Denuncian que o centro de día de Taboadela queda sen persoal sanitario

A CIG denuncia que a dirección do Centro de Atención a Persoas Maiores de Taboadela, dependente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, non dispón do suficiente persoal sanitario para atender aos maiores aos que dá servizo.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostelaa | 13/08/2018 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

"A dirección do centro non dispón do persoal sanitario suficiente para cuestións tan básicas como a preparación da medicación dos usuarios", critica a CIG. Por este motivo, o punto de atención sanitaria de Taboadela, dependente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, xa tivera que pechar o pasado 26 de xullo. Mais dende aquela, a situación non mellorou. Dende a CIG aseguran que lonxe de esixir que se cubriran as prazas de enfermaría necesarias, o centro obrigou ao persoal xerocultor a realizar tarefas de preparación e administración de medicacións, cuestión que non lles corresponde e para a que non teñen a formación necesaria. 

Centro de día de Taboadela, Ourense
Centro de día de Taboadela, Ourense | Fonte: Concello de Taboadela

O exercicio das profesións da rama sanitaria están moi reguladas no Estado e estabelece a escala de enfermaría “a preparación e administración dos medicamentos segundo as prescricións facultativas”, recorda a CIG. Un labor que debe realizarse con tino para que non haxa problemas coas doses, as intolerancias e calquera outro tipo de dificultades que se poderían dar durante a administración dos medicamentos. Con todo, a dirección do centro "obvia toda canta lexislación hai" e "obriga ao persoal a cometer unha ilegalidade". Logo de que a CIG comunicara esta presunta irregularidade, dende o departamento de Xerontoloxía do Consorcio deuse orde expresa á dirección do CAPM de Taboadela de que se fixera chegar a todas as Xerocultoras esa información para seren informadas de calquera incumprimento. 

Fronte a esta situación, a CIG amosa a súa "preocupación" e quere denunciar publicamente que "o Consorcio non está a cumprir coa obriga de vixilancia da saúde dos seus usuarios", caso que xorde "como consecuencia dos recortes deseñados polo Partido Popular dende a Xunta de Galiza" e tendo presente "o falecemento dunha persoa nun centro de saúde por falta de persoal facultativo". A central sindical considera "moi grave" o que acontece no ámbito dos servizos sociais e sanitarios, ámbito no que a "Xunta non está poñendo os recursos mínimos necesarios" para minguar a "temeridade" da situación. Así pois, apelan á formación do persoal e a realizar aqueles labores que estean dentro das súas competencias. 

A CIG vén de poñer estes feitos en coñecemento da Inspección Médica de Ourense co fin de que se "volte á legalidade" e se proceda a "facer cumprir a lexislación". Igualmente, reivindica que o centro contrate ao persoal de enfermaría necesario para cubrir as necesidades dos usuarios e que poidan recibir a súa medicación coas condicións sanitarias de seguridade esixidas. Tamén solicita que se depuren as responsabilidades na dirección ante unha actuación deste tipo, fronte a que non descartan "acudir á fiscalía para denunciar os presuntos ilícitos penais que se deriven". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Alarico

A quem votárom