Unicornio Lee

Gabriel Rei-Doval inicia o seu periplo polos EUA rumbo oeste. Nesta primeira entrega do seu blog 'Viaxes sen Lee', o explorador emocional galego-americano traza as coordenadas vitais de partida en Milwaukee.

Por Gabriel Rei-Doval | Milwaukee (Wisconsin, USA) | 26/08/2018 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Mañá comeza este meu periplo por terras ignotas nunha dual exploración externa e interior. Mais viaxar rumbo oeste nos Estados Unidos nada ten de inédito; fai parte desa epopea fundacional que as longas viaxes por estrada, os roadtrips, actualizan a cotío no imaxinario colectivo do norteamericano medio.

Camiño de Pikes Peak  (Foto: C.R.)
Camiño de Pikes Peak (Foto: C.R.)

Un longo periplo automobilístico levou John Steinbeck de costa a costa e viceversa na única compaña do canino e empático amigo Charley, como recolle o seu apaixonante Travels with Charley (1962), antecedente onomástico desta serie. Mais esta miña viaxe xorde da ausencia. Lee, o meu unicornio azul de crinas douradas, inesperadamente saltou o pasado maio do tren en marcha que unía Pikes Peak e Holy Hill, e sen deixar rastro desapareceu. Tal extravío unicórnico desatou o devastador tornado emocional do que esta viaxe rumbo oeste é debedora.

Se cadra, o carácter mitolóxico e divino do unicornio converte o seu comportamento en máis impredicible. As deidades réxense por regras quizais diferentes e menos atentas ós parámetros habituais da interacción humana, máis achegada ó mundo emocional ca ó divino. A miña experiencia con Unicornio Lee, un pouco con amor un pouco con verdade, asumía que  emoción e claridade reforzan o espírito e, polo tanto, a conexión no Ser. Mais poida que o divino universo unicórnico ás veces estea máis próximo ó reino animal ca ó mundo emocional en que vivimos os limitados humanos. E poida que nese reino animal, en lugar de xestionar amor e verdade a partes iguais, prevalezan como emocións básicas o medo e a ira, adoito desencadeantes de accións e respostas inesperadas: actions speak louder than words, din na matria estadounidense de Lee.

Onda o Lago Michigan, preparado para o abrente desta saga roadtrip, acórdame a inspiración oriental que guiou as Cartas de Marco Polo e pregúntome se o Grande Espírito dos Lakota terá un efecto sanador equivalente. De momento, toca renderse ós Winnebago de Wisconsin mentres chega a inminente saída. En ausencia do Unicornio Lee, en presenza do azul Auris.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA