Piden a abstención dun xuíz no cumio do Poder Xudicial do 5N pola súa vinculación coa patronal bancaria

Acouga considera “gravísimo” someter a ratificación ou rectificación a sentenza firme dunha sección do Supremo que exime aos consumidores de pagar o imposto da hipoteca.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 23/10/2018 | Actualizada ás 13:03

Comparte esta noticia

A Asociación Galega de Consumidores (ACOUGA) esíxelle ao presidente da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, Luís Díez-Picazo, que se absteña de participar na decisión do pleno do 5 de novembro que terá que ratificar ou rectificar a sentenza firme que atribúe aos bancos, e non aos clientes, o pago do Imposto de Actos Xurídicos Documentados na formalización dunha hipoteca.

Concentración de afectados polas hipotecas nunha concentración en Ourense
Concentración de afectados polas hipotecas nunha concentración en Ourense | Fonte: @_Oscar_Sanchez

 

Para o presidente de ACOUGA, Manuel Pérez Arias, o feito de que o maxistrado traballara como profesor entre 2015 e 217 nun centro universitario pertencente á Asociación Española da Banca, o invalida para emitir un voto imparcial neste asunto.

 

O secretario xeral de ACOUGA, o avogado Xoán Antón Pérez-Lema, considera que se o pleno do día 5 rectifica a doutrina que fixa a sentenza, sería “unha decisión totalmente desaquelada, xa que sería aplicar a lóxica do mercado fronte á lóxica xurídica”, como advertiron desde Xuíces e Xuízas para a Democracia.

 

IMPARCIALIDADE

 

Nun comunicado suliña que, co sucedido ata o de agora “o cumio do Poder Xudicial demostra que non ten complexo en que a cidadanía poida dubidar da súa imparcialidade, o que supón unha preocupante degradación do Estado de Dereito”, di Pérez-Lema.

 

ACOUGA recoméndalles aos consumidores agardar, se é posible, a que se celebre o pleno do 5 de novembro antes de asinar unha hipoteca, e que, en todo caso, se están no período voluntario (un mínimo de 30 días), que non paguen o imposto. Respecto das hipotecas que xa están en vigor e que estean a punto de prescribir (o prazo é de 4 anos e 30 días), a Asociación recomenda presentar reclamación para a devolución do imposto ante a administración tributaria.

 

RETROACTIVIDADE

 

No aspecto xurídico, Xoán Antón Pérez-Lema recorda que a  sentenza da sección Terceira do Contencioso-Administrativo do TS non só lle dá a razón a unha das partes (neste caso aos clientes), senón que “é unificadora de doutrina e expulsa do ordenamento xurídico o artigo 69.2” que establecía o pago por parte do prestameiro.

 

Esta doutrina está intimamente vinculada coa da Sala do Civil, que anulou por abusiva as cláusulas que obrigaban aos consumidores a facer fronte aos gastos das hipotecas e impuña o reintegro dos cartos.

 

Esa resolución deixaba fóra, precisamente, o Imposto de Actos Xurídicos Documentados, xa que a anterior xurisprudencia da Sala do Contencioso atribuía o seu pagamento ao cliente e, por tanto, obrigáballe á Sala do Civil a asumir ese mesmo criterio.

 

No caso de que o pleno de novembro ratifique a doutrina contida na sentenza pero limite o seus efectos retroactivos “podería abrirse una vía para que os xuíces do civil ou da xurisdición ordinaria promovan unha cuestión prexudicial perante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que xa en decembro de 2016 fallou que no caso de nulidade de cláusulas abusivas hai que restituir ao consumidor na súa situación inicial”, recorda Pérez-Lema.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta