O Sergas non considera que houbera "atrasos" na subministración de tratamentos para a Hepatite C

O Sergas considera que as novas declaracións realizadas este mércores ante o xuíz "non acreditan" que poidan atribuírse "atrasos" á subcomisión de Farmacia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2018 | Actualizada ás 18:20

Comparte esta noticia

Este mércores declarou no xulgado de instrución número 3 de Santiago o xefe de servizo de Transplantes do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), Evaristo Varo, quen, fronte á versión que dá a Xunta, asegura que a subcomisión "non respondía" as peticións de medicación e non consideraba os mesmos supostos que marcara o Ministerio de Sanidade.

Chegada dos dous cargos do Sergas investigados pola hepatite C. Europa Press - Archivo
Chegada dos dous cargos do Sergas investigados pola hepatite C. Europa Press - Archivo | Fonte: Europa Press

O Sergas , pola súa banda, considera que as novas declaracións realizadas este mércores ante o xuíz que instrúe a causa pola subministración dos tratamentos de Hepatites C "non acreditan" que poidan atribuírse "atrasos" á subcomisión de Farmacia.

Así, e a través dun comunicado de prensa, a Consellería de Sanidade considera que "non se poden atribuír os atrasos á subcomisión de farmacia na dispensación dos medicamentos" e, de feito, considera que as declaracións feitas en sede xudicial "veñen confirmar a correcta actuación deste órgano".

Fontes xurídicas aseguraron que, precisamente, a liña de defensa que está a seguir o Sergas na causa , polas preguntas que fai,  é a de tratar de estender unha eventual culpa nos atrasos entre outras instancias sanitarias, co obxectivo de quitar a culpa aos dous altos cargos investigados, Félix Rubial e Carolina González-Criado.

"ACTUOUSE SEGUINDO PROTOCOLOS"

A Consellería de Sanidade mantén que "quedou de novo acreditado" que se actuou seguindo os protocolos e os criterios farmacoterapéuticos comúns establecidos polo Sistema Nacional de Saúde (SNS) para "garantir un acceso homoxéneo e igual para toda a cidadanía a estes novos medicamentos" que nesa fase aínda non estaban "autorizados nin sequera para ser comercializados en España".

De feito, a Xunta asegura que foi a subcomisión de Farmacia, formado polos profesionais clínicos que "mellor coñecen esta enfermidade en Galicia, a que resolveu os casos de maneira rápida, cunha media de 13 días", nunha enfermidade que ten un desenvolvemento de entre 30 e 40 anos.

Así as cousas, para o Sergas a subcomisión actuou, en todo momento, "seguindo os criterios facultativos para o acceso aos cidadáns a estes novos fármacos" e, en ningún caso, tivéronse en conta "razóns orzamentarias ou outro tipo nas decisións da administración".

No comunicado remitido, a Xunta reitera a súa "total disposición para colaborar coa xustiza" e así poder "esclarecer os feitos o máis axiña posible", nun proceso que leva aberto "hai máis de dous anos". Así mesmo, informa de que, na actualidade, xa son máis de 6.000 os pacientes tratados con esta medicación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta