Acusan á Xunta de non querer solventar o problema dos gandeiros cos lobos

As principais asociacións agrarias piden a derrogación da actual liña de axudas de prevención de danos de lobo por conter "grandes trabas burocráticas".

Por Galicia Confidencial | | 23/01/2019 | Actualizada ás 18:12

Comparte esta noticia

A SGPF, Unións Agrarias, Sindicato Labrego e AGACA piden derrogar a acutal liña de axudas de prevención de danos ao lobo para poder revisar en profundidade desta orde de axudas, xa que aseguran que, tal e como está redactada, non axuda en absoluto a resolver o problema dos gandeiros con este animal polas grandes trabas burocráticas que pide a Xunta para pedir as axudas.

Lobo
Lobo | Fonte: Anadel.

O pasado 8 de xaneiro a Consellería de Medio Ambiente publicou a orde de axudas para a prevención de ataques de lobo ás ganderías galegas despois dun ano de espera. Pero diversas entidades denuncian graveserros de cara á súa aplicación práctica e efectiva. 

Un dos aspectos máis controvertidos destas axudas é que no momento de solicitude se deben de ter presentado no concello a perceptiva licenza e contar co resto de autorizacións no momento de solicitude (Rede natura 2000, augas, patrimonio, ...). “Así mesmo a Memoria Técnica requirida, que para o gandeiro ten un custe aproximado de 300 €, para unha axuda máxima de 3.700 € supón un gasto desmedido para a realización deste tipo de peche”, denuncia.

MASTÍN CON "PEDIGRÍ" OU CAN DE PALLEIRO

Tamén a inclusión da necesidade de mercar un Mastín con “pedigrí” ou a inclusión do Can de Palleiro como raza de protección do gando. Parte destes erros foron corrixidos o día 16 coa publicación da Corrección de Erros que establecía unicamente a necesidade de inscrición no libro xenealóxico aos cans da raza Can de Palleiro.

E outro dos puntos polémicos é o dos peches gandeiros. “A sorpresa foi maiúscula cando dende a SGPF contrastamos con tres empresas especializadas na realización de peches gandeiros (postes de madeira tratada, malla ovelleira e arames electrificados). As tres, unha vez lidos os requisitos dos peches establecidos no Anexo I punto 2 da orde, coincidiron en afirmar que estes peches non eran inviables tecnicamente e que caerían logo da súa instalación”, indica esta entidade.

SEN CONSENSO

Por iso, denuncian que a orde de axudas publicada o pasado 8 de xaneiro, e rectificada o 16 de xaneiro, foi redactada sen coñecemento nin consenso co sector gandeiro. “Queremos  recalcar  a  importancia  destas  axudas  para  acadar  un  nivel  de convivencia aceptable coa fauna salvaxe e fomentar medidas preventivas que permitan unha adecuada xestión  da  situación  actual”, apuntan.

“Lamentablemente,  logo  de  múltiples  reunións  e  intentos  de  achegar  as nosas propostas e posturas sobre a orientación das axudas ao longo de 2018, atopámonos agora cunha axuda mal planificada de orixe e con cambios, respecto das últimas publicadas en 2017, que van en contra das propostas presentadas e da realidade do sector”, conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta