E o galego volveu a Middlebury

Nesta décimo cuarta entrega de 'Viaxes sen Lee', Gabriel Rei-Doval réndese ó retorno da lingua e cultura galegas ó exclusivo Middlebury College, no verde Estado norteamericano de Vermont.

Por Gabriel Rei-Doval | Middlebury (Vermont, USA) | 13/12/2018 | Actualizada ás 11:46

Comparte esta noticia

A finais de outubro acababa de remata-lo Terceiro Simposio Norteamericano de Estudos Galegos en Denver, no cerne das Montañas Rochosas, e fora eu convidado ó exclusivo Middlebury College, na franxa leste dos Estados Unidos preto de Montreal, para predicar galeguidade. Así que, previa visita á céltica urbe de Boston, viaxei por estrada a Middlebury. Alí ensinou hai medio século o filósofo e precursor da sociolingüística galega Ramón Piñeiro, neses cursos de verán que teñen fornecido durante anos profesores e métodos de ensino das linguas ó longo e ancho do país.

Conferencia en Middlebury College, presentada por Laura Lesta García
Conferencia en Middlebury College, presentada por Laura Lesta García

Cos sentidos aínda regalados pola fermosura de tantas outras latitudes do país e o outono máis ca avanzado, a viaxe desde Colorado a Vermont non puido merecer máis a pena. A vida ás veces é inesperadamente xenerosa cando sabemos agardar. Hai poucos anos, a Middlebury chegara, vía Colorado, unha galega de Mesía para ensinar na prestixiosa universidade de artes liberais da costa leste. Co compromiso inicial de ensinar lingua española, Laura Lesta non parou ata convence-lo seu Departamento de Estudos Luso-Hispánicos da necesidade de ensinaren tamén lingua e cultura galegas, e de que tal ensino formase parte integral dos ciclos educativos de español e portugués da institución privada de Vermont. E o proceso de matrícula do curso rematou o pasado agosto con lista de espera.

Quen non coñeza o sistema universitario norteamericano quizais non saiba valora-la importancia fundamental de tan rutilante logro. Imaxinemos, só como comparanza aleatoria, que pasaría se en Galicia tódolos estudantes universitarios incluísen no seu currículo, independentemente da súa carreira, o estudo da nosa lingua e cultura. O logro de Middlebury, fóra das nosas fronteiras e alén mar é, mutatis mutandis, un éxito astronómico equivalente, en formato Vermont. Alí o galego non supuxo ningunha dificultade para estudantes que pagan moitos miles de dólares ó ano por estudaren e aprenderen español ou portugués, senón que, da man de Laura,  se converteu nunha vantaxe adicional e unha oportunidade de seren academicamente mellores. Na miña visita ás aulas da universidade abraioume comprobar como tras só mes e medio estudantes de orixe estadounidense eran capaces de manter con éxito unha conversa en galego sobre temas académicos sen que o seu español ou portugués se resentisen, de retárenme a min na miña lingua con preguntas de inusual profundidade, e mesmo de zarandearen sen empacho estereotipos e prexuízos sobre Galicia e o galego que infelizmente aínda circulan pola nosa sociedade. 

Claramente, aqueles mozos e mozas formaban parte das elites académicas e sociais estadounidenses destinadas a goberna-lo país, estaban mellor preparados ca a media, e sen dúbida o estímulo, compromiso e amor polas cousas de Galicia transmitidos por Laura Lesta foran cruciais en todo o proceso. Estabamos a falar sobre Galicia e en galego en Middlebury, no corazón de Vermont. E as conversas mantidas no “cafeciño galego” da Casa de Portugués da Universidade, os debates na clase de Laura e as preguntas formuladas trala conferencia no seu Centro de estudos globais eran proba de que a lingua e a cultura galegas de Middlebury College eran máis ca un simple entretemento simbólico.

E para máis inri tal éxito debíase a unha profesora pendente de consolidación laboral e sen axudas desde as administracións galegas. Somos galegos e temos que reflexionar. Non foi só o compromiso coa lingua e cultura de noso. Tamén cómpre seducir e explicar con talento as posibilidades inmensas que Galicia ten dentro e fóra das súas fronteiras, en galego, mesmo no exclusivo mundo norteamericano anglosaxón no que tantos queren e non poden entrar. Nun sistema académico de elite Laura conseguiuno todo, con determinación e intelixencia. Así volveu o galego, medio século despois, a Middlebury.

Na clase de lingua e cultura galegas de Middlebury College
Na clase de lingua e cultura galegas de Middlebury College

Anuncio do 'Cafeciño galego' cos estudantes de Middlebury College
Anuncio do 'Cafeciño galego' cos estudantes de Middlebury College
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA