A oposición dá o segundo 'non' á comisión sanitaria e o PP ábrese a chamar ao alto cargo investigado

O alto cargo citado é Félix Ruibal, investigado por homicidio imprudente na causa sobre os medicamentos contra a Heptatite C.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/11/2018 | Actualizada ás 17:22

Comparte esta noticia

Os grupos da oposición --En Marea, PSdeG e BNG-- reiteraron este martes a súa negativa á comisión de investigación sobre os "recortes" na sanidade pública que eles mesmo impulsaron na Cámara autonómica polo "veto" do PPdeG a algunhas das comparecencias que eles propuñan, entre elas, a do actual xerente da área de Vigo, Félix Rubial, que está investigado pola subministración dos medicamentos da Hepatite C.

Xunta de Portavoces do Parlamento de Galicia de novembro de 2018
Xunta de Portavoces do Parlamento de Galicia de novembro de 2018 | Fonte: Europa Press

Precisamente, ao ser preguntado por esta cuestión --tendo en conta que noutras comisións de investigación si compareceron persoas investigadas xudicialmente--, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, apelou a que naquelas ocasións os imputados gardaron silencio sobre os asuntos vinculados á causa xudicial.

Así mesmo, abriuse á posibilidade de que finalmente si acuda á comisión de investigación se cambia a situación xudicial de Félix Rubial, investigado por homicidio imprudente na causa na que se dirime se houbo dilacións nos novos tratamentos para a Hepatite C.

Pola súa banda, o portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, avanzou que, precisamente, a súa pregunta no próximo pleno da Cámara --a semana que vén-- ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, versará sobre esta comisión. "Que ten que ocultar?".

Villares acusou de "farsa" a comisión e denunciou o "veto" dos populares a varias das súas comparecencias. Ademais, preguntouse "cal é o criterio" do PP neste tipo de comisións sobre as persoas investigadas ou os familiares das vítimas, que si están aceptadas (as persoas afectadas) na comisión de investigación sobre o accidente de Ou Marisquiño, en Vigo.

VÍTIMAS SON "IGUAIS"

É máis, comparou a comisión de sanidade con outras comisións parlamentarias como a do Alvia --no Congreso--. "Por que se trata con diferente 'vara de medir'?", cuestionou, antes de asegurar que, para En Marea, "as vítimas dos recortes non son menos que as do Alvia". "As vítimas --agregou-- son persoas que sofren inxustamente unha situación que non tiña que suceder".

Villares preguntouse se o PP "non quere escoitar a cara humana" da sanidade e sinalou que lles parece "unha falta de respecto" que "un señor se pasee en determinadas comisións e noutras non". "Alguén nos pode informar dese veto?", preguntouse. Ademais, o portavoz parlamentario de En Marea ratificou cun "non" rotundo a negativa a volver á comisión parlamentaria porque "está nesgada" e lamentou que o PP "siga pensando que pode amordazar a todo o mundo". "Si que se vai a saber a verdade", advertiu.

"NECESITADO DE CARIÑO"

"O PP está necesitado de agarimo", observou ironicamente o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, quen continuou afirmando que os populares "necesitan sentirse ben consigo mesmos". Así, concluíu que decidiron traer a "militantes" e persoas "próximas ao PP" para que "aplaudan" a xestión da Xunta na sanidade, coma se fose "un conclave" do partido. "Cren que debemos participar para dicir que todo vai moi ben?", preguntouse o dirixente socialista, quen se referiu a nomes que non van estar como o médico da Estrada que tiña que servir de apoio o día en que faleceu un home ou os familiares da vítima.

"Se non hai vontade de que haxa unha comisión plural, connosco non poden contar, porque iso prefigura o ditame", manifestou, augurando que será unhas conclusións "laudatorias" da xestión do Goberno galego. "Aforrámonos esas horas de aplauso partidario á sanidade pública", remachou.

"PÁNICO"

Montse Prado, por parte do BNG, incidiu en que a visión deste informe "vai ser sesgada" porque o PPdeG "impuxo as súas comparecencias e as súas normas" e "impide que veñan comparecer as voces" que propuxo a oposición. Nunha primeira rolda, non houbo acordo e a oposición presentou un segundo documento, das cales o PPdeG aceptou máis dunha decena e incluíunas como ampliación do plan de traballo (con 44 comparecencias), pero os grupos que impulsaron a comisión consideran que había nomes ineludibles, como a exconselleira Rocío Mosquera (no momento en que apareceron os novos medicamentos da Hepatite C) ou familiares do home falecido no Punto de Atención Continuada (PAC) da Estrada este verán cando non había médico.

Para o BNG, o PPdeG ten "pánico" a que comparezan determinadas persoas que "teñen unha visión crítica" co seu punto de vista. A sanidade, dixo, é a "preocupación máxima" da oposición e por iso impulsouse esta comisión, pero, acusou, o PPdeG "non quere que haxa luz e taquígrafos". Por iso, Montse Prado advertiu de que o BNG "non vai ser cómplice nin aval" dunha estratexia de "comparsa", nunha comisión na que senten "amordazados e atados de pés e mans". "Non é posible investigar o que está a pasar", aseverou Montse Prado, quen insistiu en que teme que haxa palabras "oficiais" na comisión parlamentaria que contravenga o discurso da Xunta.

VERSIÓN DOS POPULARES

"Teño a impresión de que a oposición non sabe como xustificar o inxustificable", sinalou o portavoz parlamentario do PPdeG, quen defendeu que foron estes grupos os que pediron ao conselleiro de Sanidade e ao presidente da Xunta. A xuízo dos populares, é unha "renuncia grave en termos de relación cos cidadáns aos que representan", o feito de que PSdeG, En Marea e BNG non acudan á comisión que impulsaron.

Para os populares, a oposición rexeita acudir porque "non é capaz de defender ou argumentar" as súas posturas fronte ao que a maioría da cidadanía, "máis aló de enquisas", asegura, que é que "non se está desmantelando a sanidade pública". O PPdeG dixo que "cumprirá" coa súa "responsabilidade" e vai acudir á comisión e a sacar as conclusións que se desprendan do material solicitado e das intervencións dos comparecentes. Ademais, volveu a "lamentar" que a oposición "decline facer o seu traballo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta