Ana Pontón eloxia a Pepe Mújica como "referente ético" e di que o BNG ten similitudes coa esquerda latinoamericana

Acompañada pola eurodeputada Ana Miranda, a líder do BNBG mantivo unha reunión co ex-presidente de Uruguai.

Por Galicia Confidencial | Montevideo | 27/11/2018 | Actualizada ás 19:54

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, iniciou a súa axenda na súa primeira viaxe como líder do Bloque a Uruguai e Arxentina cun encontro de traballo con ex presidente, José Mújica, con que tamén compartiu conferencia organizada polo Movemento de Participación Popular baixo o título "Esquerda, soberanía e globalización: Unidade para as transformacións".

Ana Miranda (esq.) e Ana Pontón, do BNG, co ex-presidente uruguaio Pepe Mújica
Ana Miranda (esq.) e Ana Pontón, do BNG, co ex-presidente uruguaio Pepe Mújica | Fonte: BNG.

Pontón destacou o exemplo de Mújica, a quen definiu como un “incuestionable referente ético e político”, e salientou a súa loita pola liberdade dos pobos e por unha sociedade en igualdade a favor das maiorías.

Tanto na xuntanza de traballo co líder uruguaio como na conferencia posterior, a dirixente do Bloque Nacionalista Galego alertou do auxe crecente da ultradereita en Europa que se suma ao “rampante” neoliberalismo mesmo no espazo da Unión Europea. “Para plantarlle cara é máis necesario ca nunca a solidariedade entre os pobos”, salientou.

Na primeira xornada de traballo en Montevideo coa eurodeputada Ana Miranda, a portavoz nacionalista declarouse “emocionada pola conexión entre Galiza e Uruguai". “É emocionante estar nunha terra que é unha parte de Galiza, unha terra que acolleu a moitas persoas que non tiñan traballo no meu país e que despois acolleu tamén a moitas persoas exiliadas da ditadura franquista”, salientou.

Pontón, que dixo encontrar moitas similitudes entre o BNG e o Frente Amplio de Uruguai, explicou que Galicia “reivindica o seu status de nación” e denunciou a “mala calidade da democracia no Estado español que ten na cadea a persoas polo simple feito de defender unhas ideas políticas, de defender o seu dereito do seu pobo a decidir”.

Ana Pontón (BNG), co ex-presidente uruguaio Pepe Mújica
Ana Pontón (BNG), co ex-presidente uruguaio Pepe Mújica | Fonte: BNG.

“Todo un síntoma de até que punto hai unha involución que impide aos pobos avanzar, sen soberanía para os pobos non hai democracia, por iso vemos tan necesario crear alianzas con outros pobos do mundo e coas maiorías sociais”, salientou.

A portavoz nacional do BNG explicou que o seu proxecto político “ten moitos puntos de encontro coa esquerda latinoamericana, da que collemos principios para loitar contra o neoliberalismo, tamén ante unha UE que se pon ao servizo das grandes transnacionais en detrimento das súas maiorías sociais, recortando dereitos e liberdades públicas”.

A dirixente nacionalista considera necesario traballar para avanzar na construción de sociedades “xustas, democráticas e  igualitarias”, un camiño que urxe recorrer despois de que a crise dos últimos anos fose utilizada como coartada para levarse por diante dereitos e servizos públicos que parecían consolidados, “empobrecendo a grandes capas da clase traballadora”.

Pontón destacou que no Estado hai neste momento “un réxime caduco e corrupto que non permitiu a ruptura real co franquismo”. “Urxe darlle a volta a unha situación preocupante desde o punto de vista democrático e mesmo de supervivencia do planeta en termos ambientais”, recalcou.

Miranda e Pontón tamén tiñan en axenda unha xuntanza coa directiva do Centro Galego de Montevideo e un encontro no Senado de Uruguai con senadores e senadoras, deputados e deputadas do Frente Amplio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

4 M. Monge

Mújica non é un parásito da política. Exerceu un tempo e foise para a sus casa. Renunciou a privilexios, vive como un cidadán normal. Ana Pontón representa o contrario: único oficio coñecido desde a adolescencia ser política profesional. Poleiro. Vida regalada. Casta. Coqueteo cos medios de propaganda do sistema (La Voz de su Amo), asistencia entusiasmada a festas da alta suciedade coruñesista e españolista, con axeonllamentos e aplausos ao Borbón polo medio. Non se pode comparar a decencia coa submisión, nin a humildade co protagonismo a custa de vender o país. Unha vergoña que trate de achegarse ao Mújica para vender a imaxe do que non é nin será nunca Ana Pontón. Nin con maquillaxe, nin que volte a nacer.

3 Dalle que libras

Pepe Mujica leva toda a vida vivindo humildemente e non vivindo da politica como Ana Pontòn, que non ten oficio coñecido

2 anonimo

Mesmo cando está en América, Pontón ten que ser portada de GC todos os días: é a folla de ruta. Pontón sempre, sempre presente. O manual de estilo é a súa constante presencia mediática.

1 arredista

Para parecerse á esquerda latinoamericana o BNG debería comezar por ser de esquerda. E para ser de esquerda hai que deixar de lado o esencialismo, o idealismo burgués e os delirios identitarios.

1 Per

Eso mesmo vale pra o nacionalismo español de Podemos do 2 de Maio, o seu esencialismo español e idealismo Burgues tipo Roures etc etc e i de esquerdas nin dereirtas..... etc etc