As temperaturas baixarán ata os -7ºC en zonas de Ourense e Lugo

As noites do venres e o sábado serán as máis frías, segundo indica Meteogalicia. Con todo, esta onda de frío polar terá menos incidencia en Galicia ca noutros puntos do norte de España.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2019 | Actualizada ás 13:01

Comparte esta noticia

A onda de frío polar continental que chega este xoves á Península deixará en Galicia unha baixada das temperaturas menos acusada ca noutros puntos do norte do país, aínda que se prevén temperaturas de -5 e -7 graos nas provincias de Ourense e Lugo durante as noites do venres e o sábado.

Xeada, frío
Xeada, frío | Fonte: Europa Press

Meteogalicia indicou que a masa de aire frío polar continental entrará na península pola parte leste, deixando unha baixada significativa das temperaturas ao seu paso por esta zona e polo norte do país. Con todo, espérase que en Galicia ese descenso sexa menos acusado.

De feito, as temperaturas mínimas da madrugada deste xoves alcanzaron valores negativos, pero sen chegar a superar o aviso da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), xa que en ningún lugar houbo valores por baixo dos -4º centígrados, precisa a Xunta.

Para o venres e o sábado espérase que o aire frío persista sobre as mesmas zonas que este xoves, polo que en Galicia se notará un lixeiro descenso das temperaturas nocturnas. Porén, isto non se deberá á entrada de máis frío, senón a que baixará a velocidade do vento.

Neste sentido, desde Meteogalicia apuntan a que as noites serán máis frías, especialmente na provincia de Ourense e no sur e montaña de Lugo, con valores de -5º ou -7º. A entrada de aire frío notarase especialmente nas zonas altas e de montaña, nas que haberá moitos puntos que estean en negativo todo o día.

MES DE DECEMBRO SECO E MOI CÁLIDO

A onda de frío polar chega despois de que Galicia finalice o pasado ano cun mes de decembro atípico, seco e moi cálido, con temperaturas medias por encima do habitual e con menos choivas das esperadas. De feito, superouse en 2,1 graos a media habitual do mes e as precipitacións foron un 32% menores que a media de referencia.

Así se desprende do informe climatolóxico mensual de Meteogalicia, que reflicte que as tres primeiras semanas de decembro quedaron marcadas pola chegada de varias borrascas atlánticas que achegaron humidade e temperaturas en xeral suaves.

En cambio, os últimos días do ano predominaron as altas presións, o que propiciou que Galicia quedase illada da inestabilidade e da chegada de aire frío procedente do continente e gozase dunha situación anticiclónica.

Con respecto ás temperaturas, o balance de Meteogalicia constata que, en xeral, foron máis elevadas que a media climatolóxica, con máximas que se situaron nos 12,8 graos e as mínimas nos 6. A anomalía de temperatura media en decembro foi de 2,1 graos por encima do habitual, tomando como referencia o período 1981-2010.

Con todo, no leste da comunidade esta desviación chegou a ser de 4 graos e incluso en zonas nas que se rexistraron temperaturas medias próximas á normalidade, como é o caso de Monforte de Lemos, alcanzouse igualmente unha anomalía positiva de +0,8 graos. O último mes de decembro cunha anomalía tan alta das temperaturas foi o do ano 2015.

MES SECO, CUN 32% DE CHOIVAS

Ademais, decembro foi tamén un mes seco en Galicia, cunha precipitación media acumulada de 139 litros por metro cadrado. Este dato reflexa un déficit de choivas do 32% se se compara coa evolución das precipitacións no outro período de referencia que utiliza Meteogalicia nas súas análises, de 1961 a 2018.

En todo caso, a situación foi menos homoxénea que no que respecta ás temperaturas. Mentres que na Mariña lucense e na montaña ourensá se rexistraron os valores máis baixos de Galicia, con apenas 10 litros por metro cadrado, no oeste da comunidade recolleuse un 38% máis da choiva prevista para a época do ano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta