A oposición abandona de maneira permanente a comisión de investigación da sanidade tras aprobar o PP o seu plan

O PP asegura que a súa proposta era "xenerosa" e avanza que seguirá adiante co desenvolvemento deste órgano parlamentario.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/10/2018 | Actualizada ás 20:16

Comparte esta noticia

O tres grupos da oposición, En Marea, PSdeG e BNG, anunciaron que abandonan de forma permanente a comisión de investigación sobre os recortes no sistema sanitario público de Galicia despois de que este mércores o Partido Popular aprobase en solitario o seu plan de traballo.

Reunión da comisión de investigación sobre a sanidade
Reunión da comisión de investigación sobre a sanidade | Fonte: Europa Press

A oposición en bloque marchou da sala nunha tensa sesión na que o PP chegou a presentar unha proposta de transacción do plan de traballo. Esta incluía comparecentes e documentación solicitados pola oposición. Con todo, BNG, PSdeG e En Marea rexeitárona tendo en conta que o PP se negara a que os restantes grupos determinasen que comparecentes se ían a incluír no acordo saínte.

"O BNG non vai pasar por esta tragadeira", asegurou a nacionalista Montse Prado. E é que, na súa opinión, o vivido na sesión é "unha burla e unha fraude democrática". "O PP pretende impor o seu plan de traballo e escoller dos grupos a aqueles comparecentes que máis lle gustan", denunciou antes de censurar que se tente "humillar" á oposición.

Despois dela, o socialista Julio Torrado lamentou que a sesión servise para "a constatación dunha decepción". "O PP estaba adestrado e mecanizado para isto, para construír o mellor relato que lle permitise saír dun problema", criticou.

Ademais, considerou que o grupo maioritario quere impedir que xente que "pode deixar bastante mal a visión oficial" acuda á Cámara a deixar o seu testemuño. "Quérese estudar o que ocorreu no PAC da Estrada sen xente da Estrada, quérese estudar o que ocorre nos PACs sen xente dos PACs, quérese estudar o que ocorreu cos fármacos da hepatite C sen ninguén da hepatite C", argumentou.

Nesta liña, a deputada de En Marea Eva Solla asegurou sentirse "avergonzada" polo vivido na tarde deste mércores na Cámara e acusou aos populares de tentar actuar "como matóns de patio de colexio" no seu intento de "humillar á oposición".

"Hai persoas que querían vir trasladar a súa situación tanto a nivel profesional como colectivos sociais, que querían vir a este Parlamento, que se di que é a casa de todos pero que non o é porque alguén impide que veñan comparecer", engadiu.

Pola súa banda, o portavoz de Sanidade do PPdeG, Aurelio Núñez Centeno, acusou á oposición de pretender converter este órgano parlamentario nunha "causa xeral" contra a sanidade galega. "200 e pico comparecentes e camións de documentos daban pé a pensar que querían que isto non fose adiante", manifestou antes de citar aos comparecentes que o PP aceptaba da oposición.

Entre eles, segundo destacou, atopábanse o coordinador do Centro de Saúde da Estrada, así como representantes sindicais da CIG, CC.OO., CESM-Omega, ou o xefe da Unidade de Transplante Abdominal do CHUS e integrante de Batas Brancas, Evaristo Varo.

VOTACIÓN E ABANDONO

Despois dos recesos para negociar que resultaron infrutuosos, os deputados dos grupos da oposición levantáronse das súas bancadas mentres os parlamentarios do maioritario daban luz verde ao seu plan inicial, que a oposición considera que só serve para "facer propaganda" da xestión sanitaria do PP e que non reflicte a "realidade" do sistema dados os "vetos" do PP.

O plan inicial do PP e que finalmente foi aprobado inclúe as comparecencias do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; dos conselleiros de Sanidade e Facenda, Jesús Vázquez Almuiña e Valeriano Martínez, respectivamente; do xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa; así como do director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal.

Así mesmo, contempla a intervención na Cámara do asesor xurídico do Sergas Fernando Jorge Moura, que informará sobre a xestión dos tratamentos da hepatite C; de distintos representantes de asociacións de pacientes, como a Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas; de varios profesionais como o xefe de servizo de Oncoloxía Médica do CHUS ou un médico de familia de Monforte; así como dun representante do Consello de Contas para analizar a evolución do gasto sanitario en Galicia.

Precisamente, despois de que a oposición anunciase a súa intención de deixar de forma definitiva este órgano, fontes do PP destacaron que a súa proposta era "xenerosa", lamentaron a falta de vontade da oposición para chegar a un acordo e confirmaron que prevén continuar co desenvolvemento da comisión con normalidade após a aprobación do seu plan de traballo.

En concreto, BNG, PSdeG e En Marea acordaron pór en marcha este órgano parlamentario grazas á modificación aprobada en 2015 do regulamento do Lexislativo autonómico, que contempla a creación automática dunha comisión de investigación por lexislatura se así o solicitan un terzo dos deputados da Cámara que pertenzan a un mesmo grupo parlamentario ou as dúas quintas partes dos parlamentarios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Semella que en vez de oposición temos unha caterva de imbéciles dispostos a perder o tempo e os cartos coma case todo o que tramita o Parlamento de Galicia (?) Aínda lembramos a triste ILP que rematou dándolle a razón ás Compañías Eléctricas https://i.gal/gamela09 E agora piden unha comisión de investigación estando en MINORÍA ? Que tristeza de políticos...!