Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2019 | Actualizada ás 12:24
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este xoves unha convocatoria de axudas dirixidas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de atención a persoas en situación de explotación sexual e vítimas de trata de seres humanos. As subvencións poden alcanzar ata os 70.000 euros.
Estas axudas están orientadas preferentemente a inmigrantes ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual ou laboral. Contan cun orzamento de 450.000 euros cofinanciado polo Fondo Social Europeo.
As contías están pensadas para subvencionar proxectos de atención integral coa finalidade de apoiar a recuperación e integración social e laboral, a través de accións de atención inicial nos chamamentos realizados polas autoridades xudiciais, fiscais ou políticas, para a atención inmediata de vítimas de trata de seres humanos.
Ademais, os proxectos tamén poden referirse á prestación de asesoramento social e actuacións de apoio directo, atención psicolóxica, asesoramento xurídico e orientación e asesoramento laboral.
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes a partir deste xoves e só poderán realizarse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Estas subvencións poderán ser recibidas por entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que estean inscritas na área de igualdade do rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais e que teñan o seu domicilio social ou delegación en Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.