Temas: TEO DEPURADORA

Os veciños de Teo seguirán coas mobilizacións ata que a Xunta peche o expediente da depuradora

Logo de que o informe de compatibilidade urbanística do Concello de Teo declarase incompatible o proxecto de depuradora na canteira de Casalonga, os veciños e veciñas da área anuncian que seguirán expectantes ata que haxa unha renuncia definitiva á instalación dunha área de reciclaxe para lodos.

Por Galicia Confidencial | Teo | 05/09/2018 | Actualizada ás 10:50

Comparte esta noticia

A plataforma veciñal Casalonga Limpa de Residuos anuncia que seguirá coas mobilizacións contra o proxecto de instalación dunha depuradora de lodos nos terreos dunha antiga canteira en Teo. Isto anúnciano logo de que o concello declarase incompatible a instalación de dita depuradora co PXOM municipal. Aínda así a veciñanza “segue expectante pois non confía en que o seu pesadelo remate” e ademais “espera agora o peche deste expediente por parte da xunta de Galicia e a modificación normativa tal e como se comprometeu”

Vista aérea da canteira Casalonga
Vista aérea da canteira Casalonga | Fonte: BNG Teo

A veciñanza que forma parte da plataforma valoran “positivamente as conclusións do informe técnico e os argumentos utilizados polo arquitecto municipal”. Por tanto, “resérvase a posibilidade de reforzar ditos argumentos con outras alegacións no momento e nas instancias oportunas”. Todo isto se se dese o caso de que a empresa solicitante continúe insistindo na súa idea de instalar unha planta de residuos na Casalonga.

A plataforma remarca máis “agora compete á Xunta pechar este expediente, tal e como anunciou no Parlamento a conselleira de Medio Ambiente”. Isto acontecería no caso de que o concello emitise o informe negativo de compatibilidade urbanística tal e como aconteceu. “Este é o seguinte paso que a plataforma espera a nivel administrativo”. Non obstante, no comunicado, insisten que “a realidade segue sendo que unha empresa potente no sector dos residuos e con varias denuncias por actos contra o medio ambiente mercou 50 hectáreas de monte na canteira de Casalonga”. 

Deste xeito, anuncian que seguirán coas mobilizacións e non descartan ningunha iniciativa para “conseguir cambios na normativa que garantan que o monte de Casalonga sexa un espazo libre de plantas de tratamentos” ou doutras instalacións contaminantes.  “Seguirá loitando por todos os medios que lle permita a lei ata garantir que ningún vertedoiro será instalado”.

Temas: TEO DEPURADORA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta