Por Galicia Confidencial | Mondariz-Balneario | 07/05/2011 | Actualizada ás 12:20
Aguas de Mondariz e Augas de Galicia anunciaron a recente concesión de fondos FEDER por un importe de 1.700.000 euros (2.300.000 contando a aportación da Xunta) para un proxecto de recuperación da senda que percorre o rio Tea polos municipios de Mondariz, Mondariz Balneario e Ponteareas. Nesta actuación millonaria está contemplada a restauración de muiños, pontes e a mellora de máis de 7 quilómetros de roteiro fluvial pero non a restauración da mítica Fonte de Troncoso declarada, xa hai anos, Patrimonio histórico-cultural de Galiza. A instalación, realizada a principios do século XX, leva tempo con serios problemas de estrutura e ameaza ruína. Pechada todo o ano a excepción dos meses de xullo e agosto pola visita dos turistas, o seu estado de conservación é lamentable. O pasado verán mesmo estivo a piques de non abrir se non chega a ser por unha protesta veciñal que reivindicou o seu uso nesas datas.
Falta de financiamento
Javier Solano, Presidente da Fundación Mondariz Balneario, é un dos responsables da situación. Asegura que Aguas de Mondariz, propietaria da fonte, xa leva investido moitos cartos no lugar pero que “o paso do tempo e os numerosos actos de vandalismo fixeron o seu efecto”. O ano pasado a Fundación pediu un informe técnico que chegou a afirmar que habia risco de que caera o tellado. “É unha grande responsabilidade para a empresa polo que falamos co concello e comprometímonos a arranxalo este mesmo ano”. Solano afirma que ten asinado un compromiso por parte da Xunta e a Deputación de Pontevedra para que colaboren economicamente na restauración pero que agora, co proxecto do río Tea, “os fondos non chegan e a Fonte de Troncoso deberá agardar”. O orzamento desta intervención seria de 120.000 euros, aproximadamente.
Abrirá nos meses de xullo e agosto
Algúns veciños desconfían que a Fonte de Troncoso continúe pechada mesmo coa chegada dos turistas. Solano comprometeuse a abrir este verán para que non aconteza o que pasou o ano pasado. “Realizaremos un arranxo transitorio que empezará nunhas semanas”, asegurou.
O BNG de Mondariz Balneario xa denunciou a situación da fonte en reiteradas ocasións. Agora, en plena campaña das municipais, volve reivindicar a súa recuperación e sitúa a foto electoral no histórico recinto.
Unha información realizada por A.F.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.