O xurado declara culpable de asasinato o parricida de Oza-Cesuras

O avogado da defensa anuncia que recorrerá a sentenza, mentres que as acusacións cren que se fixo "xustiza".

Por E.P. | A CORUÑA | 05/10/2018 | Actualizada ás 16:38

Comparte esta noticia

O xurado declarou, por unanimidade, culpable de asasinato a Marcos Javier Mirás pola morte do seu fillo de 11 anos o 7 de maio de 2017, o Día da Nai e durante a fin de semana que lle correspondía estar co menor polo réxime de visitas establecido após o seu divorcio, en 2009. No seu veredicto, o xurado considerouno culpable dun delito de asasinato, coa agravante de que a vítima era menor de idade, e doutro delito de lesións psíquicas, neste caso á nai.

Marcos Mirás, acusado do asasinato do seu fillo de 11 anos en Oza-Cesuras
Marcos Mirás, acusado do asasinato do seu fillo de 11 anos en Oza-Cesuras | Fonte: TVG.

Fronte ao argumento da defensa de que era "un enfermo mental" polo trastorno adaptativo e de personalidade que presenta, no seu veredicto, o xurado descarta que as súas facultades mentais estivesen afectadas o día dos feitos. Rexeita tamén a atenuante de "diminución do dano", que pedía a defensa, por levar á Policía ao lugar onde estaba o corpo.

No xuízo, que se prolongou durante sete xornadas na Sección Primeira da Audiencia Provincial da Coruña, Fiscalía, acusación particular e popular —exercida pola Asociación Clara Campoamor— e Xunta, solicitaron a prisión permanente revisable para o procesado. A defensa pedía que se lle aplicase unha eximente completa e o seu internamento nun centro psiquiátrico de considerarlle autor dos feitos.

No xuízo no que os peritos cualificaron a nai do menor como unha muller "maltratada". Por iso, as partes reclamaban para o acusado unha condena tamén por delito de lesións psíquicas, ademais do pago dunha indemnización de 167.500 euros para ela.

Pola contra, a defensa solicitou a libre absolución e, subsidiariamente, que se aplicase unha eximente completa ou incompleta, alegando que tiña as súas facultades "anuladas" ou, polo menos, "limitadas".

RECURSO DA DEFENSA

Após o veredicto, o avogado da defensa anunciou que presentará un recurso, "profundando no esforzo de acreditar que existe unha diminución do dano e na limitación ou anulación de vontade" do seu cliente o día dos feitos.

Mentres, a letrada da acusación particular mostrou a súa satisfacción, "dentro da tristeza que supón o feito", por un veredicto "xusto". "Buscou danala de maneira irreparable", sinalou sobre o procesado. "Consideramos que se fixo xustiza", dixo, á súa vez, a letrada da Asociación Clara Campoamor.

FEITOS

De acordo co escrito de Fiscalía, Marcos Javier Mirás, condenado delito por coaccións á súa ex-muller, recolleu o 5 de maio do ano pasado ao seu fillo. Posteriormente, na mañá do domingo, día 7, e, após estar nunha cafetaría co neno, reservou unha habitación nun hostal.

Máis tarde, de novo co menor, conduciu cara a unha zona "boscosa e de difícil de acceso", en Oza-Cesuras, coñecida por el, segundo as acusacións, xa que alí tiña a nai unha casa da súa propiedade.

Nese lugar, asestoulle cunha pa varios golpes na cabeza, que provocaron ás neno hemorraxias e contusións encefálicas que causaron a súa morte inmediata. Logo abandonou o corpo ao non lograr escavar do todo o terreo.

O luns 8 de maio foi detido e horas despois localizouse o corpo, após levarlles o procesado ao lugar onde se atopaba o cadáver.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta