Montse Pena
Presas, profesora da USC e crítica literaria, Patricia Porto Paderne, xerente da libraría
compostelá especializada en temática feminista Libraría de Mulleres Lila de Lilth, Pilar
Sampedro Martínez, mestra e vicepresidenta de Gálix, e a directora editorial de Baía
Edicións, María Belén López Vázquez, que actuou ademais como secretaria do mesmo.

As obras serán publicadas por Baía Edicións en álbums ilustrados a toda cor na
colección Contoxconto antes de finalizar o ano, e o Premio de 5.000 € repartirase a
partes iguais entre as dúas escritoras merecedoras do galardón.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta