Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/08/2018 | Actualizada ás 20:00
Compromiso por Galicia do Concello da Baña vén de facer públicas unhas críticas nas que acusa a Xunta e ao alcalde da Bana, García Cardeso, de incumprir o dereito á protección de datos da veciñanza da contorna. "É habitual que mencione no pleno, sen ningún tipo de pudor ou reparo, nomes, datos ou asuntos persoais referidos a problemas de saúde ou outras cuestións de persoas do concello", aseguran. Así mesmo, dende Compromiso por Galicia tamén denuncian que o alcalde realiza "acusacións graves" cara a membros do partido da oposición "sen mostrar ningún tipo de proba e incumprindo totalmente o dereito de calquera veciño a proxeter os seus datos". Desta maneira, CxG apela ao respecto á veciñanza.
Mais as protestas do grupo non rematan aquí. "O que nos parece aínda máis grave é que algunha vez que nos poñemos en contacto coa administración pública, a información que transmitimos en conversa persoal e anónima é comunicada ao señor alcalde sen o noso consentimento". Con este tipo de prácticas aseguran que se demostra un trato de favor cara ao alcalde e unha vulneración dos dereitos das persoas como cidadás.
Á vista do acontecido, recordan que a administración pública debe ser un organismo "completamente imparcial", que trate a información da cidadanía de maneira confidencial e que "baixo ningún concepto" se utilice esa información segundo intereses partidistas. Por todo isto, Compromiso por Galicia asegura que se ve "prexudicada" nos trámites coa Xunta de Galicia.
OS TRES CASOS QUE DENUNCIAN
Un dos casos que o grupo pon a coñecemento público aconteceu o pasado 9 de febreiro. Un dos concelleiros do partido, César Ramos, fixo unha chamada á Xefatura Territorial para interesarse sobre o cambio de denominación do CPI de S.Vicente para homenaxear a figura de Avelino Pousa Antelo. Tempo despois, no pleno do 28 de marzo, segundo Compromiso por Galicia, que gravou ese instante do pleno, o alcalde mencionou esa chamada persoal e sabía o contido da conversa. Incluso "admite estar el mesmo no despacho do Xefe Territorial, que lle permitiu escoitar toda a conversa que reiteramos, era de carácter persoal", critican.
No 2017 produciuse outro caso que dende o grupo critican: o cartel de promoción dun acto de homenaxe á Unión Barcalesa de la Habana polo seu 110 aniversario foi modificado dende o Concello de maneira que o logo de Compromiso por Galicia non aparecese. O terceiro caso que denuncian ten que ver, de novo, coa protección de datos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.