O videoclip da canción do Apalpador

A Escola de Ensino Galego Semente de Compostela inicia unha serie de actividades para achegar aos máis pequenos esta figura do Nadal galego.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 14/12/2018 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

A Escola de Ensino Galego Semente de Compostela presenta, coa colaboración do Concello de Compostela, un proxecto de animación e socialización infantil do Apalpador, para fomentar a participación da cidadanía na visibilización do xigante do Courel. A primeira iniciativa deste proxecto é a divulgación dun videoclip.

Imaxe do Apalpador
Imaxe do Apalpador

Na realización da canción que protagoniza o videoclip, gravado na Serra do  Courel,  participarom máis de dez artistas e representa o xigante carboeiro como un ser máxico na súa contorna natural, diante da súa casa, acompañado  polas cativos da montaña. 

Luis  Vallecillo,  Karlos  Abal,  Séchu  Sende,  Guadi Galego,  Celtia  Figueiras, Pablo  Sanmamed, María Pámpano, Paulo Silva, Jerry Noia ou Ramón Campos son algúns dos artistas participantes na realización desta canción.

O Apalpador é un dos máis importantes personaxes do noso  imaginário colectivo infantil. Desde que hai menos de dez anos se deu a coñecer —impulsado en Compostela polo Centro Social do Pichel—, o  Apalpador pasou de ser unha figura case inédita, un obxecto da  etnografia galega, a ser un referente cultural da infancia en todo o país.

O Carvoeiro Apalpador, que está ligado á tradición do Nadal, representa unha figura mítica e máxica que baixa do Courel a noite do solsticio de inverno —24 de decembro— e visita os cativos, deixándolles unha presa de castañas e eventualmente algún presente, desexando un ano cheo de fartura e felicidade, palpándolles a barriguiña murmurando “así esteas todo o ano”.

PROXECTO CIDADÁN COLECTIVO

Os últimos anos son moitos os proxectos que se están a pór en marcha para recuperar festas tradicionais galegas vixentes até hai poucas décadas, e hoxe en risco de desaparición. Algúns exemplos destas festas propias da cultura galega que hoxe se están tentando recuperar inclúen os Maios, o Samain e o Apalpador.

A Semente leva seis anos a organizar a Ruada do Apalpador en Compostela. Este ano presenta este proxecto para difundir a figura do Apalpador e crear un proceso de  dinamización da fantasia entre os cativos.

Ademais, neste proxecto colócase a lingua galega como un dos temas centrais da campaña, co obxectivo de mellorar as actitudes lingüísticas e fomentar o uso do galego entre os máis pequenos.

ACTIVIDADES

Este proxecto ten como obxectivo dinamizar as semanas previas á Ruada do Apalpador con distintas actividades dirixidas a convocar a participación das familias na tarde do 21 de decembro.

Estas actividades son visitas do Apalpador aos Centros Cívicos de Compostela, entre os días 12 e o 20, acompañadas dunha obra de monicreques, “A nena e o Apalpador”, da compañía A Xanela do Maxín. Ademais, este ano a Semente presenta a 'Canción do Apalpador', interpretada por Luís  Vallecillo.

Alén disto, as redes sociais reciben o vídeo 'O Apalpador sae do Courel', un pequeno vídeo informativo dando a noticia de que o Carvoeiro sae dos soutos do Courel e diríxese a repartir os presentes por Compostela e o resto do país.

A ruada do Apalpador supón un intento de introducir no ámbito urbano unha celebración propia da cultura galega e ofrecer unha alternativa a outras tradicións de orixe foránea. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta