A importancia de chamarse Rob

Nesta terceira achega de 'Viaxes sen Lee', a exploración emocional allea de Gabriel Rei-Doval entra en terreo pantanoso na capitalina Minnesota.

Por Gabriel Rei-Doval | Minneápolis (Minnesota, USA) | 06/09/2018 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

Minneápolis e Saint Paul só onomasticamente son Twin Cities: a distancia entre ámbalas urbes obriga a demostrar paciencia automobilística abondo a calquera hora punta. A segunda ten a capital, a primeira un espírito máis pituco, quizais animado pola súa refinada vida mercantil e os fermosísimos paseos á beira do Misisipi. A ruta polo exterior Nicollet Mall e os seus múltiples postos de froita e verduras reconcilioume por un día cos centros comerciais estadounidenses, se cadra coa axuda da fasquía estival da cidade. Finalizada a visita ó esplendoroso downtown, o vespertino paseo en Saint Paul foi máis breve malia os encantos da súa vida ordenada e o trazado racionalista da capital do estado de Minnesota.

Na salvaxe compaña de Dahon á beira do río Misisipi en Minneápolis
Na salvaxe compaña de Dahon á beira do río Misisipi en Minneápolis

Complicacións loxísticas da miña incipiente aprendizaxe coas novas tecnoloxías do aloxamento ocuparon unha parte do día. Garantido o leito onde repousar aquela noite, decidín deixa-la visita ó Museo de Arte para unha vindeira ocasión. Pareceume moito máis inspirador gozar da aberta Minneápolis pedaleando na salvaxe compaña de Dahon polos moitos camiños, pontes e sendeiros ó longo do Misisipi.

Pedaleaba costa arriba cara á da Facultade de Música da viquinga Universidade de Minnesota cando me pareceu escoitar unha melodía coñecida fóra de lugar e tempo no que parecía un ensaio estudantil de inicio do novo curso. Adentreime por un camiño sen ver quen ensaiaba tan evocadora melodía e viaxei no tempo ata as Letras Galegas deste ano, respirando o vento do Misisipi mentres deixaba acaba-la canción con Gormaz afastado na distancia. 

Naquel intre soou o móbil mazanceiro con aviso de mensaxe entrante: Rob quería combinar unha nova sesión lupular na happy hour de Minneápolis. Esperando con interese o remate da conversa inconclusa, aceptei gustoso o seu convite para vérmonos no Republic de Cedar Avenue, moi pretiño de onde eu estaba. Sorprendido polo seu control da miña localización concreta e coa axuda de Google Maps, cheguei ó bar cervexeiro en poucos minutos. El agardaba coa primeira IPA rematada cando eu pedín apenas auga con xeo e limón para recuperarme da intensa pedaleada, o que el aproveitou para enceta-la segunda pinta de Boulder Mojo Nitro coa seguridade dun profesional. Nesas retomou o monólogo da véspera sobre a súa asoballante profesionalidade no hiking, comezando por detalles sobre como cumpría face-lo Camiño de Santiago e pasando a debulla-la súa longa experiencia percorrendo en domingo as Allegheny Mountains ou os fermosos bosques de West Viginia. Nos veráns en que non viaxaba a Alemaña coa súa dona de corpo delgado completara varias veces o Appalachian Trail, no que se consideraba, coma en tantas outras cousas, un experto consumado. Seica vivir en Pittsburgh á mesma distancia de Georgia e Maine lle permitira formar parte do moi senlleiro grupo de camiñantes que completaron o camiño dez veces. Cando rematou a cuarta pinta de Mojo Nitro pasou a contar como subira as cincuenta e cinco montañas de Colorado de máis de catro mil metros, o que ademais de parecerme unha  fantasmada infumable trouxo á miña memoria preteridades unicórnicas. Para nada lle daba seguido o ritmo etílico, e cando se puxo coa sexta IPA eu aínda ía pola metade da primeira Seattle Cider Berry Rose, producida na súa cidade natal.

Mediada a happy hour, Rob cambiou de tema para falar da dona de corpo delgado que coñecera trece anos atrás e de quen esperaba unha meniña para Thanksgiving. Pregúntome se sería a fartura lupular ou algunha escura reviravolta na súa mente, mais a faciana mudoulle e os ollos tornáronselle estrañamente acendidos. Eu na miña inxenuidade quixen saber se non estaba entusiasmado con recibir un novo ser na súa vida, compartíndoo cunha muller de tan fermosos cabelos dourados, mais el retrucoume cun despectivo e machista treat them mean keep them keen, engadindo que a mellor maneira de lidar coas mulleres é a de Michael Douglas en The War of the Roses. Seguinlle o fío, inquirindo se a súa dona tamén actuaba coa contundencia de Kathleen Turner na coñecida dark comedy norteamericana, mais retrucou que o elegante estilo dela, entre fría ausencia e indiferente distancia, asemellábase máis á Catherine Zeta-Jones de Intolerable Cruelty.

A min parecíame imposible criar unha filla naquelas condicións relacionais, claro antecedente dun pronto e seguro divorcio, mais Rob fachendeaba de controla-la situación co mercantil intercambio de sexo nocturno e pretendida tenrura, confesando ó chegar á novena pinta de IPA que aquela dinámica de parella favorecía a intensidade das relacións íntimas, que acadaban picos de éxtase sublime nos descansos entre regueifas supinas e durezas silenciosas.

Mentres asistía abraiado á toxicidade infinda daquela relación preguntábame como contesta-las palabras de quen parecía un maltratador en toda regra. A miña experiencia lidando con altivos pajarracos daquel perfil dicíame que tentar adestralos nalgún tipo de tenrura era perde-lo tempo e asemade lembrábame que na transición entre os grandes lagos e as chairas estadounidense portar armas era xa ben común. Velaí por que baixei o pistón tentando mudar de tema. Mais el insistía en darme detalles da súa intimidade que non procedería agora lembrar, sobre todo por se Google lle permite atopar esta crónica no GC e iso pon en perigo a miña integridade física nas semanas de viaxe que restan.

Simplemente direi que para dete-lo seu delirio etílico suxerín remata-la velada sen saír do Republic e así descansar abondo antes de entrar na terra cha estadounidense. Quizais por iso, ó chega-la cea adoptei esa actitude dalgúns terapeutas freudianos que seica deixan ós seus doentes esparexe-la súa mente en longos soliloquios, intervindo o menos posible nos egocéntricos parladoiros e agardando simplemente a que o interfecto saia por si mesmo do monólogo ou ben a campaíña dea por rematada a sesión. E foi así como, decepcionado con algo que no fondo sabía desde o principio, tomei plena conciencia daquela mente fragmentada e próxima á perturbación clínica que xiraba en bucles arredor da importancia de chamarse Rob.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA