Intercambio de información entre o Consello de Contas e a Fiscalía sobre posibles delitos no sector público

Búscase promover mecanismos de autorregulación na implantación de prevencións de riscos de corrupción no sector público autonómico e local de Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/12/2018 | Actualizada ás 12:53

Comparte esta noticia

O Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suanzes, e o conselleiro maior, José Antonio Redondo, asinaron este mércores un protocolo de colaboración para a prevención da corrupción no ámbito do sector público na Comunidade galega. Entre outras cuestións, este acordo inclúe o intercambio de información sobre posibles delitos no sector público.

Comisión do Consello de Contas
Comisión do Consello de Contas

Entre as novas competencias que terá Contas en virtude deste acordo, prevese a promoción de instrumentos de colaboración cos órganos da Administración autonómica con atribucións en materia de transparencia.

Segundo explicou o órgano que dirixe José Antonio Redondo, estes terán como fin promover mecanismos de autorregulación na implantación, control e seguimento dos plans de prevención de riscos da corrupción no sector público autonómico e local de Galicia.

Deste xeito, o protocolo promoverá a colaboración das institucións no intercambio recíproco de información, a posta en común de criterios sobre a prevención da corrupción e a formación de empregados públicos.

INTERCAMBIO DE INFORMACIÓN

No primeiro destes apartados, o Ministerio público e Contas intercambiarán información sobre actuacións e feitos que poidan constituír ilícitos penais ou dos que se poidan derivar outro tipo de responsabilidades, como a contable. Tamén se darán traslado recíproco das denuncias que afecten o exercicio das súas propias competencias.

Ademais, ambas as institucións colaborarán na posta en común dos criterios adoptados que se consideren adecuados para a elaboración de plans de prevención da corrupción ou programas de cumprimento que afecten as entidades do sector público de Galicia.

Por último, ambas as institucións establecerán unha canle de información mutua sobre as actividades formativas que vaian desenvolver e participarán na organización conxunta de programas formativos dirixidos aos empregados públicos nos ámbitos da ética, a integridade pública e o control da corrupción.

MANDATO PARLAMENTARIO

E é que, conforme lembrou Contas, o Parlamento galego instou ao Consello de Contas a que adoptase as medidas necesarias para cooperar coa Fiscalía Superior na persecución de prácticas corruptas.

Así mesmo, lembrou que a Fiscalía ten por misión promover a acción da xustiza en defensa da legalidade, dos dereitos dos cidadáns e do interese público, polo que é unha peza indispensable na colaboración co Consello de Contas na prevención da corrupción.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta