Científicos advirten de que erradicar a velutina é "ciencia ficción" e apostan por "armas biolóxicas"

Apicultores e científicos aseguran que a "alarma social" está xustificada. A Xunta leva retirados 6.014 niños de avespa asiática este ano.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/08/2018 | Actualizada ás 12:32

Comparte esta noticia

A vespa velutina ou asiática crea cada tempada en Galicia ao redor de 10.000 niños que poden albergar até 6.000 exemplares cada un, polo que os expertos consideran a erradicación desta especie "ciencia ficción". Así o explica o profesor de Zooloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Marcos González, nunha entrevista con Europa Press, quen apunta ao desenvolvemento de "armas biolóxicas" como a única vía para frear a proliferación da velutina.

A avispa invasora 'vespa velutina'. CARLES LOPEZ BUSTINS / UNIÓ DE PAGESOS - Archivo / Europa Press
A avispa invasora 'vespa velutina'. CARLES LOPEZ BUSTINS / UNIÓ DE PAGESOS - Archivo / Europa Press

Os principais motivos que alega González para asegurar que o incremento de avespas asiáticas é "imparable" baséanse en que apenas existen casos nos que se puido controlar a expansión de "especies invasoras". Ademais, tamén inflúen factores como a súa "capacidade reprodutiva" e a ausencia de fauna "competidora".

A estas razóns, o portavoz da Asociación Galega de Apicultura (AGA), Xesús Asorey, sumou o "clima húmido e tépedo" que ofrece Galicia e sinalou a necesidade de "abordar a problemática cientificamente", coa colaboración dos investigadores.

A LOITA BIOLÓXICA

Neste sentido, Marcos González aposta polo desenvolvemento de "armas biolóxicas específicas" cuxos danos colaterais sexan mínimos, e non polas "medidas paliativas" que se aplican en Galicia e que o secretario executivo da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), Fins Eirexas, asegura que non son "efectivas".

Unha das liñas abertas no noso país é a que leva a cabo un equipo universitario que desenvolveu feromonas sexuais, emisarios químicos que utilizan as velutinas para comunicarse. Desta forma buscan entorpecer a interacción entre machos e femias e así romper a súa capacidade reprodutiva.

Por outra banda, o científico Xulio Maside dirixe outro grupo de investigación na USC que centra o seu traballo na procura dun parasito que poida atacar de forma selectiva ás velutinas e non aniquile a outros insectos, xa que este é un problema presente nas trampas que se utilizan para cazar ás raíñas —as vespas que fundan os niños—, segundo apunta González.

Ademais destes dous modelos de traballo que, de momento, seguen en proceso de estudo, o profesor de Zooloxía Marcos González indica que existe outra medida que xa mostra "efectos visibles", as arpas eléctricas, unhas trampas creadas para protexer as colmeas, que só prexudican as velutinas e que se consideran "bastante selectivas" respecto das trampas de cebo, que eliminan tamén a moitos outros insectos.

A caza desta especie céntrase na eliminación das vespas raíñas na primavera, época previa á creación de niños. A Xunta avalou esta actuación coa distribución de máis de 13.000 trampas entre os apicultores, unha medida que non é vista con bos ollos por colectivos como Adega, asociación que acusa o Goberno autonómico de "déficit de xestión" á hora de tomar medidas preventivas en 2015.

ALARMA SOCIAL XUSTIFICADA?

A día de hoxe, o portavoz dos apicultores galegos, Asorey, e o profesor González coinciden en cualificar de "praga" e "invasión" a proliferación de niños en Galicia, como tamén o fan ao afirmar que a alarma social emerxente "está plenamente xustificada".

Os dous explicaron, xunto co investigador do Campus Terra de Lugo Xesús Feáns, que as velutinas "non son máis agresivas" que outras avespas nin "máis venenosas", pero no momento no que senten ameazadas "atacan en masa" e o que ocorre é que se están adaptando aos "ambientes urbanos" e isto crea "situacións de risco".

Para Marcos González, o perigo para as persoas dáse porque "hai moitas máis velutinas" e están a trasladar os seus niños ao nivel do chan —-antes fundábanos nas copas das árbores— polo que, cando alguén exerce un labor de roza ou actividades no xardín, "a cantidade de vespas que potencialmente poden picar a unha persona é moito maior".

A ameaza percibida polos científicos e os apicultores tamén se trasladou á sociedade galega e moitas persoas xa contan con autoinxectores de adrenalina, tratamento que experimentou un "lixeiro incremento" de venda, segundo confirmou o presidente do Colexio de Farmacéuticos da Coruña, Héctor Castro.

Con todo, tamén hai voces disidentes que cren que a alarma social emerxente está "inxustificada", como é o caso de Fins Eirexas, de Adega, que considera que o verdadeiro perigo só se dá "se tes un problema de saúde ou unha alerxia".

En calquera caso, o profesor na facultade de bioloxía da USC precisou a importancia de "educar á xente" neste tema sen "alarmarse en exceso", porque as vespas "levan picando toda a vida". Respecto dos casos de morte, alude a que foron "illados" e provocados pola "inquietante conduta" da velutina, que agora aniña entre a maleza.

PROBLEMA AMBIENTAL

Tanto a preocupación social como a dos apicultores só son "a punta do iceberg" dun perigo ambiental "moi delicado", a xuízo do investigador da USC en Lugo Xesús Feáns.

O científico aclarou que a velutina é "depredadora de abellas", unha especie fundamental no ecosistema que supón o 60% da alimentación da vespa asiática, segundo os datos de Marcos González, quen tamén apunta que cada niño da velutina necesita medio quilo de proteína de insectos ao día.

O caso é que a velutina non conta con "depredadores naturais", de modo que consegue proliferar e dá lugar a unha "brutal presión" sobre a fauna local. Esta cuestión tradúcese na "redución" dos insectos polinizadores, que desembocará co paso do tempo nun impacto ecolóxico "prexudicial" con efectos a "nivel socioeconómico".

AXUNTAR ESFORZOS E RECURSOS

En canto á penetración desta especie en Europa, as hipóteses que barallan os investigadores apuntan ás embarcacións de comercio internacional que chegan aos portos do continente, concretamente ao porto de Burdeos (Francia), desde onde cren que unha vespa raíña se reproduciu até chegar a Galicia e estendeuse por todo o territorio.

Ante o asentamento da nova especie, o secretario da asociación ecolóxica Adega cre que a velutina se "naturalizará" e co paso do tempo observarase como interactúa coa fauna e a flora autóctona, xa que non se pode tentar "pór portas ao campo" con medidas paliativas que "non serán efectivas".

Respecto dos traxes que se usan para exercer estes labores, Xesús Feáns denuncia que esta indumentaria "non é viable para usar no verán", porque dentro alcánzanse temperaturas moi altas e, así mesmo, pide "recursos para a investigación".

Neste sentido, Marcos González aposta por "unificar esforzos" entre os científicos, os apicultores e a Administración para deseñar un "plan específico" que siga o exemplo de países como Francia, onde "os investigadores levan a batuta" á hora de tomar medidas neste ámbito.

NIÑOS NEUTRALIZADOS

Pola súa banda, a Xunta mantén vixente o seu plan de vixilancia e control, posto en marcha en 2016, que cuantifica un total de 41.454 niños de velutina retirados ou inactivos. Por provincias, A Coruña está á cabeza (con 25.226), seguida por Pontevedra (10.618), Lugo (4.414) e Ourense (1.196).

No que vai de ano, entre xaneiro e agosto o número de niños neutralizados foi de 6.014. Por provincias, A Coruña é a de maior número retirado (3.382), seguida de Pontevedra (1.809), Ourense (458) e Lugo (365). Ademais, distribuíronse pértegas e equipos de protección por toda Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gustavo

A labor de retirada de niños polas administracións é máis efectista que efectiva, e dincho os propios operarios: mesmo destruen os niños antes de que o insecticida poda actuar completamente, para que os veciños non os sigan vendo e volvan chamar. Así visto e confesado por quen o fai. Información, trampeo nas épocas axeitadas, é moito máis efectivo, e podería disminuilas moito nas zonas habitadas. Evitar os niños antes de gastar un porrón de cartos en quitalos, e cando xa son visibles e a actividade da colmea está no seu fin.