Deseñan un software para que persoas con trastornos mentais podan recoñecer emocións a través da voz

O programa chámase "Voices" e está subido á Internet desde onde se pode baixar con diversos xogos autoaplicados centrados en traballar as emocións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2019 | Actualizada ás 20:07

Comparte esta noticia

Un equipo encabezado por investigadores da facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela (USC) traballa nun software "con resultados prometedores" na rehabilitación das habilidades para o recoñecemento de emocións no ton de voz por parte de persoas con certos trastornos mentais.

Doutora María Lado Codesido,. USC
Doutora María Lado Codesido,. USC | Fonte: Europa Press

A USC explica nun comunicado que as persoas afectadas por distintas patoloxías mentais, como a esquizofrenia ou o autismo, "presentan maior dificultade para recoñecer as emocións cando se relacionan con outras".Segundo explica a investigadora da facultade de Medicina da USC e médica psiquiátrica do Hospital Univesitario de Donostia que participa no equipo que desenvolve este novo programa informático, María Lado Codesido, "estes déficits supoñen unha peor integración social coa contorna".

O programa, chamado 'Voices', atópase dispoñible en Internet e nel atópanse "diversos xogos autoaplicados, atractivos e actualizados centrados en traballar as emocións mediante a obtención de puntuacións e, de forma paralela, mellorar o recoñecemento emocional e as habilidades sociais", explica Ledo Codesido. Ademais, moitos destes xogos foron recoñecidos como "eficaces", noutras publicacións científicas previas, polo grupo de investigación que dirixe o doutor Alexandre García Caballero.

A REVISTA PLOS ONE

Segundo informa o comunicado, a revista Plos One publicou un artigo cos resultados dun ensaio clínico realizado a medio centenar de pacientes diagnosticados de esquizofrenia ou de trastorno esquizo-afectivo. A medio grupo aplicáronselle programas de rehabilitación convencionais e á outra metade o programa 'Voices'.

Os resultados mostran que as persoas que traballaron co novo software contan con mellores puntuacións no test de recoñecemento emocional aplicados con anterioridade, fronte ás que seguiron os protocolos convencionais. O grupo de persoas que participaron como mostra para o estudo procedían do Hospital de Día dos servizos de Psiquiatría dos complexos universitarios de Vigo, Ourense e Ferrol, da residencia Ceboliño de Ourense e dos centros de rehabilitación psicosocial de APEM Carballo e da asociación Afaes Porta Nova de Narón.

María Lado asegura que os resultados suxiren que "a rehabilitación é posible e que o programa 'Voices' é útil para alcanzar este obxectivo". Con todo, puntualiza que, polo momento, non se coñece a estabilidade no tempo da melloría percibida nin poden dicir que supoña unha mellora directa no recoñecemento emocional na vida diaria destas persoas". "Actualmente seguimos traballando no deseño de novos programas para alcanzar os obxectivos propostos", explica a investigadora e médica psiquiatra.

O artigo, publicado en Plos One, asínano María Lado Codesido, Raimundo Mateos e Alejandro García Caballero, da USC; Cristina Méndez Pérez, do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo; e José Manuel Oliveirais, do Centro de Investigación Biomédica en Rede de Saúde Mental (CIBERSAM) e do mesmo centro hospitalario vigués.

'VOICES', UNHA ESPECIE DE XOGO

'Voices' é unha especie de xogo onde se escoitan distintas frases gravadas por actores e actrices profesionais. Nelas pódense detectar diferentes tons de voz e o usuario ten que elixir cal é o correcto entre varias opcións.

Existen oito sesións distintas, dúas cada semana, que representan distintos graos de dificultade progresiva. Logo de cada sesión obtéñense unha serie de puntos segundo os acertos producidos durante o xogo. Actualmente a páxina web de rehabiltiación, desenvolvida co financiamento do Sergas, xa ten máis de 1.000 usuarios en máis de 50 centros de oito comunidades autónomas diferentes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta