Por Walter Burns | Narón | 12/04/2011 | Actualizada ás 18:28
A deputada do PP no Parlamento de Galicia Natalio Barros é socia de N. Barros Gestión Hotelera e apoderada de Pazo Libunca S.L., segundo comprobou GC no rexistro mercantil.
O sindicato CIG denunciou hoxe que os traballadores do Hotel Pazo Libunca irán á folga polo impago dos seus salarios no hotel, que xestiona a primeira das citadas empresas.
A central nacionalista asegura que a empresa debe parte das nóminas de decembro e novembro, así como algúns fins de semana. Debido os atrasos, os seis operarios irán á folga.
A Xunta aproba un "ERE a medida"
A CIG tamén denuncia que a Consellería de Traballo, gobernada polo PP, aprobou un "ERE a medida" a N. Barros Gestión Hotelera S.L. O sindicato esgrime un "informe negativo" da Inspeción Traballo, funcionarios que dependen do Estado e non da Xunta.
A CIG solicita ademais o embargo dos pagos pendentes ao hotel por parte de varias administracións públicas, como a Deputación da Coruña (gobernada por PSOE e máis BNG) e o Concello de Narón (TEGA).
O PP de Santiago e o Rotary Club de Narón tamén organizaron actos neste hotel. Os conservadores organizaron unha cea solidaria este Nadal no Hotel, que xa daquela arrastraba impagos. Ademais, o PSOE local tiña previsto organizar un acto de campaña alí.
Ademais de nas sociedades citadas,a deputada Barros é administradora da empresa Doninos Playa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.