O Spa de Viñoterapia no Mosteiro de San Clodio pecha aos dous meses de abrir e tras recibir 1,2 millóns da Xunta

Os socialistas acusan o Goberno galego de entregarllo "a unha empresa privada que o pecha aos dous meses". A empresa alega unhas supostas "melloras nas instalacións".

Por Galicia Confidencial | Ourense | 27/11/2018 | Actualizada ás 18:13

Comparte esta noticia

Dous meses. Ese foi o tempo que aguantou aberto o Spa de Viñoterapia no Mosteiro de San Clodio, no concello de Leiro (Ourense). O peche repentino prodúcese logo dun investimento da Xunta de Galicia de 1,2 millóns de euros para a súa preparación.

Spa de Viñoterapia no Mosteiro de San Clodio, pechado
Spa de Viñoterapia no Mosteiro de San Clodio, pechado | Fonte: PSdeG.

A deputada socialista Noela Blanco presentou unha serie de preguntas parlamentarias polo peche. A responsable socialista lembra que o inmoble foi cedido polo goberno galego á explotación privada á empresa Hotel San Clodio no pasado mes de xullo e mediante concesión por un prazo de 6 anos cun canon anual de 3.600 euros.

Blanco advirte que “a pesares de que as instalacións se puxeron en marcha de maneira oficial no mes de agosto, o Grupo Socialista tivo coñecemento de que leva pechado ao público dende hai máis de dous meses”.

A parlamentaria ourensá leva ao Parlamento o cartel de peche “por melloras nas instalacións” que figura na porta do inmoble para preguntarlle ao Goberno galego polos motivos reais do peche, así como das supostas melloras nas instalacións que anuncia.

Sinala que a nave acondicionada conta cunha superficie útil de case 500 metros cadrados divididos en dúas plantas, con sauna, baño turco, ducha de contraste, salas de masaxes, vestiarios, ascensor e unha piscina de 56 metros cadrados.

O establecemento goza dunan contorna inmellorable, explica, integrada no Mosteiro de San Clodio, declarado Monumento Histórico Artístico Nacional en 1931. Datado no ano 928, na súa orixe foi rexido polos monxes negros da orde de San Benito, ata 1.225, cando pasaría a mans cisterciense, e novamente beneditino dende finais do século XIX.

Ademais, a igrexa, de estilo gótico, conta cunha fachada barroca, ademais de diversas reliquias e pezas artísticas sinaladas, como a cruz de Caravaca, coñecida como “Divina Reliquia” e venerada polos aldeáns para librar ás vides da saraiba.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta